'Nós tamén fomos emigrantes', a exposición da emigración galega e española retratada pola axencia EFE

Abanca, Afundación e o Concello de Guitiriz inauguraron esta mostra, que estará aberta até o 10 de marzo.

Por Galicia Confidencial | | 14/02/2019 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

A Casa Habanera de Guitiriz albergou este mércores a inauguración da exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX» cun acto ao que asistiron a alcaldesa do Concello de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez; o coordinador de Negocio Institucional en Lugo de ABANCA, Óscar Rodríguez Rodríguez; e a coordinadora institucional Zona Norte de Afundación, Tatiana Puente Faraldo. Tamén se realizou unha visita guiada á que asistiron os alumnos e alumnas do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

Exposición «Nós tamén fomos emigrantes»
Exposición «Nós tamén fomos emigrantes» | Fonte: Afundación.

A exposición, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o 10 de marzo, de luns a venres en horario de 11.30 a 14.00 h excepto os xoves, de 17.00 a 19.00 h, e os sábados de 12.00 a 14.00 h.

A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da axencia EFE entre 1996 e 2004.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente Cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Ademais, a Área Educativa de Afundación deseñou diversas didácticas para os proxectos expositivos incluídos neste programa, adaptadas ás idades dos escolares, desde primeiro de infantil ata bacharelato e ciclos formativos. Así, os estudantes de Guitiriz e arredores desde educación infantil ata 3.º de primaria poderán participar na didáctica «En barco, en avión ou en tren...»; os de 4.º de primaria ata 2.º de ESO en «Fuga de cerebros»; e os de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos en «Nós tamén fomos emigrantes». O teléfono de inscrición é o 986 333 210 ou o correo areaeducativa@afundacion.org.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta