Temas: FRASEOLOXíA

“Chamarse # Facerse de Covas” ou “facerse ás once”, equivalentes, entre outras, ó castelán “hacerse el avión”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 27/01/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Ben seguro que a escena que seguidamente se debuxa todos a vivimos –ou mesmo a experimentamos en primeira persoa– máis dunha vez: velaquí alguén que, por mor de que nese momento lle mete conta ou lle interesa, fai coma quen non entende, non oe, non ve, non se decata ou non sabe algo que si está a entender, oír ou ver ou do que si se está a decatar, ou que xa sabía. E ben certo que non será a primeira vez que escoitemos dicir, calcando paremias propias do castelán, que ese alguén fai(se) o avión ou fai(se) o sueco.

Imaxe do Rosalía de Castro, un dos avións da compañía aérea Norwegian
Imaxe do Rosalía de Castro, un dos avións da compañía aérea Norwegian

Mais en galego temos, de noso, expresións que dan conta, tal cal, dese mesmo significado. Vexamos algunhas:

Hacerse el avión # el sueco # el longui(s)

{= Facer alguén, porque lle mete conta nese momento ou lle interesa, coma se non entendese, non oíse, non vise, non se decatase ou non soubese algo que si está a entender, oír ou ver ou do que si se está a decatar, ou que xa sabía.}

Chamarse # Facerse de Covas

Facerse # Estarse ás once

Facerse as once

Facerse # Chamarse xanega

[E TAMÉN]:

Chamarse # Facerse Xan da nega

Chamarse Andrés

Pintar # Facer o Andresiño

Facerse de Angrois

Facerse de Muros

Ex.: Ayer nos cruzamos con ella cuando salía del despacho del abogado, pero se hizo el avión y ni nos saludó.

Onte pasamos por ela cando saía do despacho do avogado, pero fíxose de Covas chamouse de Covas fíxose ás/as once estívose ás once fíxose xanega chamouse Xan da Nega chamouse Andrés # pintou o Andresiño fíxose de Angrois fíxose de Muros e nin nos saudou.

Ex.: ¿Cuántas veces un político se hace el longuis a lo largo de su carrera?

¿Cantas veces un político se fai de Covas se chama de Covas se fai ás/as once se está ás once se fai xanega se chama Xan da Nega se chama Andrés pinta o Andresiño se fai de Angrois se fai de Muros ó longo da súa carreira?

● Tamén, e podendo indicar así mesmo que alguén se desentende das súas obrigas ou do que podería ser un compromiso:

Llamarse (a) andana

Chamarse antano && Facerse andainas

Ex.: ¿Cantas veces un político se chama antano se fai andainas ó longo da súa carreira?

● Tamén:

Hacerse el zorro

Facerse concho && Facer a zaina

Ex.: ¿Cantas veces un político se fai concho fai a zaina ó longo da súa carreira?

● Tamén, para aqueles casos en que alguén simula que descoñece algo do que si é coñecedor ou sabedor:

Hacerse de nuevas

Facerse de novas

● Inda tamén, só naqueles contextos en que alguén fai caso omiso ou oídos moucos ás recomendacións, consellos ou ordes que lle dan, e pasa de todo:

Bebelas coma o boi a auga # como o boi bebe auga # coma o boi ladrón # coma o cuco # coma o caldo

Ex.: Mamá siempre le dice que tiene que estar en casa, a más tardar, a las dos, pero él se hace el avión (=pasa de todo) y nunca llega antes de las cuatro.

Mamá sempre lle di que ten que estar na casa, todo o máis, ás dúas, pero el chámase de Covas faise ás once bébeas coma o boi a auga bébeas coma o boi ladrón bébeas coma o cuco bébeas coma o caldo e nunca chega antes das catro.

● Tamén, máis ou menos acaídas en función dos contextos:

Hacerse el/la/los/las + tonto(s)/a(s) # despistado(s)/a(s) # disimulado(s)/a(s) # ...

Facer a do parvo # a do despistado # a do disimulado # ... && Pintar a do parvo # a do despistado # a do disimulado # ...

Ex.: Ayer nos cruzamos con ella cuando salía del despacho del abogado, pero se hizo la tonta la despistada la disimulada y ni nos saludó.

Onte pasamos por ela cando saía do despacho do avogado, pero fixo a do parvo pintou a do parvo fixo a do despistado pintou a do despistado fixo a do disimulado pintou a do disimulado nin nos saudou.

Ex.: ¿Cuántas veces un político se hace el tonto a lo largo de su carrera?

¿Cantas veces un político fai a do parvo pinta a do parvo ó longo da súa carreira?

● Tamén, en función dos contextos:

Facer coma/como quen non ver # oír # entender # ... [OU O VERBO QUE ACAIA EN FUNCIÓN DE CADA CONTEXTO COMUNICATIVO] && Facer coma/como que non ver # oír # entender # ... [OU O VERBO QUE ACAIA EN FUNCIÓN DE CADA CONTEXTO COMUNICATIVO]

Ex.: Onte pasamos por ela cando saía do despacho do avogado, pero fixo coma quen non nos vía coma que non nos vía e nin nos saudou.

● E inda tamén, igualmente en función dos contextos:

Facer coma/como quen é [son, es...] parvo && Facer coma/como se fora parvo

Ex.: ¿Cantas veces un político fai coma quen é parvo ó longo da súa carreira fai coma se fora parvo ó longo da súa carreira?

● E inda tamén, igualmente en función dos contextos:

Facer coma/como quen non ver # oír # entender # ... [OU O VERBO QUE ACAIA EN FUNCIÓN DE CADA CONTEXTO COMUNICATIVO] && Facer coma/como que non ver # oír # entender # ... [OU O VERBO QUE ACAIA EN FUNCIÓN DE CADA CONTEXTO COMUNICATIVO]

Ex.: Onte pasamos por ela cando saía do despacho do avogado, pero fixo coma quen non nos vía coma que non nos vía e nin nos saudou.

NOTAS:

1. En relación coas locucións facerse # estarse ás once e facerse as once, cómpre indicar que ese substantivo once probablemente denote, tal e como recolle Constantino García González no seu Glosario de voces galegas, o “piscolabis que toman a media mañana los trabajadores” (así pois, por analoxía metafórica, podemos entender que a persoa que se fai ás once ou está ás once é aquela que nese momento está de descanso e, xa que logo, non atende ó traballo, de maneira semellante á persoa que non atende ó que lle din e fai a do despistado).

2. En relación coa locución facer a zaina (tirada de Como falan os brañegos), obsérvese a probable relación coa voz portuguesa zaino (definida, por exemplo, como “Que é dissimulado ou astucioso; ardiloso, matreiro” na obra lexicográfica de consulta en liña Dicionário Brasileiro da Língua Portuguesa Michaelis).

Mesmo tamén pode ser que teña vinculación coas voces zoina (rexistrada e definida por Eladio Rodríguez González como “Taimado, que procede con hipocresía y astucia disimulada”) e zoinamoina/soinamoina, que se aplica a unha persoa que simula ser máis apoucada do que realmente é ou que baixo unha aparencia de bondade agacha malas intencións (unha mosca morta, en definitiva).

2. É moi probable que a voz xanega sexa unha derivación, por contracción, de Xan da nega, locución esta que en orixe parece ser que se aplicaba ó pai que non quería recoñecer un fillo e, polo tanto, se desentendía das súas obrigas respecto del, como indican tanto Leiras Pulpeiro na súa Obra completa (publicada por Xosé Luís Franco Grande) coma Ferro Ruibal no Dicionario dos nomes galegos.

3. Polo que atangue á secuencia facerse o/a/os/as + nome (a través da cal se manifesta que o suxeito da acción finxe, representa ou aparenta aquilo que o nome denota), estamos á agarda de que a Real Academia Galega se pronuncie algún día acerca dela, xa que en principio é posible que se trate dunha estrutura allea á nosa lingua que responde a unha influencia do castelán, mais hoxe en día está xa tan introducida no falar de practicamente todos os galegos que é probable que se acabe admitindo normativamente. Non obstante, como en galego tamén se rexistran outras estruturas que veñen a dar conta do mesmo contido, neste caso o que fixemos foi amosar as dúas que cremos que poden abranguer máis ámbitos de uso a nivel xeral (supomos, neste sentido, que máis dun lector terá escoitado iso de que unha persoa está a “facer a do parvo”, no sentido de que “se está haciendo el tonto/la tonta”).

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Real Academia Galega: Portal das Palabras. No URL https://portaldaspalabras.gal/.

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario