As ONGD galegas instan ao Valedor do Pobo a actuar contra os recortes da Xunta

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento pon en marcha unha campaña de envío de queixas contra a política de Goberno autonómico de recortar os orzamentos na loita contra a pobreza: 2.274.901 euros en dous anos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/10/2011 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

Os datos son dramáticos: a Xunta de Galicia reduciu en dous anos o 48% do orzamento dedicado á cooperación ao desenvolvemento. Un ano despois da sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza, as ONGD galegas están a ver como o Goberno autonómico, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segue executando uns recortes dramáticos para as comunidades máis desfavorecidas ás que atenden estas organizacións.

"Estes drásticos recortes están a dinamitar o traballo a prol da loita contra a pobreza que desenvolven as ONGD galegas e son a evidente mostra de que o goberno galego incumpre, de forma sistemática, os acordos asinados en materia de cooperación", denuncia a CGONGD.

Co obxectivo de denunciar estes feitos e esixir responsabilidades á Xunta, a Coordinadora puxo en marcha unha campaña de envío de queixas ao Valedor do Pobo.

"Cantas máis queixas cheguen, mellor. Demostremos así que somos moitos e moitas as que estamos a favor da xustiza social e a solidariedade entre os pobos", expresa a CGONGD, que convida aos galegos a enviar unha arta ao Valedor do Pobo contra a política de recortes da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. 

Nesta carta exprésase o malestar polas medidas que a Xunta está a levar a cabo nas políticas de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria incumprindo así, os termos e a filosofía que marca o II Plan director da cooperación galega 2010-2013, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 16 de xuño do 2010.

En especial, a queixa na aprobación de dúas ordes publicadas o pasado 3 de xuño no Diario Oficial de Galicia. Por un lado, a Orde do 24 de maio de 2011, que modifica o texto da Orde do 21 de decembro de 2010 pola que aprobaron as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

O texto modificado implica unha redución de 1.974.901 euros, é dicir, un descenso do 45 % do orzamento aprobado nun primeiro momento para o financiamento de proxectos de cooperación no exterior.

Por outro lado, na Orde do 24 de maio de 2011 que deixa sen efecto a Orde do 3 de marzo de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e procédese á súa convocatoria para o ano 2011.

Coa eliminación desta convocatoria deixaranse de destinar 300.000 euros do orzamento da Xunta a proxectos de acción humanitaria. Con ditas ordes, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza recortou 2.274.901,00 euros (991.215,00 nos orzamentos do 2011 e 1.283.686,00 que deixan de comprometerse para o orzamento do 2012), que representa un 43% do total das convocatorias iniciais.

Segundo a CGONGD, actualmente a Xunta de Galicia só achegua un 0,06 % do seu orzamento consolidado á cooperación fronte ao 0,7% comprometido no Pacto Galego contra a Pobreza, unha porcentaxe que o ano 2000 foi pactada tamén polos estados para garantir o cumprimento dos Obxectivos do Milenio antes de 2015.

"Estas cifras colocan Galicia nos últimos postos da solidariedade do Estado español", conclúen.

Por todo isto, a CGONGD convida aos galegos a enviar ao Valedor do Pobo unha carta de protesta que se pode enviar:

  • A través da aplicación web do Valedor do Pobo.
  • Por correo electrónico a valedor@valedordopobo.com / rexistro@valedordopobo.com.
  • Por fax: 981 572 335.
  • Por correo postal: Rúa do Hórreo, 65 – 15700, Compostela (A Coruña).
  • En persoa, tamén na Rúa do Horreo, 65.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 pailana

O primeiro que habería que recortar e o mesmo Conselleiro, mirádeo na súa canle favorita en el jato al ajua, facendo o ridículo, un minuto de Gloria para que todo o mundo mire o ben que fala o castelán. http://www.youtube.com/watch?v=zxWl...