A Comisión Europea detecta deficiencias na análise de riscos cinco anos despois do accidente de tren en Angrois

Isto xa quedou evidenciado para o xuíz que investiga o accidente do tren Alvia, xa que "sendo preceptivo, non se fixo" na liña Ourense-Santiago.

Por Europa Press / Redacción | Bruxelas | 07/02/2019 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O expediente sancionador que a Comisión Europea abriu a España por incumprimento da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria detecta "deficiencias" na análise de riscos, precisamente o que para o xuíz que investiga o accidente do tren Alvia en Angrois "quedou evidenciado" que, "sendo preceptivo, non se fixo" na liña Ourense-Santiago, onde morreron 80 persoas en xullo de 2013.

Accidente dun tren Alvia en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente dun tren Alvia en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

O pasado 24 de xaneiro transcendeu que Bruxelas enviara unha carta de emprazamento por este asunto ao Estado español. Tras publicalo o diario 'El País', a Comisión Europea emitiu un comunicado no que falaba de "deficiencias" na forma en que o organismo estatal de investigación (a CIAF) investiga os accidentes, así como na supervisión por parte da autoridade responsable da seguridade (a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria).

O portavoz da Comisión, en rolda de prensa ese día, fixo fincapé en que o expediente non estaba vinculado de forma directa con ningún accidente.

Agora, a directora xeral de mobilidade e transporte, Elisabeth Werner, amplía a información sobre o 'dossier' nunha resposta por escrito á eurodeputada do BNG Ana Miranda, quen preguntou polo contido tendo en conta que ela denunciou este incumprimento da normativa en 2017 e acompañou ás vítimas do sinistro no seu periplo por Europa.

Na carta, a responsable de mobilidade da Comisión Europea engade dous puntos que non figuraban na comunicación pública de finais de xaneiro. Ademais das "deficiencias" referidas, agrega outras no relativo á avaliación de riscos e á "supervisión dos sistemas de xestión de seguridade", dous aspectos que están a xogar un papel clave na investigación xudicial pola traxedia de Angrois.

É en concreto por isto polo que está investigado o ex-xefe de seguridade de Adif na causa, cuxa instrución pechou o xulgado con el e o maquinista como investigados.

"RISCO POTENCIAL"

Elisabeth Werner responde á queixa enviada pola eurodeputada nacionalista o 11 de setembro (aínda que a presentou en xullo, o rexistro oficial fíxose esperar ata a volta do verán). No seu texto, Miranda consideraba que debía abrirse un novo procedemento de infracción contra España (non é o primeiro na materia), neste caso "pola vulneración da normativa europea aplicable sobre seguridade e interoperabilidade ferroviaria".

A súa denuncia centrouse no mesmo punto que trata de dirimir a xustiza: o control integral dos riscos e "a verificación de cambios substanciais" na seguridade ferroviaria concernentes tanto á liña que conecta Ourense-Santiago como ao tren Alvia e ás condicións de seguridade do proxecto.

Con todo, e como xa salientou hai dúas semanas o portavoz da Comisión Europea, Elisabeth Werner fai fincapé en que o procedemento de infracción "non se refire a ningún accidente en particular, senón que busca que o sistema global español cumpra coas obrigas comunitarias".

"A nosa preocupación non é que o sistema sexa inherentemente pouco seguro, senón que a identificación, seguimento e supervisión de sucesos que representen un risco de seguridade potencial é menos efectiva que o esperado baixo a regulamentación europea", explícalle Werner a Ana Miranda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta