As visións encontradas sobre a sanidade en Galicia

O pasado domingo Galicia Confidencial falou con representantes sindicais da sanidade pública galega. Hoxe ofrecemos unha segunda entrega coa visión ofrecida por fontes do colectivo Batas Brancas e da Xerencia do SERGAS

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2019 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O colectivo Batas Blancas ten claro que “ o problema de Sanidade é falta de planificación porque hai anos que se sabía o número de profesionais que se xubilarían logo de anos nos que entraron un número importante de profesionais no sistema”. Batas Blancas sinala que se produciron xubilacións que non se cubriron, mesmo algunhas delas “aceleradas”, “xubilacións forzadas mesmo de persoal que non tiña interese en retirarse”. Apuntan tamén a ausencia de convocatorias de prazas MIR que “permitisen cubrir as ausencias nun futuro cercano”.

Médicos
Médicos

Esta situación pon como exemplo a falta de formación para os MIR, sobre todo en Atención Primaria. Mesmo desde o colectivo sinalan dimisións de directores de formación. “Non era só que Atención Primaria estivese deixada, era que nin sequera se facilitaba a formación dos novos especialistas”. Pola súa banda, Antonio Fernández-Campa, xerente do SERGAS, declara que “como a convocatoria de prazas MIR depende do Estado, a Consellería de Sanidade xa falou co Ministerio para que haxa convocatoria destas prazas, sobre todo en especialidades como Atención Primaria e  Pediatría”.

A formación e cobertura de prazas segundo Batas Blancas “en xeral non se están cubrindo porque non todas as prazas se sacan a concurso”, apuntan a isto unha actitude de “que sempre se bota a culpa a Madrid, cos recortes, a famosa taxa de reposición pois non poden repoñer todos os que se xubilan”. Así, a descrición que realizan do momento actual en atención aos doentes é que o baixo número de facultativos deben atender un número elevado de pacientes “facendo o que poden, e esta situación chega un momento en que estala”. No tocante ao relevo de prazas vacantes por xubilación, Fernández-Campa sinala que “lle pedimos ao Ministerio tratar de modificar a taxa de reposición, neste momento está no 108%, xubílanse 100 persoas podemos convocar 108 prazas”. Campa sinala que se convoca o máximo que permite a lei, pero “sobre todo que nos deixe aumentar o número de prazas en Primaria e Pediatría”.

SANIDADE PRIVADA E MODELO DE XESTIÓN

Sobre a intención de potenciar a sanidade privada en Galicia, Batas Blancas di que “non podemos falar sobre as intencións que existen detrás diso, a xustificación que dan sobre os recortes e as condicións de traballo e salarios, falan dunha culpa do Goberno central”. A suma dos factores apuntados farían que o persoal se desmotivase para continuar no SERGAS.  A atención sanitaria pública de calidade ten un custe, “pero máis barato que o de España é imposible porque está dando unha calidade moi alta cun dos custes máis baixos da UE, unha relación calidade-prezo mellor”.

A cuestión salarial entraría a formar parte dos diversos puntos a resolver dentro do sistema sanitario galego. “Non temos recuperado todo o que se recortara desde 2010 co 5% nos salarios que supuxo unha baixa moi importante” din Batas Brancas. “O recorte do 5%, feito durante a última lexislatura de Zapatero, e a súa recuperación é competencia do Estado, nós o que si recuperamos foron os axustes feitos pola comunidade autónoma” explica Fernández-Campa.

Sobre as circunstancias que levaron a saturación nos servizos de urxencias dalgúns hospitais, Fernández-Campa sinala que “en urxencias a demanda está marcada pola sociedade, mentres que noutras áreas podemos planificar a atención, urxencias ten planificadas ata certo punto as continxencias, pero por exemplo hai momentos do ano con maior afluencia” en referencia a épocas como a da gripe. “Con todo, temos que dicir que as avaliacións feitas na atención en urxencias deron por resposta unha avaliación favorable nesta área”.

Os datos sobre cal é a porcentaxe dos orzamentos autonómicos para Sanidade está no 40%. É unha cifra elevada, pero por que non se pode atender a unha mellora por exemplo nos salarios? “O feito dun investimento tan elevado en sanidade non significa un investimento ben feito” asguran en Batas Blancas. “Consume recursos, moitos, pero por exemplo se computas o número de directivos no SERGAS, hai un directivo por cada dez traballadores, que empresa ten unha división así”. A estrutura do SERGAS é complexa, pero a idea é que o número de directivos se podería reducir. Non obstante, desde a xerencia do SERGAS apúntase que “o 40´5% do orzamento da comunidade vai a sanidade, logo dese total o 43´4% vai parar a persoal, un 23% vai en material e outro 23% en funcionamento”.

“O modelo seguramente é viable, pero é o que queremos? É estrano ver dun lado o despacho do xerente público e doutro o do xerente privado dentro do mesmo hospital, pero se imos á xestión privada do hospital, a empresa o que quere é a máxima rendibilidade”. A rendibilidade dentro dun servizo público hai que manexar con coidado. A realidade é que “un servizo público polo xeral é deficitario, pero unha cousa é tirar co diñeiro e outra recortar e chegar a niveis que a xente non quere”. A conclusión para Batas Brancas é que a política de relacións públicas desde o SERGAS, que ofrece o servizo público galego como un dos mellores “fai que noticias sobre as fallas no sistema queden diluidas nese mar de noticias positivas”.

O modeo de dobre xestión, privado-público non deixa de levantar reticencias. Preguntada a xerencia do SERGAS sobre o modelo de xestión no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, “é un modelo que se fixo en tempos que economicamente eran difíciles e se veu como a mellor solución”. A xestión completa da obra e o posterior mantemento, limpeza, seguridade e demais áreas non médicas, pertencen a unha soa empresa que, como é lóxico pasa a súa factura á Xunta. “Non obstante o persoal médico é do SERGAS, por tanto persoal público”. É semellante o modelo ao que se pechou en Valencia? Fernández-Campa di que non “en Valencia o persoal tampouco era do servizo valenciano de saúde, era da empresa que ofrecía o servizo médico”.

As conclusións é que de momento, a Consellería de Sanidade parece querer empurar a convocatoria de prazas MIR, pero os colectivos e sindicatos médicos insisten na necesidade urxente de cubrir prazas e atender determinadas áreas como Atención Primaria. Pola súa parte, o SERGAS apunta que o modelo de xestión actual foi un modelo elixido como o mellor para un tempo de crise económica. E por outra parte, a recuperación salarial dos profesionais é, agora, un asunto do Goberno central logo de que o autonómico repuxese os recortes que realizara.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta