O 061 denuncia rodas picadas en 12 ambulancias nunha nova xornada de folga

Volven condenar as "sabotaxes" e insisten en que seguen traballando para "garantir" a asistencia á poboación. Os traballadores do sector atópanse nun segundo tramo de paro para reclamar un convenio digno.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 volveu condenar "firmemente" as "sabotaxes" realizadas contra ambulancias do transporte sanitario urxente e denunciou rodas picadas en 12 destes vehículos no marco dunha nova xornada de folga de traballadores deste sector.

Nun comunicado de prensa, o 061 concretou que desde as 12.00 horas do día 20 e as 12,00 horas deste xoves 21, rexistráronse rodas picadas en 12 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB). Os vehículos danados teñen base, indica o 061, nos concellos de Vigo e Ponteareas -dúas ambulancias en cada un-, Santiago, Chantada, Guitiriz, Monforte, Redondela, Ordes, Lugo e Boiro.

Respecto diso, Urxencias Sanitarias destaca que continúa traballando "de modo responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente". Procuran, así, que a convocatoria de xornada de folga "non prexudique a calidade" do servizo e que "os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades".

Por iso, o 061 insiste en facer de novo "un chamamento ao comportamento responsable e consecuente", ademais de "esixir respecto aos bens e as persoas".

Esta semana os sindicatos UXT, CIG e Comisións Obreiras manteñen paros desde o luns e ata o domingo, no marco do segundo tramo da folga intermitente convocada para reclamar un novo convenio para os traballadores de ambulancias en Galicia.

Roda picada dunha ambulancia en Galicia. FEGAM
Roda picada dunha ambulancia en Galicia. FEGAM | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta