Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 19:02
A coordinadora de GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, a galega Lídia Senra, alertou este martes de que a reutilización de augas no actual modelo industrial "é un risco para as persoas e o medioambiente".
Así o sinalou Senra durante a súa intervención na sesión plenaria, onde apuntou que o Informe sobre a proposta de Regulación dos Requisitos Mínimos para a Reutilización da auga aprobado polo Parlamento, propón dar respostas que "pasan por enriquecer as grandes empresas privadas". Sitúa o plan, entón,"lonxe de romper as dinámicas industriais hexemónicas que están a provocar a contaminación da auga"
"Unha vez máis pido a este Parlamento que vaia máis aló de medidas que só supoñen parches. Temos que apostar por un modelo de desenvolvemento non contaminante e con menor consumo de auga, tanto na industria como no turismo, na agricultura e na gandaría", subliñou Senra, segundo recolle nun comunicado GUE/NGL.
Neste sentido, a eurodeputada apuntou "non estar en contra do principio de reutilización da auga" pero sinalou que a proposta aprobada hoxe "ten carencias". "O informe recoñece que hai augas que non van poder ser utilizadas para regar determinados cultivos porque poden supor un risco para a saúde. Entón, como se vai evitar que esas augas que se van a usar para regar outro tipo de cultivos non vaian contaminar os acuíferos?", apuntou.
Ademais, fixo referencia aos riscos que implica para os humanos, porque "o que botamos á terra volve despois a nós a través dos alimentos, da auga, do aire... Non podemos esquecelo".
Unha das cuestións "especialmente preocupantes", a xuízo de Senra, é que o tratamento de rexeneración das augas "vai estar en mans de operadores privadas". "Unha actividade tan sensible non pode ser un negocio, todo o ciclo da auga debería ser de xestión pública. Ademais, quen pagará estes procesos? Os agricultores na auga de regadío", sentenciou Senra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.