Guía para non perderse as cabalgatas de Reis desta fin de semana

Galicia recibirá a Melchor, Gaspar e Baltasar con ceos despexados e temperaturas que oscilarán entre os 10 e 17 graos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2019 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

As sete cidades galegas recibirán este sábado, día 5 de xaneiro, a visita dos Reis Magos a través das tradicionais cabalgatas, que percorrerán como cada ano as principais rúas repartindo, en total, case 30 toneladas de caramelos. A acollida ás súas Maxestades de Oriente terá lugar baixo ceos despexados e temperaturas que oscilarán entre os 10 graos de Ourense e os 17 de Pontevedra.

Cabalgata dos Reis Meigos de Tui e Valença do Minho. CONCELLO DE TUI
Cabalgata dos Reis Meigos de Tui e Valença do Minho. CONCELLO DE TUI | Fonte: Europa Press

A Coruña é a cidade na que voarán máis doces na tarde do sábado: un total de 12 toneladas. O desfile que arroupará a Melchor, Gaspar e Baltasar na cidade herculina sairán da avenida da Habana ás 17,30 e finalizará en María Pita ao redor das 20,30 horas.

A comitiva, conformada por 16 carrozas e catro trens, dará cabida a 450 nenos que acompañarán aos Reis no seu percorrido. O Concello despregará un dispositivo de seguridade especial no que participarán 279 persoas.

En Vigo, as súas emblemáticas luces do Nadal acompañarán a unha cabalgata que sairá ás 18,00 horas desde a rotonda de Isaac Peral para despois percorrer García Barcón e Policarpo Sanz ata a Porta do sol, onde As súas Maxestades serán recibidos polo alcalde, Abel Caballero, sobre as 20,00 horas, para recoller a chave da cidade.

Durante as dúas horas aproximadas que durará o desfile, as 15 carrozas, entre as que destacan as temáticas de 'Peter Pan' e 'Mary Poppins', e tres autobuses repartirán 4,5 toneladas de caramelos sen gluten e sen azucre. Ademais, haberá diferentes atraccións como espectáculos de 'clown', maxia e circo.

En Santiago destacará, entre as seis que integran a súa cabalgata, unha carroza dedicada ao clásico infantil 'Alicia no país das marabillas'. Entre as novidades tamén se atoparán os acróbatas e os zancudos, ademais doutros personaxes como estrelas luminosas, paxes reais, cartas danzantes, fadas e 'trasnos', que acompañarán aos Reis Meigos no seu desfile pola capital galega.

En total, participarán 450 persoas --160 voluntarios-- que repartirán 2 toneladas de caramelos percorrendo o Ensanche a partir das 18,00 da tarde, pasando por Praza Roxa e ata Praza de Galicia. Seguidamente, o desfile accederá ao centro histórico por Porta Faxeira e Xelmírez para chegar ás 19,30 horas á Praza do Obradoiro, onde terá lugar un espectáculo de danza acrobática.

PONTEVEDRA E LUGO

O desfile de Pontevedra terá lugar a partir das 18,00 horas desde a rúa José Malvar e concluirá en Praza de España. Ademais das tres carrozas dos Reis, o despregamento incluirá outras tres con motivos como os 'Fruitis' e 'O Rei León'.

A cabalgata da Boa Vila terá unha comitiva de 300 persoas que se encargarán de repartir un total de 2 toneladas de caramelos. O percorrido, que incluirá tamén camelos e cabalos, será amenizado por agrupacións musicais e charangas.

En Lugo, a cabalgata contará cun total de catro carrozas inspiradas nos contos de 'Disney' que partirán ás 18,00 da tarde desde o Parque da Milagrosa para dirixirse á Praza Maior. Unha vez alí, Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos pola alcaldesa, Lara Méndez, e atenderán as peticións dos nenos que se acheguen ao concello.

A comitiva desta cidade estará acompañada de grupos de música tradicional e personaxes fantásticos, ademais do resto de persoas que participarán e lanzarán unhas 2 toneladas de caramelos.

OURENSE E FERROL

En Ourense, os Reis Meigos chegarán ao redor das 17,30 horas á estación de tren, desde onde partirá unha cabalgata na que participarán máis de 300 persoas subidas en cinco carrozas coa temática de 'Un soño de Nadal' e deseñadas pola Asociación de Belenistas.

O desfile percorrerá a avenida das Caldas e a ponte romana para concluír na Praza Maior do Consistorio sobre as 20,00 horas, momento no que terá lugar unha tirada de fogos artificiais na ribeira do río Miño.

En canto a Ferrol, serán un total de oito as carrozas que farán o percorrido habitual polas rúas e que levarán a bordo a máis dun centenar de persoas, entre elas 80 nenos que foron seleccionados por sorteo.

VILAGARCÍA, TUI E NARÓN

Outros municipios galegos, aínda que máis pequenos, recibirán tamén a Melchor, Gaspar e Baltasar. En Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), un total de trece entidades, entre colexios e asociacións culturais, participarán na comitiva composta por seis carrozas desde as que se lanzarán 3,5 toneladas de caramelos. O percorrido comezará no Auditorio municipal ás 19,00 horas e concluirá no Concello.

En Tui (Pontevedra), celébrase este 2019 a décima cabalgata transfronteiriza que percorrerá tamén o municipio portugués de Valença do Minho. Os Reis Meigos serán recibidos na estación de tren da vila lusa ás 16,00 e o desfile comezará ás 17,00 horas.

Será ao redor das 18,00 cando as carrozas crucen a Ponte Internacional cara a Tui, onde as máis de 150 persoas que participan no desfile continuarán lanzando os 1.500 quilos de doces previstos. Concluirá sobre as 19,00 horas no paseo de Corredoira.

Pola súa banda, Narón (A Coruña) organizará como cada ano unha cabalgata solidaria que partirá ás 16,00 desde a chaira preto da estrada de Castela e cuxas carrozas estarán feitas polos veciños dos distintos barrios e parroquias. Ademais dos tres Reis Meigos, haberá un cuarto 'Rei da solidaridade': Artabán.

Ademais, contará coa participación do Centro de Recursos Solidarios, ao que se fará entrega de alimentos non perecedoiros e outros produtos doados polos cidadáns para as familias con escasos recursos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta