Guitiriz fará da casa do poeta Díaz Castro un "espazo para a xente e a memoria da comarca"

Terá un lugar para as asociacións, un 'Auditorio multinacional' no que levarán a cabo debates e reunións e un espazo de aloxamento tanto dentro da vivenda como na carballeira anexa. A Deputación de Lugo achega 10.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A Deputación de Lugo achegará 10.000 euros para a redacción do proxecto de restauración da casa do poeta Díaz Castro tras asinar este luns o seu presidente, Darío Campos Conde, un convenio de colaboración coa alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, e o presidente da Asociación Cultural Xermolos, Alfonso Branco Torrado.

Segundo informa a Deputación en comunicado, durante o encontro o seu presidente subliñou que "impulsar a figura de Díaz Castro é impulsar o patrimonio inmaterial de todos os galegos, situando a Guitiriz no mapa cultural do país, o que tamén favorece a actividade económica da provincia".

"Díaz Castro é un valor que este concello e a súa alcaldesa teñen moi presente. É por isto polo que, tal e como nos solicitou Regina, desde o goberno da deputación pomos a disposición da Asociación de Xermolos estes fondos para iniciar os traballos de recuperación da casa natal, arrincando coa elaboración do proxecto que defina as actuacións necesarias para levar a cabo", explicou Campos Conde.

Doutra banda, a alcaldesa de Guitiriz destacou "o compromiso do goberno da Deputación en todas e cada unha das iniciativas para pór en valor a figura do poeta, tendo sempre a man e sumándose ao proxecto da creación da Ruta da Pedra, do Centro de Interpretación, da realización dun documental ou a escultura elaborada polo artista Ramón Vilar".

A CASA DE DÍAZ CASTRO

O inmoble, que se atopa en Guitiriz, conta cunha superficie construída de 374 metros cadrados. Divídese en dúas plantas, con 133,15 metros cadrados cada unha, que supoñen 266,15 metros cadrados útiles en total.

A planta alta contará con cinco espazos e a baixa con seis espazos "totalmente diferenciados", entre os que se poderán atopar: a 'sala de Díaz Castro', lugar no que se acollerán os seus papeis e recordos; a 'Sala da memoria', que a conformarán unha biblioteca e un arquivo; e a 'Memoria da comarca', un espazo no que se pretenden organizar encontros entre a xente maior e os máis novos.

Tamén contará coa 'Cociña', que será un arquivo para documentación e pertenzas das asociacións; un 'Auditorio multinacional' no que levarán a cabo debates e reunións; a 'Habitación do poeta', que estará aberta a todas as persoas que queiran aloxarse e aproveitar o ambiente do lugar para crear; e un tear.

ACTIVIDADES DURANTE O 2019

A casa natal do poeta "quere ser máis que un museo, converténdose na Casa da Xente". Tratarase dun espazo "aberto e moi dinámico co que convocar e chamar a atención da xente pola actividade continuada e pola pluralidade dos seus contidos, en colaboración cos servizos hostaleiros da zona". Disporá dun espazo para acampada no bosque de carballos lindeiro para buscar a "harmonía entre natureza, convivencia, o patrimonio material e inmaterial".

Ademais, ao longo de 2019 organizaranse actividades co obxectivo de utilizar a casa do poeta para organizar xornadas de patrimonio coas que dar a coñecer a comarca para incrementar o turismo cultural. Cada mes celebraranse xornadas dedicadas á paisaxe, á memoria histórica, ao patrimonio, ao asociacionismo, á literatura ou ás artes.

Díaz Castro
Díaz Castro

Casa do poeta Díaz Castro
Casa do poeta Díaz Castro | Fonte: goteo.org
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta