Eliminados dous puntos de vertedura de augas residuais en Santiago e Rois

No primeiro caso, identificouse o lugar afectado no barrio de Pontepedriña. A outra deficiencia localizouse nunha estación de servizo, pero púidose solucionar antes de que o líquido vertese ao dominio público

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

A Consellería de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, eliminou dous puntos de vertedura de augas residuais nos concellos de Santiago de Compostela e Rois.

No primeiro dos casos, Augas de Galicia constatou unha vertedura contaminante que afectaba o río Sar ao seu paso polo barrio de Pontepedriña, en Santiago. Nunha visita de inspección rutineira á zona, identificouse o punto de vertedura, despois dos traballos labores de limpeza no leito fluvial.

Segundo puideron comprobar os técnicos, tratábase dunha vertedura de augas residuais fecais que se infiltraba a través do muro de contención da marxe esquerda do río, augas arriba do paso baixo a rúa do Restollal.

O incidente detectado foi posto en coñecemento dos técnicos municipais e supuxo a adopción de medidas correctoras oportunas.

ROIS

No caso de Rois, os inspectores de Augas de Galicia e do Plan de Control de Verteduras detectaron o problema nunha estación de servizo, debido a deficiencias no selado á saída da fosa séptica que recibe as augas residuais fecais.

A Xunta informou da situación ao titular para que procedese a adoptar as medidas correctivas oportunas, que consistiron no selado da fosa, para evitar deste xeito calquera posibilidade de vertedura ao dominio público.

Augas de Galicia comprobou recentemente que as augas residuais resultantes da zona de lavado así como as pluviais hidrocarburadas das zonas de descarga e chafarices están perfectamente reconducidas para o seu tratamento cara a un sistema de depuración, antes da súa vertedura final ao dominio público por infiltración ao terreo.

O río Sar víase afectado por unha das dúas verteduras contaminantes
O río Sar víase afectado por unha das dúas verteduras contaminantes | Fonte: plancoruna.blogspot.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta