Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/07/2025 | Actualizada ás 15:46
"Afortunadamente a maioría de turistas que nos visita non teñen esas actitudes, que é o máis importante". Así despachou este luns o presidente da Xunta a polémica xurdida tras o "ataque" recibido por unha guía do dolmen de Dombate por falar en galego durante unha visita. Deste xeito, o presidente galego non cre necesario a aprobación de ningún protocolo ou medida que defenda, en situacións semellantes, a traballadores que sexan discriminados por utilizar a lingua oficial do noso país.
"Creo que máis importante que os dereitos lingüísticos é reclamar un turismo educado e respectuoso. O que demostra é que esas persoas son maleducadas e non gardan respecto por profesionais que fan o seu traballo. Afortunadamente a maioría de turistas que nos visita non teñen esas actitudes, que é o máis importante", dixo Rueda sobre esta polémica na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
A guía, contratada pola Deputación da Coruña, realiza o seu traballo no dolmen de Dombate no que as visitas oficiais son en galego. Segundo denunciou, foi "atacada" e mesmo empurrada por seis turistas de Valladolid que lle chamaron "cateta" e "imbécil" por non expresarse en castelán. Ante estes feitos, difundidos en X, a Deputación da Coruña --de quen depende a xestión deste lugar-- mostrou "tolerancia cero" ante faltas de respecto ao uso desta lingua.
O GALEGO NA UE
Por outra banda, Rueda volveu rexeitar a oficialidade do galego na UE, tal e como reclaman os presidentes de Cataluña e Euskadi, e tal e como busca o Goberno español desde hai meses. O presidente galego volveu a incidir nos argumentos utilizados polo seu partido, o PP, de que esta petición non é unha "necesidade real" do pobo galego nin é "boa para Galicia". "Esa práctica ten que ver máis coas necesidades de Sánchez que con necesidades reais", sostivo.
Tal e como xa dixo Alberto Núñez Feijóo, Rueda tamén cre que esta reclamación do Goberno central é para "ter contentos" aos socios cataláns."As linguas cooficiias non lle importan nada, hai outras razóns", mantivo. Así, destacou que os 40 millóns que custa oficializar o galego, catalán e euskera na UE "poden servir para outras cousas", nomeadamente, dixo, para o perte da lingua. "Temos un montón de propostas como é o novo sistema procesual de xustiza que custa dous millóns que quere que o pague a Xunta.. A lingua é moito máis seria e se defende doutra maneira", engadiu.
Neste sentido, criticou que a medida que buscan os gobernos español, catalán e vasco é que se reproduzan ao idiomas cooficiais documentos administrativos da UE. "A Xunta ten ideas moito máis efectivas que isto", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.