Galicia Hoxe ou a nosa identidade

Nós, os que atopamos na lingua un dos alicerces centrais da nosa identidade, non necesitamos de valoracións cuantificables, de se a lingua é usada por catrocentos millóns ou por catrocentos mil, é un dos soportes centrais da identidade cultural do pobo galego, todo o demais é relativo.

Por Xoán Vázquez | | 17/07/2011

Comparte esta noticia

Logo,  existimos como colectivo social porque temos denominador común. Ese é o gran valor do galego. Porque esa é a única gran constante: ter denominador común, Ser. Máis nacionalista ou menos nacionalista, máis españolista ou menos españolista, máis federalista ou menos federalista: simples puntos de vista, todos eles susceptibles ao cambio segundo as diferentes realidades e experiencias que nos vai deparando a vida.  Podemos escribir cousas moi diferentes ás que quedaron deitadas no ronsel do noso divagar. Podemos mudar de maneira de pensar. E aínda podemos atopar no silencio unha maneira elocuente de comunicar. Pero, se somos, se verdadeiramente existimos como colectivo social é porque hai elementos en común que así o afirman, constantes, impermutables, sobre as que se desenvolven as dinámicas individuais e colectivas inherentes a toda cultura.  Penso que a lingua é unha das afirmacións.  Logo, cando vemos pechar ao único xornal en papel que publicaba en galego, independente de se as posturas e afinidades do xornal son ou non da simpatía dun, debilitase esa afirmación colectiva, esa base común. A base común necesita nutrirse de tódalas formas de pensar, na constante da fala propia. Non obstante, esa tristeza non pode transformarse en cegueira nin condicionar a opinión crítica dos que, ao mellor, no noso dexergar nos atopamos con perspectivas  que non encaixan nos modelos máis acomodados. Somos nós, os iconoclastas, os primeiros en recoñecer que podemos estar equivocados, e que a nosa opinión pode andar carente de tódalas virtudes, agás unha: a honestidade.  Logo, e sabendo que hai outras moi diferentes, imos cunhas observacións da vida e herdanzas do finado xornal:
Demasiado fácil e demasiado pouco acusar a Núñez Feijóo do peche de Galicia Hoxe.   Que de seu non foi a catástrofe tan grande na realidade práctica coma nos eidos do corazón, aínda que semelle unha contradicción.  E aínda tamén non estaría de máis subliñar que ningún fracaso empresarial pode atopar a súa xustificación na ausencia de subvencións.  Pobres de nós se nos convertemos nun pobo onde todo teña que estar subvencionado. Daquela, a ver quén subvenciona a quén e con qué - abonde con ver onde está Grecia -. Mesmo, é posible que Galicia Hoxe nunca haxa existido como un xornal pleno,  na orde en que si existe El Correo Gallego ou calquera outro dos xornais do país. É posible que o finado for un simple experimento.  Mesmo, nin sequera me atrevo pensar que o seu alumeamento fora moito máis ca unha especulación comercial da que nunca chegaron os procurados rendementos. Pois claro que eu non sei nada das axudas que Xunta distribúe  á prensa en Galicia. E non me é nada difícil crer que esas axudas estean manchadas polo lastre, maldito lastre milenario, que segue afogando a Galicia nas pútridas augas da endogamia, nepotismo e caciquismo.  Non obstante, sei que Galicia Hoxe pertence á mesma casa ca El Correo Gallego, xornal que agás catro cousiñas puntuais en galego – se chega a catro - é todo publicado en castelán. Sei tamén que dos  dous xornais da mesma casa o que pechou foi o que publicaba na lingua propia do país.  E tamén que as dúas publicacións teñen acceso ao mesmo consumidor;  mais pechou  o que publicaba en galego.  Logo, non debera ser tan difícil aceptar que o galego ten desafíos e eivas moito máis graves cás notables indiferenzas institucionais, tamén as de Núñez Feijóo.

Lamentemos a caída de Galicia Hoxe.  Polo que significa. Polo que representa. Polo que di de nós como xente e como pobo.  Mais non polo proxecto empresarial, que nunca foi máis ca un “se cola cola, e se non cola pecha”.  Pechou.  Non caiamos no erro de crer que na casa de Galicia Hoxe tódolos fillos eran iguais.  Está no seu dereito –faltaría máis -  esta ou calquera outra empresa a embarcar en iniciativas empresarias experimentais deseñadas para lle  tomar o pulso ao consumidor. O que xa non encaixa é que andemos todos magoados e abatidos, aínda que queiramos ser solidarios coa empresa, porque para a empresa isto nunca foi máis ca un experimento que non rendeu. Nin máis nin menos. Unha iniciativa empresarial que non produciu os dividendos necesarios que meritaran a súa continuidade. De feito, o grupo empresarial, desde un principio, puido facer a publicación de El Correo Gallego e mais a de O Correo Galego: un  xornal, dúas linguas.  Contratar algúns filólogos para pasar as noticias do castelán ao galego ou do galego ao castelán, segundo o caso, os artigos de opinión ser publicados na lingua na que foran sometidos polos colaboradores, e xa tiñamos prensa en galego. Sacar do prelo cantidades desiguais, segundo a demanda, revisando os criterios cando for necesario, e moi pouco máis. Daquela creríalle que, en efecto, o interese polo galego houbera sido factor determinante.  Se a iso lle engadiramos – por lei - que toda actividade institucional comercial coa prensa (Xunta, Concellos, Deputacións), ou sexa, aquilo que for pagado con fondos públicos, tivera como condición mínima que os xornais beneficiados tiveran que, tamén, ter publicación en galego, probablemente os máis dos xornais galegos estarían nos quioscos tamén en galego. Sei que a publicación simultánea  nas dúas linguas significaría custo adicional para o sector. Non obstante, incentivar ese proceder é posible se se activan estes dous putos, ámbolos dous de carácter político e plenamente democráticos. Un, o falado:  toda acción comercial de carácter público ser orientada aos xornais que asumiran a responsabilidade de tamén publicar en galego.  Dous, os tres partidos maioritarios facer un chamado, conxunto, á cidadanía a rexeitar aqueles xornais reticentes á publicación tamén en galego. Se eses dous puntos de presión – plenamente coherentes cos valores da democracia - son suficientes para normalizar a presa escrita en Galicia, non se saberá ata que se poñan en práctica. Probablemente nunca.

Mais o galego padece de moitos outros problemas de fondo, os máis acuciantes dunha natureza plenamente económica: na conciencia de non poucos galegos, Galicia non é un país factible, por ende, a identidade galega, ao ser percibida como transitoria, é prescindible. Se non facemos de Galicia un país ilusionante, onde se poida facer vida, non imos conseguir facer da identidade galega, a súa lingua e as súas maneiras, un valor inalienable.  Os que incondicionalmente abrazamos a identidade galega non somos suficientes para garantir a súa sobrevivencia, e aínda moito menos o seu florecer.   E namentres o valor de ser galego se poida cuantificar e cotice á baixa,  as cousas non han ir ben.  Sen ir máis lonxe, amparándonos en comparación adheridas ás inmediacións da nosa realidade, no que atinxa á identidade como valor incuantificable é máis fácil convencer á xente en Cataluña ca en Galicia. E non é porque os cataláns sexa moi patriotas, é porque os cataláns saben que para facer vida non teñen que saír de Cataluña; ou sexa, a súa cultura non é transitoria, é para toda unha vida.  Ao fin, despois de escaravellar en todo, naqueles países onde as cousas de comer anden escasa, os valores inmateriais sofren, nalgúns casos de maneira moi notable e aínda se cadra con matices suicidas. Logo, os poucos cartos das arcas públicas que aínda nos queden dediquémolos a mellorar as posibilidades de que a nosa xente poida facer vida en Galicia, ou declaremos a nosa cultura un moribundo deambulante que sen sabelo vai a tombos nun camiño que só leva ao cemiterio. Queiramos ou non,  alimentar os abrollos dunha identidade cultural reclama almas e corazóns ceibes do pánico e terror que infunde a pobreza, o paro, a precariedade laboral, a ameaza permanente de ter que emigrar.  E desto, servidor sabe algo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA