A II Gala dos Medios en Galego pon en valor a lingua para comunicar e informar

A data do 7 de febreiro foi elixida por ser a commemoración da saída á rúa en 1876 do primeiro xornal escrito integramente en galego, "O tío Marcos d´A Portela".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2019 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

Pontevedra acolleu este sábado a II Gala organizada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA). O acto, conducido pola xornalista Mónica Martínez, contou coas actuacións do humorista Xosé Antonio Touriñán e da cantante Ugia Pedreira. Os obxectivos do encontro organizado pola AMEGA son os de chamar a atención sobre a precaria situación dos medios en galego. A data elixida para a conmemoración, o 7 de febreiro, é o da saída á rúa, en 1876, do primeiro xornal integramente escrito en lingua propia de Galicia: 'O tío Marcos d'A Portela'. 

Placa conmemorativa na casa onde se editaba o Tío Marcos d´A Portela
Placa conmemorativa na casa onde se editaba o Tío Marcos d´A Portela | Fonte: Wikipedia

O espíritu do evento resumiuno o humorista Xosé Antonio Touriñán, que animou aos medios alí reunidos e á sociedade “a sacar peito” da nosa lingua. A mensaxe final da gala estivo cargada de optimismo dos xornalistas que non entenden outra forma de informar aos galegos que non sexa na súa propia lingua. E se ben fixeron balance dos logros conseguidos nos últimos tempos, lembraron as contas pendentes. Entre estas están un maior respaldo das administracións e a reclamación dunha lei de publicidade institucional.

A súa reclamación chegou ben alta e clara a responsables das administracións, porque alí estaban presentes Xosé Leal, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Precisamente, este último destacou na súa intervención que "houbo un momento en que mesmo os galegofalantes mostraban pouca disposición e alegaban dificultades para ler o xornal en galego, unha lingua na que nunca foran alfabetizados". Con todo, salientou, hoxe hai "un tempo novo cheo de oportunidades para estenderse e crecer, para informar en galego dos máis afastado tan ben como calquera outro medio do mundo, e en grao sumo próximo, como ninguén".

O debuxante Kiko Da Silva escenificiou a “incerteza” na que se atopa a banda deseñada galega e reclamou apoio económico para este tipo de iniciativas. Luis Álvarez Pousa, de Tempos Novos, indicou que é necesaria unha maior profesionalización dos medios e avanzar na calidade da información e opinión, pero reclamou o esforzo que os medios en galego fan porque, dixo, ofrecen información “con independencia e calidade”. Finalmente, Ubaldo Cerqueiro, de Que Pasa Na Costa, e vicepresidente de Amega, destacou a importancia de impulsar unha Lei de Publicidade Institucional e que se teña máis en conta aos medios nativos dixitais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

agradecendo o traballo dalgúns medios en galego, non todo o que se publica en galego é igual de independente e moito menos favorece a liberdade de expresión dos usuarios-lectores! Se miramos arredor de nós, a meirande parte dos medios en castelán abren as súas páxinas á opnión dos lectores... mentres algúns novos medios en Galicia semella que van polo camiño contrario... A ver se imos reivindicar unha Lei de Publicidade Institucional para Terra e Tempo?

1 uu1

Parabéns a todos os médios que usam a nossa língua. São oásis no meio do deserto, os meus melhores desejos para todos eles. “Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.” Cita do Sempre em Galiza de Castelao.