Molestos por enfrontarse ao caciquismo. Mellor!

Primeiro foi a Deputación de Ourense quen nos deu coas portas nos fociños. Tan só lle pedíamos o uso durante unas horas dun Salón de Actos do Centro Cultural que é noso, do pobo.

Por Xosé Dorrio | Ourense | 17/10/2011

Comparte esta noticia

O responsable do mesmo, Francisco González Bouzán, un mandadiño de José Luís Baltar Pumar, resolveu a problemática en tres liñas nas que había protocolo de abondo para acochar en tres sutís palabras unha breve escusa: “unha reserva anterior” para ese día. A Deputación de Ourense, maila solicitarllo, tampouco está disposta a abrirnos as portas para outro día calquera no que o devandito Salón de Actos puidese estar libre, esta vez gardando silencio. A razón é ben sinxela: resultamos un colectivo incómodo. Poñer nomes case resulta obsceno, por cantas persoas, miles e miles, que hai detrás do estancamento caciquil. Falamos de estancamento, en contraposición a movemento, porque esta xente son os que poñen freo a evolución da nosa sociedade, eles son os que nos impiden crecer ao igual que outros pobos que nos rodean, enchendo de persoal e técnicos ineptos, non só as oficinas das administracións, senón tamén as de empresas amigas (as de sempre, que aquí dificilmente poden xurdir outras) e fundacións ou asociacións, tamén amigas, convertidas en chiringuitos.

Máis breve foi a explicación da Responsable da Obra Social de Novacaixagalicia, Isabel Mariana Fernández Seara: dúas liñas para negarnos un Salón de Actos financiado anos atrás cos aforros de tantos e tantos ourensáns que, dende aquí, e sobre todo, coas divisas que chegaban de acola (emigración a Europa), nunha época na que aínda se chamaba “Caja de Ahorros de Ourense”. Agora xa nada é noso. Non temos ningún dereito sobre o construído por nós. Agora estes espazos soamente se reservan para actos caciquís, nada máis. Neste edificio, a pesar de denominarse Centro de Desenvolvemento, súas portas están sempre pechadas, mostra clara do que significa esa verba incómoda, desenvolvemento, para a caste política e empresarial da cidade de Ourense, acomodada como está no estancamento, e acochando unhas instalacións ás que se lle podería dar un magnifico uso (por exemplo, cedéndollas ao ATENEO de Ourense).

Escola de negocios? Centro de Desenvolvemento

Sen embargo, non. Estas instalacións están condenadas ao abandono e alí soamente os fantasmas poderán xogar a facer negocios. Aos outros, aos cidadáns de carne e oso, prohíbeselles o paso, sobre todo cando se trata de por en marcha iniciativas que poidan por en perigo o dominio social que estes e outros caciques exercen xa, secularmente.

A AVC nacerá igual, malia os atrancos que nos poñan. Cada cambadela, cada pau recibido, faranos máis fortes, máis visibles cara a sociedade. Seranos máis doado identificar aos mafiosos que engordan a conta do noso erario eschumido, coma nós. Porque o caciquismo é iso, un acto mafioso realizado por unha organización criminal, e como tal debe dar conta ante a xustiza, de existir, deste país. Porque para acadar os seus obxectivos, os caciques vense na obriga de delinquir deseguido: tráfico de influencias, delitos de prevaricación realizados polos funcionarios por eles “colocados” e cargos políticos electos, desviación de fondos públicos para soster empresas amigas, onde se lle dá traballo a súa xente (abonda con ver nos boletíns cara onde van esas axudas, subvencións e convenios, sempre os mesmos beneficiarios) ou, simplemente crear e afundir empresas para mamar unha e outra vez do mesmo teto; todo realizado, deica agora, con total impunidade.

A empresa que ten por diante a AVC é grande: desterrar e encerrar a toda esa organización criminal que nos nega como pobo, obrigalos a recoñecer o mal realizado e dende logo, indemnizar a todas e cada unha das vítimas a conta deses patrimonios inmensos que foron engordando ao longo de tantos anos a conta de debullarnos a pel.

A AVC sufre agora os mesmos atrancos que tamén sufre dende fai tempo o ATENEO de Ourense e que, precisamente no día no que nos queríamos realizar a constitución desta asociación, o 31 deste mes, se verá na obriga de cerrar as portas das súas instalacións, precisamente por non seguilo xogo da mafia caciquil que nos asexa. Será precisamente no ATENEO de Ourense onde nacerá o venres 28 de outubro de 2011 a Asociación de Vítimas do Caciquismo. A eles todo noso agarimo, recoñecemento e agradecemento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Dorrio Nacín en Ambía e aos 11 anos trasladeume a Ourense, onde resido dende os 11 anos. Sempre me lembro traballando e estudando, ate chegar a universidade. Licenciado en Dereito e logo fixen un Máster en Dirección de Persoal e Asesoría Laboral e outro de Axente de Emprego e agora ando para rematar a Licenciatura de Ciencias do Traballo, tamén na UOC. Traballei como Técnico de Emprego en ASPANAS.