Un congreso positivo

O pasado domingo celebrouse en Ourense o VIII congreso do Partido Nacionalista Galego (PNG-PG) baixo o lema “Construindo un país para tod@s”.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 29/09/2011

Comparte esta noticia

Foi esta xuntanza  un reencontro entre militantes que queren  acadar  un nacionalismo sin exclusóns  que fuxa da copia de modelos ideolóxicos  excluíntes, endogamicos e fracasados. Foi, polo tanto, una xuntanza entre persoas  que perciben  o futuro desta terra con preocupación pero con fe no futuro.  Por tal motivo foxen sempre  da desesperanza e da radicalidade, en moitos caso estéril e inútil.

Debatéronse varias propostas entre as que cabería destacar o papel do PNG-PG dentro do actual BNG  e sondeáronse posibles vías e alternativas para un futuro inmediato. Ratificouse o apoio ás candidaturas do Bloque para as vindeiras eleccións, e deixouse a porta aberta para, despois da Asemblea Nacional,   camiñar  na percura dun galeguismo e dun nacionalismo aberto  que conecte coa realidade social dunha terra que quere mellorar e deixar de laiarse; que quere   camiñar cara o futuro sen medo fuxindo de retóricas antidiluvianas que soamente nos levan cara o sectarismo e a marxinalidade política.

A verdade é  que a visión do acontecido neste cónclave,  choca frontalmente coa forma de ver o nacionalismo de vellos líderes, que lanzan proclamas a modo de parábolas cheas de ameazas e insultos. Peroratas que anuncian depuracións e que non fan máis que asustar á xente. Homilías que propoñen un nacionalismo excluínte  onde o odio e o fracaso soamente levan ao vitimismo,   a impotencia e a automarxinación. En fin, peroratas que carecen de futuro. E que nada teñen que ver co nacionalismo positivo que no seu día defenderon Castelao e o vello Partido Galeguista.

O congreso do PNG-PG celebrouse cun recordo para Xosé Enrique Rdguez Peña, e significou a posta en escena dunha forma de ver a política diferente  dende Galiza; significou debater os problemas dunha maneira distendida, responsable. Dunha maneira  seria que  fuxe de dogmatismos ideolóxicos que se anteponen a realidade e as necesidades políticas desta nosa terra. E que, no fondo, agochan un certo despotismo  retórico sin ilustración e sen visión a medio e longo prazo.

O nacionalismo en  Galiza somentes terá futuro cando a cidadanía saiba que sirve para solucionar os problemas cotiáns. Soamente será fértil cando faga propostas positivas, axude a crear un tecido industrial, un tecido económico que poña en valor as nosas materias naturais, a nosa forma de vida. Somentes será útil cando, ademais de defender logros sociais,  non vexa ao mundo empresarial como un elemento a bater, se non como un aliado necesario co que hai que acordar e pactar. Todo iso, sen menoscabo da  defenda da lingua e a cultura dunha forma natural e non dogmática. En fin, o nacionalismo galego ten que reivindicar, entre outras cousas, o carácter emprendedor das nosas xentes, conxugando isto con ser  ser moi forte e solidario no eido social.

Pero, para acadar ises obxectivos,  ten que reformularse sabedor das súas carencias e  facer una autocrítica seria polos moitos  anos perdidos con estratexias erradas. E logo,  marcar liñas de actuación cribles e de  futuro.  Por iso é necesaria una fonda revisión dos obxectivos e da oferta electoral  para superar o escaso apoio electoral. En fin, o congreso do PNG-PG lanzou una oferta: mirar cara o futuro sen complexos e con esperanza. Neste senso  esta visión de Galiza  empezará a dar os seus froitos na liña antes referida pois, son moitos os cidadáns galegos que  demandan  un enfoque moi  diferente na política nacionalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com