Piden cambiar o nome da Praza de Vigo de Compostela polo de Rosalía de Castro

A Asociación de Veciños do Ensanche 'Raigame' insta as institucións a converter esta praza nun "polo" de atracción turística.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

A Asociación de Veciños do Ensanche 'Raigame' solicitou que a santiaguesa Praza de Vigo sexa rebautizada en honra a Rosalía de Castro, nada no ano 1837 nesta zona da capital galega, por aquel entón pertencente ao extinto municipio de Conxo.

Presentación da Semana de Rosalía En Compostela. CONCELLO DE SANTIAGO
Presentación da Semana de Rosalía En Compostela. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Así o trasladou o presidente da asociación, Xosé Manuel Durán, durante a presentación da programación do Concello de Santiago para a 'Semana de Rosalía en Compostela', que coincide coa conmemoración do 182 aniversario do nacemento da escritora galega máis universal.

Ademais de rebautizar a praza na que Rosalía veu ao mundo, 'Raigame' instou ás institucións a converter a Praza de Vigo nun "polo" de atracción turística para os visitantes de Santiago ao redor da figura da creadora de 'Cantares gallegos'.

"Nun tempo necesitado de referentes, ninguén mellor que Rosalía polo que supuxo para a muller do seu tempo e porque é unha referencia para as mulleres de hoxe en día e para calquera persoa", asegurou Xosé Manuel Durán.

O rexedor compostelán, Martiño Noriega, mostrou a súa "receptividade" ás propostas porque vai na liña da aposta do goberno municipal por "recuperar a memoria histórica da cidade e as persoas que a construíron".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta