Nace Vencello, unha nova porta ao galego na rede

Defínese como a primeira rede de blogues temática na que "tecnoloxía e galego van da man". Conta cun portal propio que servirá de viveiro de blogues.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/08/2011 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

Vencello xorde da unión de diversos espazos xa existentes na rede e de outros novos creados ex profeso co obxectivo de cubrir un amplo abano de temáticas e co punto en común de estaren escritos en lingua galega.

Os seus impulsores son un grupo de mozos galegos que que aspiran a seguir medrando engadindo cada día novas temáticas. "De feito, ao longo das próximas semanas irán vendo a luz distintos blogues, que agora mesmo se atopan en fase de preparación, tratando os temas máis variados", aseguran os seus impulsores.

Os blogues que forman parte da rede abranguen todo tipo de temáticas, englobando desde espazos adicados aos sistemas operativos dos gadgets máis punteiros (Android, Apple, BlackBerry) a outros de difusión científica, tecnoloxía, cinema ou videoxogos.

A Incubadora

Mais se cadra, un dos aspectos máis novidosos de Vencello é A Incubadora. É unha sorte de viveiro de blogues que pretende servir de punto de encontro para xente que desexe escribir sobre algunha temática e queira que lle axuden a poñer un blogue en marcha.

None

Entre os blogues pioneiros están Cinema Friki, Galiloxía, A Mac-eira, Mallando na e-ira, Mallando no Android, Mallando na BlackBerry, A Malla das Telecos, O Esparavel de Mallando e Memoria Pixelada.

"Decatámonos de que existe moita xente que quere compartir o seu coñecemento, pero que sinte reparos ante a idea de enfrontarse ao deseño ou á conformación da estrutura dun blogue en solitario. Aí é onde entra en xogo A Incubadora que ofrece este servizo de xeito totalmente gratuíto", din.

Os seus creadores insisten en que están "abertos" a todas as suxestións, ideas e colaboracións porque o seu proxecto sae á rede coa intención de seguir medrando e ampliando horizontes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xan soares

moi boa iniciativa. Moita sorte.