Debería seguir existindo a caza?

A actividade cinexética foi considerada un deporte e tamén unha maneira de aumentar o substento para as familias. Os colectivos contrarios a esta actividade poñen sobre a mesa a súa escasa incidencia económica ademais de non beneficiar o equilibrio ecolóxico. Os cazadores sinalan a capacidade da caza para fixar poboación no rural e as achegas ao PIB interno en Galicia.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A imaxe do cazador individual procurando algunha peza que levar para a casa hai moito tempo que deixou de existir. Hoxe en día a inmensa maioría das persoas que van á procura de pezas cinexéticas fano en grupo, con armas, axudadas por cans, GPS, radios, móbiles e vehículos todoterreo. Unha mobilización de medios cunha única finalidade, capturar e darlle morte ao animal.

Campionata de caza de cetrería celebrado en Lalín
Campionata de caza de cetrería celebrado en Lalín | Fonte: galegadecetrería

O debate sobre a pervivencia da caza ten, para os defensores desta actividade, o correspondente beneficio de ser unha vía de ingresos para o lugar onde se practica, a creación de postos de traballo no rural. En contra deste e outros argumentos está a considerada mala xestión do ecosistema e os desequilibrios entre especies, aumentando o número de porcos bravos, por exemplo, en detrimento dos seus depredadores naturais como serían os lobos.

O CAZADOR E A SÚA ACCIÓN

Os datos que ofrecen diferentes informes da Federación Galega de Caza, FGC, mostran un perfil de cazador masculino, maioritariamente relacionado co rural, cunha idade media entre os 35 e 50 anos. A maioría son traballadores por conta allea, aínda que o número de autónomos é importante, 40%. Exite tamén unha porcentaxe destacable de xubilados. A súa afección pode supor un gasto anual de 1.800-2000 euros por persoa. Isto inclúe equipos de transmisión, armas, roupa e calzado para o monte, xunto con vehículo, remolque e cans, se os ten en propiedade. Pero, é unha actividade económica? Pode introducir variables de desenvolvemento no rural?

“Si, é unha actividade económica porque move diñeiro ten unha relativa importancia”, di Martiño Nercellas de ADEGA. Sobre se é posible que permita ou axude á fixación de poboación no rural, Nercellas contesta que “non se pode despreciar o seu dinamismo económico no rural, é indiscutible, aporta un gran de area máis dentro dos traballos rurais”.

Paspallás, caza, cazar,. Europa Press - Archivo
Paspallás, caza, cazar,. Europa Press - Archivo

Javier Nogueira, presidente da FGC, considera que “a caza aporta ao PIB galego, tanto cuantitativamente e cualitativamente, moito, pois deixa por tempada uns 100 millóns de euros, algo comparable ao que aportaría a vendima do albariño por poñer unha comparación”. Nogueira destaca que a caza “aporta ao rural movemento económico durante a época do outono-inverno, durante o espazo de tempo no que menos dinamismo hai no rural”.

A FGC considera que o actual baleiro que se produce nas áreas non urbanas, fai  necesaria “máis xestión, precisa de persoas que se adiquen á caza, ao medioambiente, porque non hai caza sen xestión, sen un aproveitamento racional, todo ligado a diferentes aspectos, desde o turismo á mesma gastronomía e turismo”. Neste último apartado, Javier Nogueira remarca que “durante esta lexislatura xunto coa Secretaría Xeral de Turismo tentaremos levar adiante un plano de turismo ligado á caza”. Tendo en conta que a maioría de concellos galegos ten polo menos unha sociedade de caza por municipio, isto podería vertebrar un negocio polo menos, amplo territorialmente.

Sobre a eliminación de especies “a substracción ou eliminación dunha determinada especie animal trae consecuencias sobre todo o ecosistema, diga o que se diga”, sinala Nercellas. Sería isto o que está detrás do aumento poboacional do porco bravo por exemplo? “O cambio nas dinámicas de uso do monte, no pasado había unha actividade alta no monte, hoxe en día iso creo hábitats e refuxios para, xabarín e corzo”. Con todo, un exceso de animais cazados, coa intención de limitar o número de exemplares “pode ter un efecto rebote que pode traer unhas taxas de reproducción máis altas dentro desa especie, é dicir, un efecto contrario ao esperado”.  “Co xabarín non se está facendo xestión” di Nercellas, que apunta á eliminación de femias maiores, que xa teñen o seu territorio marcado, como outro factor no aumento de porco bravo. “As femias máis novas estarían substituindo ás maiores, que son as cazadas, e así o número de exemplares aumenta”.

Javier Nogueira insiste que para evitar a eliminación de determinadas especies e a sobre poboación doutras “están os planos de ordenamento, marcando o que hai que facer en cinco anos e marcar as capturas nese período, rectificando se fose necesario”. Para Nogueira está claro que “non se caza ao chou, senón que cazamos o que se debe cazar”.  O caso é que as batidas fanse logo dun plano elaborado por biólogos, veterinarios e expertos, que á súa vez é supervisado pola Administración e expertos, “por tanto pásanse filtros como o de vedas, dicindo que animais se poden cazar e cales non, como e cando”.

O RITO

O rito da caza ou, para algúns, o espectáculo da caza, consiste en capturar e matar un animal que para algúns “ten a oportunidade de escapar”. Este argumento entra en colisión co presentado por colectivos ecoloxistas. “O animal está acurralado e as forzas empregadas contra el son desproporcionadas, ademais é un animal en shock” di Nercellas. Desde Verdegaia, Diego Vieites apunta tamén ao que considera un exceso “como son esas cacerías de raposos, cun número de animais mortos moi alto, sinceramente, un espectáculo que parece sacado doutra época, doutro tempo”.

Javier Nogueira sinala que “a min gústame ir co menor equipo posible, o certo é que moitas veces, para a localización do can, máis que para cazar, coloco o localizador nos cans, porque a caza maior ten uns desprazamentos máis longos”. Nogueira quere remarcar que “o uso de equipos é por seguridade, máis que por captura” e sinala ademais que a orografía en Galicia non permite as “monterías” doutros lugares como Castela ou Extremadura. “Con todo, debo dicir que son máis as presas que escapan que as que caen” remata Nogueira. Para o presidente da FGC ademais, a evolución da caza non variou moito no substancial “porque finalmente é o enfrontamento entre un ser teoricamente racional e outro que teoricamente non o é, porque eses animais aprenden o comportamento das persoas”.

Sobre a caza do raposo, o problema, segundo as asociacións ecoloxistas é que son mesocarnívoros, carnívoros de orde media, que eliminan animais que poden infectar outros animais con doenzas como a de Lyme, transmitida polos carranchos e que pode afectar ao sistema nervioso do ser humano. Á parte que tamén se pode estender ao gando e animais domésticos.

“Hai que coñecer o contexto no que se dan esas batidas” di Nogueira. “Eu teño vivido as críticas a ese tipo de caza, porque pensan que é como nun circo romano, pero non é así, porque se desenvolven en espazos moi grandes, 250 hectáreas por cuadrilla, con espazos moi grandes onde na maioría dos casos non se caza e se se fai, a media é 1,5 ou 1,7 animais”.

O número de licenzas foi baixando co tempo “pero nun futuro inmediato non creo que desapareza, pero desaparecerán algunhas modalidades, como a caza menor” di Nercellas. Non obstante, a caza maior está medrando “como é o caso do xabarín ou corzo ou a do raposo”. Nogueira pola súa banda, considera que o descenso no número de cazadores “unha actividade ligada ao rural” vai parella á perda de poboación  no agro. En tal caso, a caza terá por diante varias décadas ata que se decida nalgún momento se ten ou non unha verdadeira utilidade. 

Caza
Caza
Cazador cazando
Cazador cazando
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

5 Libertad García

Pero que manía tiene la gente de izquierdas en este país con prohibirlo todo. A mi no me gustan el fútbol ni los ralis. Unos y otros provocan muertes, peleas, accidentes y espectáculos de dudoso gusto. Sin embargo, no pido que se prohíban. La caza es básicamente lo mismo de siempre. Los jabalíes, bien cocinados saben estupendamente, aparte de ser una especie sumamente abundante. ¿Qué hay de malo en cazarlos?

4 José

A caza de animais salvaxes hai que proibila, pero o secuestro e reprodución de centos de miles de animais domésticos en granxas intensivas para a súa explotación e posterior sacrifício podemos permitilos. Qué pasaría se todo o mundo mundial comese carne de porco, de vaca ou de galiñas?

3 Xesuscristo

si e para comer ou para controlar poboaciones de animais tipo porco bravo si... pero cazar por de porte a uns animaliños tan pequenos tipo raposos e pombas non debería ser ... non pode ser que xente aburrida ande por ahí solta pegando tiros polo medio do monte e de tolos ademáis a caza e caro deberían adicar os cartos a outras cousas mais positivas

1 vulpes vulpes

andas errado, o raposo o igual que as gaviotas e dos coñecidos como especies oportunistas, quero decir adaptanse moi ben a civilizancion ( basureiros, restos de comidas campestres...) dando lugar a superhabit poboacionais co desequilibrio que eso supon po resto dos micromamiferos e outroa animais de menor tamaño, e xa que os raposos non teñen un depredador dos mesmos salvo o lobo, visualmente non resultan digamos rechamantes como o caso do jabali por unha serie de factores tipo destrozos directos,( accidentes cos cohes ou destruccion de colleitas)

2 gbzj

A caza había que prohibila, o que queira disparar que tire o plato. A natureza regulase soia.

1 nostrus

Pois claro que debe existir porque hai un determinado numero de pezas que deben ser abatidas para que non se desmadre a Natureza e precisamente o bon é que os cazadores fagan este traballo gratis e inda porriba poñendo cartos, porque de non existir os cazadores tería que ser o estado quen se encargara de esta labor poñedo él os cartos dos nosos impostos.

1 M. Vila

Nostrus, falta escola: a natureza non se desmadra, somos os humanos os que provocamos desequilibrios coas nosas desafortunadas intervencións. E sóbrache antropocentrismo, desta vez non manifestas o acostumado supremacismo racial contra outros pobos e culturas humanas, senón contra pobos non-humanos. É que a terra non é propiedade exclusiva dos humanos, as fronteiras non rexen para outros animais cos que compartimos espazo... Hai outras visións posibles do mundo, unha nova filosofía política comeza a despuntar, aínda que para as vellas mentalidades vai ser difícil, pois aínda non descobristes que os outros humanos teñen igualdade de dereitos, logo os non-humanos xa non vos inquietan nada, para vós non senten nin sofren, están para usalos e divertirnos até coa tortura...

2 M. Vila

Triste espectáculo dos escopeteiros. Unha cousa era a caza para comer, moi ben reflexada no filme Dersu Uzala (O cazador), e outra a depravación en none de instintos primitivos para satisfacer necesidades que hoxe están cubertas. Ir de machos dominadores e abusadores faivos máis felices? Lamentable! Someter ao diferente, sexa doutro sexo, doutra cultura ou doutra especie, amosa os medos e as debilidades propias. Recoñecelo é a base para evoluir (se queres).