Gastronomía e turismo rural, unha combinación que está de moda en Galicia

O 'Outono gastronómico en turismo rural' pechou a súa 12ª edición con preto de 5.000 participantes e cuns 330.000 euros de impacto económico

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2019 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O 'Outono gastronómico en turismo rural', organizado pola Consellería de Cultura e Turismo, pechou a súa duodécima edición coa participación de 4.820 persoas, que optaron por esta combinación de experiencias gastronómicas coa estancia en establecementos rurais.

Cartel do 12º Outono gastronómico en turismo rural. XUNTA DE GALICIA
Cartel do 12º Outono gastronómico en turismo rural. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Con este balance, esta proposta turística foi elixida xa por máis de 64.000 persoas, que participaron en parella, en familia ou con amigos nos 12 anos que leva en marcha. Desta volta, o programa contou con 86 casas rurais nas catro provincias, das que 25 eran establecementos da provincia de Pontevedra, 23 da Coruña, 19 de Ourense e 19 de Lugo.

Cunha cualificación de 4'7 sobre 5, os responsables destes negocios valoran como moi satisfactoria a súa experiencia. Nove de cada dez repetiría en próximas campañas para axudar a atraer visitantes fóra de tempada alta, segundo informa a Xunta nun comunicado.

A campaña deste ano pechou cuns resultados económicos estimados que superaron os 330.000 euros de ingresos para o total de establecementos participantes.Ademais, tamén destacou o incremento do seu impacto en Internet e nas redes sociais, cun aumento do 30% con respecto á campaña anterior.

FOMENTAR O TURISMO RURAL DURANTE TODO O ANO

O 'Outono Gastronómico en Turismo Rural' desenvolveuse entre os meses de setembro e decembro, con dous menús diferentes deseñados especificamente. Entre as modalidades propostas podíase elixir entre opcións sen pernoctación, cunha soa noite, dúas ou para dúas noites con nenos.

Segundo os datos da Xunta, esta iniciativa está a contribuír a avanzar na desestacionalización do destino, algo no que se traballa da man da Estratexia do Turismo de Galicia 2020. Os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) revelan que só en novembro este segmento turístico experimentou un aumento no número de viaxeiros do 13,6%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta