A historia do "desmantelamento" do noso sistema sanitario dá pé a escribir un libro

Santiago de Compostela acollerá a presentación desta obra, na que se pon o punto de mira na "crise" da sanidade galega en relación aos "recortes" e á "privatización". A idea é a de que, se "non se pon remedio", o sistema "vai ao desastre"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

A crise do sistema sanitario galego dá para escribir un libro. Literalmente. "É a historia dunha deterioración dun dos mellores sistemas sanitarios do mundo a mans dunhas políticas de recortes e a aposta polo sector privado". Así describiu o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, a obra de Marciano Sánchez Bayle e Sergio Fernández Ruiz. 'Sanidade pública. Entre o éxito e o desastre' presentarase en Santiago de Compostela para facer fincapé no "desmantelamento" do servizo.

Manifestación en Vigo a prol da Sanidade pública
Manifestación en Vigo a prol da Sanidade pública | Fonte: Miguel Núñez

O portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, un dos encargados de presentar este mércores o libro, destacou a Europa Press que esta obra "quere contar que nos atopamos nunha situación paradoxal". Así, indicou que, por unha banda, Galicia conta cun "bo sistema sanitario con profesionais ben formados e unha potente Atención Primaria" pero, polo outro, sitúa "o problema dos últimos anos nas políticas neoliberais", coa súa "aposta polo sector privado" para a xestión.

Neste sentido, o doutor Martín criticou o "recorte de recursos" que, sumado a cuestións como a "burbulla tecnolóxica" e o incremento do gasto en fármacos, leva a unha sanidade "máis custosa e menos eficaz".

"PODEMOS PERDER O SISTEMA"

Así, comentou que neste libro se aborda "ese paradoxo" que advirte de que "se destrúe un sistema de acceso universal" fronte á promoción do "sector privado" na xestión hospitalaria e "o gasto hospitalario pouco resolutivo". "Podemos perder o sistema", insistiu Manuel Martín, para engadir que "a crise está en Galicia, en Madrid, en Cataluña e en Andalucía". "Se non pomos remedio, vai ao desastre", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta