A Xunta non terá que indemnizar o dono de máis de 20 leiras incluídas na Rede Natura en Lugo

O TSXG desestima o recurso do veciño de Muras porque considera que a entrada en vigor deste plan non supuxo perxuízos para o aproveitamento das parcelas alén dos que xa existisen con anterioridade.

Por E.P. | LUGO | 14/02/2019 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG desestimou o recurso interposto polo propietario de 23 parcelas situadas no Concello de Muras (Lugo) no que reclamaba á Consellería de Medio Ambiente unha indemnización de case 370.000 euros polos danos e prexuízos ocasionados pola inclusión das leiras na Rede Natura 2000.

Segundo informa o TSXG, o tribunal considera que o recorrente carece de dereito a ser indemnizado pola Xunta porque a entrada en vigor do Plan Director da Rede Natura 2000 "non supuxo ningunha limitación específica e exclusiva para o aproveitamento das parcelas que non estivese contemplada na lexislación vixente con anterioridade".

"Non concorre a necesaria relación de causalidade entre o funcionamento do servizo público, que o actor deriva da aprobación do decreto 37/2014, e o dano que se afirma como causado", subliña o TSXG na sentenza, na que destaca que "tampouco se demostra a concorrencia do requisito de dano efectivo".

Así, indica que os danos reclamados polo dono das parcelas céntranse "nas perdas por afección á explotación de gando de monte, así como nas relativas á diminución do valor dos terreos".

Os maxistrados, con todo, sosteñen que "non se acreditou a realización, con anterioridade á entrada en vigor do decreto, dunha efectiva explotación de gando nos terreos nos termos que se alegan previstos no informe pericial que se achega coa reclamación".

"En definitiva, non consta acreditado que os danos reclamados respondan á efectiva perda de usos cos que o reclamante contaba, que exercitaba con anterioridade á aprobación do decreto e dos que se viu privado como consecuencia directa da devandita aprobación", recalca a sala. Ademais,  subliña que no informe pericial practicado en sede xudicial "se parte dunha hipótese ou expectativas afastadas de danos reais e concretos, que non se poden dar por acreditados".

A Rede Natura é un plan de conservación da biodiversidade na UE.
A Rede Natura é un plan de conservación da biodiversidade na UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta