Galicia remata o 2018 co 12% de parados

O paro descendeu en 33.200 persoas o pasado ano tras crearse 32.200 empregos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2019 | Actualizada ás 10:43

Comparte esta noticia

O paro baixou en 33.200 persoas en 2018 en Galicia, o que supón un 18,2% menos que en 2017, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, Galicia pecha o ano cun total de 148.900 desempregados, mentres a taxa de paro baixa ata o 12%, 2,7 puntos menos que un ano antes (cando estaba no 14,7%).

En canto á ocupación, diminuíu en variación trimestral (8.400 ocupados menos, -0,4 puntos), pero terminou o exercicio cun incremento en 32.300 persoas respecto de 2017 (+3,1%), ata 1.088.100.

En España, o paro baixou en 462.400 persoas en 2018, o que supón un 12,3% menos que en 2017, rexistrando o seu sexto descenso anual consecutivo. No entanto, este retroceso é inferior aos experimentados no catro anos anteriores, aínda que superior ao de 2013, cando o desemprego baixou en 85.400 persoas.

Taxa de paro Galicia. EPDATA
Taxa de paro Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

POR SEXOS

Por sexos, o número de homes parados en 2018 descende en 19.000 (un 20,7% menos) ata un total de 72.700. Mentres, a baixada é menor para as mulleres (-15,8%), polo que hai 14.300 paradas menos que un ano antes, un total de 76.200.

O número de homes ocupados aumentou en 16.700 (+3%), de forma que son 568.300. As mulleres ocupadas soben en 15.700 (+3,1%) e alcanzan un total de 519.800.

PONTEVEDRA, A PROVINCIA CON MÁIS PARO

Por provincias, hai unha diferenza de máis de cinco puntos entre a que presenta unha menor taxa de paro (é Lugo, co 9,2%) e a que máis (Pontevedra, cun 14,4%). Ourense conta con 13,1% e A Coruña cun 10,7%.

En termos absolutos, a provincia galega con máis parados é Pontevedra (61.700 persoas), seguida pola Coruña (56.500), Ourense (16.900) e Lugo (13.800).

MAIOR AUMENTO DE CONTRATACIÓN INDEFINIDA

En Galicia había 873.300 persoas asalariadas no cuarto trimestre de 2018, 646.500 con contrato indefinido e os 226.800 restantes con contrato temporal.

Respecto ao trimestre anterior rexístranse 2.400 asalariados máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 0,4 puntos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe en 8.600 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 3,7% con respecto ao terceiro trimestre de 2018). En variación interanual, as persoas con contrato indefinido incrementáronse un 5,3% e as que contan con contrato temporal aumentaron un 1,0%.


PERDA DE ACTIVOS

A EPA publicada este martes tamén recolle que a poboación de 16 anos e máis en Galicia diminúe a 2.334.300 persoas ao peche de 2018, 2.000 menos que un ano antes.

Tamén caeu tanto en variación trimestral como na anual o número de activos, en concreto en 12.400 respecto ao terceiro trimestre (-1%) e 900 de media en todo o ano, ata situar o total en 1.237.000.

A taxa de actividade galega é do 53%, con diferenzas entre provincias. E é que en Ourense tan só queda no 47,7%. En Lugo (52%) está por baixo da media galega, mentres está por encima en Pontevedra (53,3%) e A Coruña (54,5%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta