Así é a dura quenda de noite na recollida de lixo

A recollida de lixo pola noite é un fenómeno que “se sabe, pero non se ve” moitas veces. Galicia Confidencial quixo coñecer algo máis os traballadores e traballadoras deste servizo na cidade de Santiago. Cunha xornada laboral que comeza no polígono do Tambre e na rúa Pitelos, estas persoas fan un traballo que, cos anos, foi cambiando e mesmo hoxe en día ten unha maior aceptación social que décadas atrás.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Son as dez e media na sede de Urbaser no Polígono do Tambre. Suso, o encargado do turno de noite, está xa na súa oficina mirando as saídas e os nomes programados para a noite do xoves ao venres. Dentro da nave, ademais do local do encargado, están os vestiarios e o espazo onde aparcan as barredoras mecánicas, algúns camións de limpeza especial como o que baixa á praza do Obradoiro ás cinco da mañá e tamén ferramentas como vasoiras, enciños e as “sopladoras”, máquinas para apartar follas empurrándoas con aire.

Equipo de barrendeiro
Equipo de barrendeiro | Fonte: Moncho Mariño

“Hoxe en día somos 26 no turno de noite para a recollida en camión” di Suso. Os camións son de carga lateral e de carga traseira. Os condutores destes vehículos van acompañados por outros compañeiros que cargan no caso dos de traseira e abren os contedores soterrados, no caso dos lateriais. “Agora é un traballo que se leva ben, eu estou no de noite desde que entrei” relata o encargado. “As cousas cambiaron moitísimo, antes ninguén quería ser barrendeiro e hoxe case que temos “lista de espera” para entraren persoas novas”. Mesmo hai xente que deixou outros traballos para entrar neste servizo.

UNHA PERSPECTIVA

O tratamento social cara este oficio cambiou? “Si, ademais a xente que traballa hoxe en día é xente profesional, cun grao de responsabilidade moi alto” di Suso, quen recorda os tempos cando había que “ir detrás ás veces dos señores maiores que traballaban aquí hai moitos anos, porque algúns pois paraban tomar algo ou se “despistaban””.

Dificultades na manobra de recollida
Dificultades na manobra de recollida | Fonte: Moncho Mariño

E a xente, a sociedade? “Buf, moito, cambiou moito, a ver, aínda hai quen se mete con nós pero agora non é nada comparado con hai anos”. E é que durante os oitenta e noventa, a quenda de noite padecía as “noites dos xoves”. “Había sitios desde os que tiraban globos con auga, cortizas, ovos e isqueiros, a min déronme con un na man mentres levaba o ciclomotor nunha das quendas” relata Suso.

Tamén hai anécdotas sobre o que se atopa dentro do que deixa a xente no lixo. “Ninguén me cría pero foi certo, dunha vez encontrei unha perna ortopédica nun dos contedores” di Suso mentres baixamos cara o centro da cidade. “A xente tira cousas que nin imaxinamos, pero o que máis molesta é que sabendo da existencia de puntos limpos, son moitas as persoas que non chaman e é un servizo gratuito”.

COUSAS QUE APARECEN

Suso refírese ao depósito de mobles, colchóns ou electrodomésticos. Unha chamada a Urbaser indicando o lugar onde se vai depositar e pola noite será recollido polo camión. O caso é que “se unha persoa chama, avisa que deixa un moble, non é estraño que os demais veciños aproveiten e depositen os seus aparellos sen avisar esperando que tamén llelos leven” di Suso. Isto ocorre igual coas bolsas ao pé dos contedores, “chega que unha soa persoa deixe unha bolsa sen meter e xa virán detrás moitísimas máis, e ás veces co contedor a medio encher” di Xosé, que acompaña o camión no que imos. No caso dos contedores soterrados é algo moi frecuente. Luis, condutor de camión de carga lateral, con varios anos de experiencia, di xusto no momento que abre un dos contedores “mira a de bolsas que hai por fóra, e a boda do contedor está atrancada, o meu compañeiro dálle un golpe e xa está libre, se o que depositou a bolsa de lixo fixese o mesmo, non habería tanto lixo arredor das bocas dos soterrados”.

Non obstante, o parque de camións actual acusa xa as horas de traballo acumuladas, os quilómetros, o movemento da máquina de carga e moitas outras cuestións. Todo isto fai que os vehículos teñan unha vida media que ás veces pode sobrepasarse por diversas circunstancias, unha delas a falta de orzamento para a renovación da flota. “Este camión ten case 160.000 quilómetros, pero cóntase que para o 2021 teñamos os novos camións”. No caso de Luis, condutor, o carné é o C, ademais de ter un curso para o manexo da consola para carga do camión. Por outra banda, cada camión é de cada turno, aínda que se é necesario pode dar servizo noutro para cubrir unha ausencia.

No caso de condutores e traballadores, rotan, van cambiando de zona. Os condutores cada mes, os traballadores a pé cada quince días. Antes existían unha quenda partida que agora foi suprimida. Preguntándolles a algunha das persoas que traballan no servizo de recollida se lles importaría que os seus fillos traballasen no seu oficio “non, non me importaría” responden. E é que hoxe en día e tal como din eles, a consideración social deste traballo é vista con outra perspectiva.

Os camións de carga lateral deseñáronse para que “praticamente fose unha soa persoa quen recollese mediante comandos para abrir o soterrado, logo coa consola do camión mover os brazos para recoller o contedor e baleiralo dentro do camión”. Aínda así, canda o condutor vai outro compañeiro que é quen abre mediante un comando automático os diferentes contedores soterrados. “Tivemos que ir cambiando os comandos, uns foron avariando e deixaron de funcionar e agora case que temos comandos para abrir para cada rúa, pero en breve serán todos igual para cada zona” di Suso o encargado do turno. Os camións de carga traseira son os máis recoñecibles, os que levan dous traballadores detrás, un en cada esquina sobre cadansúa plataforma. Por seguridade, levan casco para evitar lesións na cabeza por caída.  Os accidentes de traballo non son raros aínda que a sinistralidade é baixa. Si que se ten dado a morte por accidente laboral dun empregado doce anos atrás.

MANOBRAS

“As rúas que foron reformadas para unha única dirección non permiten a circulación fluída, se estamos cargando os de atrás deben parar, se é o caso dunha ambulancia temos que deixar parte do traballo sen facer porque é unha emerxencia” di un condutor. “Tamén as árbores ornamentais, non digo que estean mal, pero ás veces impiden que poidamos ver con claridade a manobra de carga e se hai alguén perto para que non haxa perigo”.  Mais tamén os peóns son responsables de comportamentos que os poñen en risco, “mira están pasando por detrás da comporta do soterrado, se nun momento un dos brazos do camión dá para atrás, ao mellor temos un accidente” di outro condutor. Mais tamén está o feito de que a ocupación das beirarrúas por terrazas, pode traer canda si o inconveniente dunha mala manobra ou mesmo, o risco de accidente laboral para o traballador que abre as comportas dos soterrados. Ás veces estas terrazas non son recollidas á súa hora e permanecen xunto ás plataformas elevadoras impedindo a correcta maniobrabilidade da máquina.

A capacidade destas máquinas pode permitirlles mover cantidades de 20.000 kg de lixo nunha noite. Con todo hai que ter en conta as condicións como o tempo, pois con choiva o peso da carga pode duplicarse. Tamén que a cantidade varía segundo épocas e por tanto non hai uniformidade todo o ano, senón que en Nadal e festas o volume de residuos aumenta. En tal caso, existe unha cantidade de peso límite dependendo do modelo e tipo de camión. Chegada esa cantidade hai que descargar nunha das plantas de Sogama en Santiago. Feita a operación, vólvese facer unha nova ronda noutras partes da cidade.

Tanto os traballadores dos camións como os de a pé, barrendeiros, reciben dous uniformes cada ano, un para o inverno e outro para o verán, mesmo dous pares de zapatos pensando na climatoloxía. As revisións sanitarias son cada ano. Mais un pregúntase se ven suficiente que sexa así, porque pensando na cantidade de elementos tóxicos ou de detritos que manexan, están moi expostos. “Eu sempre a paso, se debería haber máis? Eu penso que é suficiente, si”.

BARRENDEIROS 

Baixamos do camión para que siga o percorrido desta noite. Imos á praza roxa, alí falamos co encargado da quenda dos barrendeiros, Vilela, que nos presenta a un dos traballadores. Estas persoas teñen a súa base na rúa Pitelos e desde alí saen cara as demarcacións que lles son adxudicadas. “Levo desde o 2010, mesmo fun condutor catro anos de noite, para cubrir unha prexubilación e logo pasei a barrendeiro” dinos un dos empregados que están na Praza Roxa. Outro compañeiro achégase a nós. Son case as dúas e media, en breve pararán para o bocadillo. Falamos con eles sobre a noite e as persoas que atopan. “Hai de todo, pero a maioría das noites son tranquilas” di Luis. Cando se lles pregunta como se fai o traballo responden que “hai que quitar o máis gordo, o máis molesto”.

“Ás veces algúns teñen collido e escapado cun carro ou cunha pá, pero para iso podemos chamar á policía” di un dos barrendeiros. “O que lles digo é que se lles levan un carro ou ferramenta, avisarme ou senón á policía, pero que non se enfronten, non vale a pena que encima acaben lesionados” di un dos encargados.

O traballo nocturno de barrendeiro cambiou moito co tempo. As novas técnicas, as novas percepcións sociais, os cambios nos hábitos de ocio e de saída dos estudantes, ademais de que a concienciación sobre a reciclaxe vai tomando máis espazo, permite ver este traballo como unha profesión máis dentro do panorama laboral. Por outra banda, a necesaria concienciación de máis civismo por parte da sociedade, quitaría da mente da maioría a idea de que “non fan nada”. Pois cada vez que aparecen bolsas por fóra dos contedores, habería que preguntarse antes se realmente, desde este lado dos usuarios o estamos facendo ben.

Bolsas de lixo sen introducir no contedor
Bolsas de lixo sen introducir no contedor | Fonte: Moncho Mariño
Camións arrincando para as súas demarcacións
Camións arrincando para as súas demarcacións | Fonte: Moncho Mariño
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta