O Consenso Constitucional xa non existe

A conmemoración dos 40 anos de vixencia da Constitución española foi unha referencia abondosamente citada nas crónicas do ano que ven de rematar. A cifra -case coincidente coa duración da ditadura xurdida do golpe de Estado de Franco- era propicia para facer análises do sucedido nestas décadas e conxeturar sobre hipotéticos horizontes de futuro.

Por Xesús Veiga | Compostela | 11/01/2019

Comparte esta noticia
Facendo un percorrido moi sintético do escrito e falado nos últimos meses, cabe constatar unha singular asimetría:o número e intensidade das loubanzas pronunciadas sobre o texto constitucional non gardou relación coa evidente perda de consenso rexistrado entre as forzas políticas que fixeron posíbel a súa existencia.
 
Repasemos os dados.Daqueles partidos que suscreberon o pacto de 1978 (UCD, PSOE, PCE, AP e a Convergencia Democrática dirixida por Jordi Pujol) só o actual PP (que recolleu boa parte dos restos da UCD) e o Partido Socialista reafirman a fidelidade orixinaria.Os sucesores dos outros dous asinantes (IU e PDCAT) defenden hoxe posicións que non encaixan na arquitectura deseñada para o posfranquismo.O caso do PNV é singular:mantén as reservas críticas formuladas hai catro décadas mais non postula un rexeitamento global daquel cadro institucional.
 
Ademais destas mudanzas, concorren outras circunstancias significativas que incrementan a devaluación do pacto constitucional.O PSOE de Pedro Sánchez afirma con certa reiteración a súa vontade de promover a reforma da “lei de leis” por mais que non delimite con precisión o alcance dos cambios desexados.E o PP está pasando da negativa teimuda de Rajoy a calquera revisión da letra da “Carta Magna” -a pesar de que, no seu día, Fraga anunciara a súa disposición a modificar o título VIII porque lle resultaba excesivamente autonomista- ao verbalismo anticonstitucional de Casado (a reiterada petición da aplicación contundente e ilimitada no tempo do artigo 155 supón a eliminación do autogoberno de Catalunya e unha suspensión práctica do Estado das autonomías).Para mais inri, Aznar, Casado e Rivera estanse especializando en repartir carnets de constitucionalismo nos que xa non inclúen aos “traidores” socialistas que elexiron a Sánchez como segredario xeral.
 
Os novos partidos xurdidos a partir de 2014 carecen dos compromisos fundacionais da hexemonía administrada polo binomio PSOE-PP nas últimas décadas e realizan propostas de cambio de diferente dimensión e cunha orientación diverxente.A conclusión resulta evidente:no universo da elite política a Constitución deixou de ter a capacidade de consenso que exhibiu durante a meirande parte da súa vida.E qué sucede no corpo social? Nese caso, os resultados non son tan nidios porque operan factores xeracionais e territoriais moi relevantes.
 
Atopamonos, pois, ante unha situación que non ten unha saída practicabel a curto prazo.O edificio constitucional precisaría arranxos estruturais para enfrontar os importantes problemas presentes na vida política (Catalunya e a configuración territorial; as fendas entre o poder xudicial e os outros poderes do Estado; a insuficiente calidade democrática na elección e funcionamento das institucións representativas...) mais non existe o nivel de acordo requirido para semellante tarefa.A dificuldade é aínda maior se nos fixamos nas porcentaxes establecidas no texto constitucional para viabilizar a súa modificación.Certamente, os “pais” da criatura fixeron un traxe tan ríxido que agora non admite tratamentos flexíbeis.Algúns, hai 40 anos, dixemos que a Constitución non era un ponto de partida senón un ponto de chegada.Magoa que acertaramos nese prognóstico.
 

Manuel Fraga xura en presencia do rei Juan Carlos o cargo de vicepresidente e ministro de Gobernación do Goberno de Carlos Arias Navarro, en 1975.
Manuel Fraga xura en presencia do rei Juan Carlos o cargo de vicepresidente e ministro de Gobernación do Goberno de Carlos Arias Navarro, en 1975.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.