A CIG denuncia unha "sabotaxe" de Ferroatlántica á súa fábrica de Brens para "xustificar" o peche

O sindicato solicita á Xunta que esixa o cumprimento das condicións de explotación das centrais hidroeléctricas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2019 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A CIG concentrouse este mércores no porto de Brens --Cee (A Coruña)-- para expresar o seu malestar polo "desmantelamento" da factoría de Ferroatlántica nesta localidade. A central considera que a compañía está a levar a cabo unha "sabotaxe" da súa propia fábrica para "xustificar" o seu peche.

Concentración da CIG no porto de Brens, en Cee (A Coruña). CIG
Concentración da CIG no porto de Brens, en Cee (A Coruña). CIG | Fonte: Europa Press

Así o indicou Xabier Santos en declaracións a Europa Press minutos logo da concentración convocada pola CIG no porto de Brens, onde a central nacionalista protestou contra o traslado das materias primarias de dous fornos da factoría de Brens con destino a outra fábrica da empresa en Francia.

Santos, representate da sección da CIG en Cee, incidiu en que descoñecían a intención da empresa de trasladar a actividade desde Brens a Francia e que "unicamente" tiñan constancia do anuncio efectuado pola compañía de que os fornos "ían parar seis meses". Por iso, a CIG considera que se trata dun movemento para "sabotear" o centro de Brens coa meta de preparar o terreo para "xustificar causas obxectivas" de face ao peche definitivo da factoría.

En xullo de 2017, a Xunta denegou a solicitude de Ferroatlántica para segregar as actividades industriais e enerxéticas e así poder vender as centrais hidroeléctricas que explota na Costa da Morte, dos ríos Xallas e Grande.

Ano e medio despois, a CIG cre que a compañía que dirixe Juan Manuel Villar Mir pretende "boicotear" as plantas co traslado da súa actividade a outros puntos. "é un auténtico boicot, unha sabotaxe. O que pretenden é paralizar. Pechar a fábrica de Brens é un obxectivo que teñen aí e Villar Mir non cesa no seu empeño", remarcou Xabier Santos.

RECLAMAN Á XUNTA QUE ACTÚE

Así as cousas, a central nacionalista --cuxo secretario xeral, Paulo Carril, acompañou este mércores aos traballadores na concentración-- solicitou formalmente unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; para reclamar ao Goberno galego que "actúe de forma inmediata".

Xabier Santos recorda que é a Xunta quen debe velar polo cumprimento das condicións da concensión de explotación, que liga as centrais hidroeléctricas do Xallas e o río Grande co mantemento da actividade nas fábricas. Deste xeito, subliña que a parada de dous fornos en Brens e o traslado da súa produción a Francia "pon en perigo a viabilidade" da factoría situada no municipio de Cee.

O BNG CENSURA A "DESLOCALIZACIÓN ENCUBERTA"

Pola súa banda, o BNG expresou a súa "solidariedade" cos traballadores da factoría e censurou a "deslocalización encuberta" que, din, leva a cabo Villar Mir sen que exista "ningún tipo de xustificación obxectiva".

"O Bloque insta á Xunta a que espabile, que se implique nesta situación e que lle recorde a Villar Mir que ten unha concesión de explotación das centrais do río Xallas que non é a cambio de nada, senón a cambio de manter a actividade e os postos de traballo", resaltou a portavoz de Industria da formación frontista, Noa Presas.

Neste sentido, Presas incide en que "se se incumpre o que di esa concesión será o momento de sentar e esixirlle que o faga e que, se non, anunciar a reversión desas concesións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta