Os socialistas de Ourense acusan a Baltar de empregar diñeiro público para "fichar" alcaldes doutras formacións

Acusan ao presidente da Deputación de Ourense de afogar economicamente os concellos que "non son da súa corda" durante toda a lexislatura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O PSdeG de Ourense acusou nun comunicado ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, de utilizar "millóns de euros" públicos da institución para "fichar" a alcaldes e alcaldesas doutras formacións "incumprindo escandalosamente o pacto antitransfuguismo do que o PP forma parte".

Os socialistas sinalaron que o presidente provincial "practica o despotismo absolutista afogando economicamente aos municipios que non son da súa corda" durante toda a lexislatura e, meses antes das eleccións locais, dedícase a "comprar rexedores a golpe de talonario público con promesas de investimentos decididos unilateralmente coma se fose o Rei Sol".

Así as cousas, o PSdeG denunciou que, no que vai de mandato, Baltar "concedeulle só ao alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco, un plus de fichaxe que suma 1,5 millóns de euros extraordinarios que non levaron outros municipios" pola "única razón de pasarse ao PP nos anteriores comicios", e lembraron que o rexedor "recoñeceu no ano 2014 que se ía ao PP polas axudas da Xunta de Galicia e da Deputación".

Nesta mesma liña, os socialistas citan esta práctica de "vergoñoso mercadeo" noutros municipios como A Bola, Rairiz de Veiga, Os Blancos, A Mezquita ou Gomensende e advirten que, "esta semana", tamén en Trives, onde a formación independente da que forma parte o rexedor rexeitou a proposta de forma "expresa".

"Baltar unta aos alcaldes e alcaldesas con fondos públicos para o seu único beneficio persoal co fin de manter os votos do PP no rural da provincia e non perder a Deputación que herdou do seu pai", sinalou a formación socialista, que reclamou ao presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que "poña orde" ante esta "evidente patada ás normas da democracia".

"O presidente da Deputación incumpre sistematicamente o pacto antitransfuguismo no que o PP se comprometeu expresamente a impedir a utilización de tránsfugas para constituír, manter ou cambiar as maiorías das institucións, e faino co total beneplácito de Alberto Núñez Feijóo, que cala e bendí estas fichaxes sufragadas con millóns de euros públicos", engadiron.

Os socialistas conclúen o comunicado coa petición a Manuel Baltar de que "poña fin de inmediato ao sistema caciquil e decimonónico co que reparte os fondos públicos", posto que é un "evidente agravio para os veciños e veciñas de concellos onde non gobernan os amigos do presidente e os concelleiros que se venden ao mellor ofertante".

Rolda de prensa PSOE Ourense
Rolda de prensa PSOE Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ramon

Iso e un delito, por que no ides a Fiscalía?