A CIG anuncia unha folga "inminente" para o sector das ambulancias ao non chegar a acordos para o convenio

Segundo a central sindical, a patronal do sector contempla unha redución salarial entre o 6 e o 7% e perda de complementos por incapacidade temporal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2019 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou este luns unha "inminente" convocatoria de folga do sector das ambulancias, despois de que o pasado venres a patronal rompese, segundo o sindicato, a negociación do convenio colectivo por volver propor unha rebaixa do convenio nun 10%.

Manifestación de traballadores das ambulancias en Santiago
Manifestación de traballadores das ambulancias en Santiago

Así o aseguraron os representantes do sector de transportes da Fgamt-CIG e os delegados do sector das ambulancias do Área Sanitaria de Santiago, que explicarán a proposta aos delegados da CIG na asemblea que está convocada para o vindeiro mércores, onde se decidirá como se realizará a folga.

Segundo explicou o responsable nacional do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, a do venres era a terceira reunión da mesa de negociación que se producía logo de rexeitar con anterioridade a proposta da patronal dunha rebaixa do 10% do convenio.

Tal como asegurou a CIG, a proposta da patronal contempla unha redución salarial do 6% ou do 7%, así como a perda dos complementos por incapacidade temporal, a redución de días de asuntos propios, a creación de tres escalas salariais, "e incluso recortar no lavado de roupa e de uniformes".

PIDEN INCREMENTOS SALARIAIS

Pola súa banda, os traballadores reivindicaron un incremento salarial pola vía do recoñecemento do dereito a percibir unha terceira paga extra, así como a redución do número de horas, "que se ampliaron estes últimos anos ao crecer nun 20% o número de servizos realizados sen incrementarse o persoal".

Ademais, pediron melloras no ámbito da saúde laboral, xa que, a pesar de que a media de baixas en Galicia é do 5%, neste sector, a pesar de que a media de idade está ao redor dos 40 anos, a media de baixas é do 13%, "na inmensa maioría por problemas músculo-esqueléticos".

Pastoriza culpou á Xunta de Galicia desta situación, "por sacar contratos por baixo do custo e por aceptar as propostas con baixa temeraria que presentaron as empresas para competir entre elas". Así mesmo, o representante da Fgamt-CIG de Compostela Inácio Pavón invitou ao resto de centrais sindicais a sumarse á convocatoria de folga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta