O Concello de Ames súmase aos vehículos ecolóxicos

O goberno municipal de Ames presume xa de vehículos ecolóxicos. Este luns presentou os dous primeiros automóbiles ecolóxicos que entran a formar parte do conxunto de vehículos municipais, unha furgoneta eléctrica e outra híbrida de gas e gasolina. Con esta iniciativa, o goberno busca seguir traballando a favor dun modelo sostible, obxectivo que a finais de 2018 posibilitou a instalación de dous puntos de recarga para coches eléctricos.

Por Galicia Confidencial | Ames | 07/01/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Os dous vehículos ecolóxicos serán utilizados pola brigada de obras. “A adquisición destes dous automóbiles supón un paso máis na política ambiental do concello, con vistas a que, a medida que poidan necesitarse novas reposicións dos vehículos municipais, estas sexan de vehículos menos contaminantes”, indicou o concello.

Presentación de dous vehículos eolóxicos da frota municipal de Ames
Presentación de dous vehículos eolóxicos da frota municipal de Ames | Fonte: Concello de Ames

Á presentación asistiron José Miñones, alcalde de Ames, Blas García, concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, e Javier García, concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. 

Blas García quixo facer un chamamento tanto ao goberno central como ao autonómico para que se “traballe en pos dun incremento das axudas que repercutan directamente no cidadán que merque un vehículo deste tipo”. Así o actual goberno adoptou, no 2015, medidas de bonificación do 50% do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para vehículos híbridos e eléctricos.

Pola súa banda, José Miñones quixo recalcar que a aposta pola mobilidade sostible é unha idea que xa estaba presente no programa de goberno elaborado polo tripartito no inicio da lexislatura, polo que agora “o necesario sería dotar todos os anos unha partida orzamentaria para a adquisición de novos vehículos ou para adaptar os que xa hai e permiten esa conversión”. 

RECARGA PARA COCHES ELÉCTRICOS

O Concello de Ames, en colaboración coa empresa galega Movelco: solucións de mobilidade eléctrica ecolóxica, instalou en novembro de 2018 dous puntos de recarga para coches eléctricos. O obxectivo desta iniciativa é impulsar o uso do vehículo eléctrico, tanto por parte da propia administración como da cidadanía.

Así, a recarga con estes postes, de titularidade municipal, será gratuíta para os usuarios amesás durante o primeiro ano, mediante unha app móbil ou o uso de tarxetas. Os dous puntos de recarga están pensados para dar servizo non só aos condutores que residen no propio municipio, senón tamén aos usuarios de vehículos eléctricos que pasen por esta localidade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta