Temas: FRASEOLOXíA

“¡Vaites + substantivo!” ou “¡Vaia + substantivo!”, en troques de “¡Menudo/a + substantivo!”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 20/01/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Cando alguén pretende salientar que unha cousa ou persoa presenta certa calidade especial ou certa calidade en moi alto grao –tanto que sexa nun sentido positivo coma que sexa nun sentido negativo–, conferíndolle deste xeito unha especial importancia e destacándoa de cara ó receptor ou receptores da mensaxe, é habitual escoitar cada vez máis a locución *¡menudo + substantivo! (inda hai un par de semanas, sen ir máis lonxe, aparecía rotulado na sección de meteoroloxía da Televisión de Galicia o texto *¡menuda friaxe!), que non vén a ser máis ca outro exemplo de interferencia a xeito de castelanismo, bastante claro ademais desta volta, na medida en que, en todo caso, á voz menudo/a do castelán lle correspondería en galego a forma miúdo/a.

Titular da portada do diccionario Cumio de expresións e frases feitas castelán-galego
Titular da portada do diccionario Cumio de expresións e frases feitas castelán-galego

Non obstante, en galego temos secuencias que dan conta dese mesmo contido e intencionalidade comunicativa, como imos ver a seguir:

¡Menudo/a + sustantivo! && ¡Vaya + sustantivo!

{= Expresións con que se destaca que a cousa ou persoa designada polo substantivo presenta algunha calidade especial ou algunha calidade en moi alto grao –tanto que sexa nun sentido positivo coma negativo–, o cal fai que quen emite o enunciado lle confira unha especial importancia.}

¡Vaites + substantivo!

¡Vaia + substantivo!

[TAMÉN, ASOCIADA MÁIS BEN A ÁMBITOS DE USO POPULARES E/OU FAMILIARES]:

¡Cacho (de) + substantivo!

Ex.: ¡Menuda bronca nos echaron por su culpa!

¡Vaites bulla Vaia bulla Cacho (de) bulla nos botaron pola súa culpa!

Ex.: ¡Menudo buga se ha comprado el pavo!

¡Vaites carro Vaia carro Cacho (de) carro comprou o guicho!

● Tamén, en certos contextos:

¡Tamaño/a + sustantivo! && ¡Semejante + sustantivo!

¡Tamaño/a + substantivo! && ¡Semellante + sustantivo!

Ex.: ¡Tamaño carro Semellante carro comprou o guicho!

NOTAS:

1. Aproveitando o segundo do exemplos que puxemos, nótese que en galego sería incorrecta unha secuencia do tipo ¡Vaites carro *se comprou o guicho!, xa que a nosa lingua rexeita a nivel xeral a estrutura lingüística coñecida como “reflexiva indirecta”, isto é, aquela construción que consta –polo menos– dun suxeito, un verbo, un complemento directo e un complemento indirecto constituído por un pronome reflexivo (ou sexa, se para a 3ª persoa de singular e plural e me, te, nos, vos para, respectivamente, 1ª de singular, 2ª de singular, 1ª de plural e 2ª de plural). Ex.: Roberto se operó la nariz (onde “Roberto” é o suxeito, “operó” o verbo, “la nariz” o complemento directo e o “se” o complemento indirecto), que en galego viría a corresponderse con Roberto operou o nariz, pero non con *Roberto operouse o nariz.

Dado que se trata dunha secuencia espuria e cada vez máis estendida, mesmo entre galegofalantes de sempre, imos aproveitar para fornecer unhas pinceladas que tenten achegar un pouco de luz ó respecto, inda a risco de facer un pouco pesado o artigo:

ENUNCIADOS INCORRECTOS

ENUNCIADOS CORRECTOS

*Non te laves a cara con auga fría.

Non laves a cara con auga fría.

*Bebinme un vaso de viño.

Bebín un vaso de viño.

*Comprouse un coche.

Comprou un coche.

*Bótase máis cremas na cara ca pouco.

Bota máis cremas na cara ca pouco.

*Invéntate unha escusa.

Inventa unha escusa.

*Ponte o xersei, a ver se che é acaído.

Pon o xersei, a ver se che é acaído.

*Tómase as cousas moi en serio.

Toma as cousas moi en serio.

*Deixa de te retocar tanto o pelo.

Deixa de retocar tanto o pelo.

*Meteuse unha raia de coca.

Meteu/Meteulle unha raia de coca.

*Bebeuse tres cubatas.

Bebeu/Bebeulle tres cubatas.

*Rompícheste un pé?

¿Rompiches un pé?

*Este mes xa me lin tres libros.

Este mes xa lin tres libros.

*Levouse a man ó peito.

Botou/Levou a man ó peito.

*Está na idade de facerse peras.

Está na idade de facer peras.

*Cálate a boca.

Cala a boca.

*Así que che dixo que lle tocara a primitiva? Pois eu non mo creo.

¿Así que che dixo que lle tocara a primitiva? Pois eu non o creo.

*A oposición dispárase nos pés cando fala de derrogar esa lei.

A oposición dispara nos (seus/propios) pés cando fala de derrogar esa lei.

*Afeiteime a barba, pero deixeime un pouco longas as patillas.

Afeitei a barba, pero deixei un pouco longas as patillas.

*Levouse o balón coa man. / *Levouse un bo pellizco na primitiva. / *A mesa leveima para a casa.

Levou o balón coa man. / Levou un bo pico na primitiva. / A mesa leveina para a casa.

*Deuse un golpe contra a porta.

Levou un golpe contra a porta.

*Voume pegar un chapuzón.

Vou pegar un chupo.

*Sácate a careta.

Saca a careta.

*Ti seica pensas que me chupo o dedo?

Ti seica pensas que chupo o dedo?

*Límpate os mocos.

Limpa os mocos.

*Levouse un bo pau.

Levou un bo pau.

*Non te perdas a película de hoxe.

Non perdas a película de hoxe.

*Límpate o bico.

Limpa o bico.

*Deixouse a pel para conseguilo.

Deixou a pel para conseguilo.

*Saltácheste unha páxina. / *Saltouse un semáforo en vermello e puxéronlle unha multa.

Saltaches unha páxina. / Saltou un semáforo en vermello e puxéronlle unha multa.

*Era un tío tan pesado que tiven que facer números para sacarmo de enriba. / *Sacouse o balón de enriba.

Era un tío tan pesado que tiven que facer números para sacalo de enriba. / Sacou o balón de enriba.

*O susto que me levei foi impresionante.

O susto que levei foi impresionante.

*Pregunta o que queiras, que mo sei de memoria.

Pregunta o que queiras, que o sei de memoria.

*Fun de compras e gasteime mil euros en menos dunha hora.

Fun de compras e gastei mil euros en menos dunha hora.

*Eu creo que me merezo polo menos un notable.

Eu creo que merezo polo menos un notable.

*Non te fregues os ollos.

Non fregues os ollos.

*Estúdate ben eses catro temas.

Estuda ben eses catro temas.

Observade que en todos estes enunciados o pronome reflexivo non engade ningunha información pertinente:

- Se alguén lava a cara, lava a súa propia cara, e non hai outro xeito de entendelo (se lavase a cara de alguén, teriamos que engadir un pronome átono non reflexivo e/ou unha locución: Non lle laves a cara a túa irmá / Non laves a cara de túa irmá).

- Se bebo un vaso de viño, béboo para min, e non hai outro xeito de interpretalo (se lle bebese un vaso a alguén, xa tería que meter un pronome non reflexivo: Bebinche/Bebinlle/Bebinvos… un vaso de viño).

- Se alguén comprou un coche, comprouno el mesmo, e en principio para si (se o compra para outra persoa, e quere dar esa información, xa tería que meter un pronome non reflexivo e/ou unha locución: Compreille un coche ó fillo / Comprei un coche para o fillo).

- Se alguén bota cremas na cara, bótaas na súa cara e non hai outro xeito de o entender (se as botara na cara doutra persoa xa o habería que especificar mediante, por exemplo, un pronome non reflexivo: Bótalle [á súa filla] máis cremas na cara ca pouco). E no caso de que se queira dar a entender que o que se fai é a acción xeral, ou o traballo, consistente en botar cremas na cara nun salón de beleza, ou en retocar o pelo nun salón de peiteado, xa será en principio o propio contexto o que nos dará a clave para entendelo deste xeito [p. ex.: —E cal é a túa función alí? —Pois a de botar cremas na cara (da xente). // O que fago na perruquería é retocar o pelo (da xente) / retocarlle o pelo á xente].

- Se alguén inventa unha escusa, invéntaa el mesmo e non hai outro xeito de o entender.

- Se ti pos un xersei, pólo ti e pólo para ti, dado que de non ser así xa o habería que especificar mediante algún pronome (Ponlle o xersei).

Etc.

Con todo, tamén hai casos que poden presentar algunhas peculiaridades específicas, coma os que a seguir se expresan:

ENUNCIADOS INCORRECTOS

ENUNCIADOS CORRECTOS

*Fíxenme unha limpeza de cute.

Fixen unha limpeza de cute.

*Operácheste os beizos?

Operaches os beizos?

*Fíxenme un traxe.

Fixen un traxe.

Así, calquera destes enunciados os entenderiamos en principio sen ambigüidade se os escoitamos emitidos por unha persoa calquera.

No entanto, en función dos contextos podería haber casos en que cabería a posibilidade dunha certa ambigüidade:

- Así, se sabemos que quen emite o primeiro enunciado é unha persoa profesional dun centro do estética, o que poderiamos entender é, por exemplo, que no día de hoxe fixo (e que lla fixo a alguén) unha (e só unha) limpeza de cute.

- Do mesmo xeito, se escoitamos que a pregunta “Operaches os beizos?” se lle fai a un cirurxián, temos en principio dúas opcións de interpretación:

a) Estanlle a facer a pregunta de se, por iniciativa propia, experimentou el mesmo unha operación estética nos beizos (ou sexa, se alguén o operou dos beizos).

b) Estanlle a facer a pregunta de se lle fixo a alguén unha operación de beizos xa coñecida de antemán polos interlocutores.

- E, igualmente, se escoitamos dun alfaiate o enunciado “Fixen un traxe”, o máis normal case sería pensar que confeccionou un traxe para alguén, pero non para si mesmo.

Así pois, nestes poucos casos en que se poida dar algún tipo de ambigüidade, o máis tradicional para resolvela é recorrer a outros procedementos (p. ex.: Fixen unha limpeza de cute a/para min mesma), pero tamén é lícito botar man da construción reflexiva indirecta, inda que normalmente con reforzo dalgunha locución. Exs.: Fíxenme unha limpeza de cute eu mesma / Fíxenme unha limpeza de cute a min mesma.

Ou, se o xastre quere indicar que fixo un traxe para si mesmo, diría precisamente algo así como Fixen un traxe para min / para min mesmo, ou Fíxenme un traxe a min mesmo.

Con todo e iso, parece que hoxe en día a tendencia vai no sentido de ir admitindo este tipo de construcións reflexivas indirectas con certos verbos de lingua (en liñas xerais, aqueles que denotan a emisión dalgún tipo de información a través da linguaxe, coma por exemplo expresar, preguntar, declamar, pronunciar, murmurar, recitar, conversar, berrar…) ou semellantes, así como tamén (cando menos implicitamente, inda que na norma actual non se concrete nada ó respecto) en construcións verbais que resultan claramente imprecisas ou poden dar lugar a equívoco se non van acompañadas do pronome reflexivo, ou nas cales directamente a información que se fornece é distinta en función de se aparece o dito pronome reflexivo ou non. Exs.:

Preguntácheste por que queren subir agora os impostos? [Se dicimos Preguntaches por que queren subir agora os impostos? xa estariamos entendendo outra cousa, pois entenderiamos que se lle fixo a pregunta a alguén que non se concreta.]

Cómpre ter en conta, igualmente, que resulta imposible a confluencia dos pronomes reflexivos se ou te cos pronomes acusativos de obxecto directo (isto é, o/lo/no, cos respectivos femininos e plurais). Deste xeito, e en relación co exemplo anterior, nunca poderiamos dicir *Preguntáchesto?, posto que neste caso o pronome reflexivo sería te (diriamos, por exemplo, Preguntácheste iso?).

Pegouse un tiro. [Estariamos ante un caso semellante ó anterior, xa que de lle quitarmos o pronome se a expresión quedaría como Pegou un tiro, o que nos faría entender que o suxeito da acción o que fixo foi simplemente disparar. E, de igual xeito ca no exemplo anterior, non poderiamos dicir *Pegouso, xa que o pronome reflexivo é se.]

Non me podo permitir estes luxos. [Igualmente, se sacamos o pronome me xa estariamos dando unha información distinta, polo que neste caso a súa presenza é totalmente pertinente.]

Así mesmo, e en relación igualmente con este tipo de construcións, obsérvese que hai certos casos expresivos de reflexivas indirectas en castelán que no galego tradicional se resolven de forma sintética (isto é, botando man unicamente dun verbo, e non dunha locución verbal) ou con frases feitas:

Hacerse daño: magoarse, mancarse. Mesmo tamén danarse ou –non recolleita na actual normativa– lastimarse. E inda incluso, en función dos contextos, ferirse ou lesionarse.

Hacerse un lío: enlearse, atrapallarse, ensarillarse, embarullarse, embrollarse, enredarse, encerellarse, enguedellarse, enmarañarse, learse… [mesmo tamén neste caso, e en función dos contextos, se podería optar por facer/armar un lío, facer/armar un sarillo ou expresións semellantes].

Darse tono, darse pote, tirarse el moco: chufar(se), fachendear, borrear, campar, enfoncharse, gabarse, presumir. Mesmo tamén xactarse. E incluso, neste caso, con frases feitas propias da nosa lingua: botar por ela, gastar/botar borra, botar por fóra, botar por si, pintar a rabia.

Ponerse las botas (=comer e beber moito; obter moito beneficio ou moi bo resultado en algo): encher as canizas, encher o fol.

¡Tócate los huevos!: ¡tócalle o carallo!, ¡tócalle o carallo á lancha!, ¡tócalle o carallo ó mar!, ¡mételle a man no carallo!, ¡tócalle o carallo a Xan do Outeiro!

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Instituto da Lingua Galega: Tesouro Informatizado da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta