Dez días revolucionarios

Se John Reed escribiu en 1919 “Os dez días que estremeceron o mundo” para relatar os episodios revolucionarios da Rusia de 1917, alguén –nos vindeiros meses- poderá utilizar una metáfora temporal semellante para describir o sucedido no sistema financeiro galego nos primeiros días deste outono, quente na climatoloxía e na secuencia dos acontecementos económicos.

Por Xesús Veiga | Compostela | 13/10/2011

Comparte esta noticia

En menos de quince días, Novacaixagalicia e o Banco Pastor deixaron de ter os seus centros de gravidade decisionais no territorio galego.Con orixes e traxectorias distintas, ambas entidades pasaron a formar parte dese singular club de grupos empresariais deslocalizados. Xa non son –nin serán- o que algún día representaron no tecido económico galego.

Consumada a desfeita, asistimos agora ao espectáculo da disputa sobre as culpabilidades do ocorrido. Para fuxir das responsabilidades, o presidente da Xunta culpa ao Banco de España e os dirixentes do PSdG dirixen o dedo acusador ao inquilino de Montepío.Constituiría un bo divertimento se non fora porque os cadáveres de Novacaixagalicia e do Banco Pastor aínda están quentes.O inefábel MAFO tiña un plan que se resume en dúas palabras:bancarizar e concentrar.As equipas de Zapatero e de Rajoy sabíano e concordaban con eses obxectivos.E que pasou con Núñez Feijoo?Tiña a mesma información que Rajoy?Fixo algunha xestión previa na rúa Génova?Á vista dos resultados rexistrados (valoración da Caixa moi por debaixo do que tiña anunciado e absorción do Pastor polo Popular) a conclusión non admite dúbidas:a influencia política de Alberto Núñez no proceso que deu lugar a estes dez días “revolucionarios” foi practicamente nula.Ou non sabía ou non lle fixeron caso.

Poderiamos discutir, con carácter xeral, o peso real dos gobernos na  xestión da grave crise económica pola que atravesa a UE.Atopariamos, certamente, situacións moi diverxentes:o papel de Merkel e de Sarkozy, por exemplo, non é comparábel co que desenvolveron Zapatero e Berlusconi.O problema é que o actual presidente da Xunta responsabilizou ao anterior goberno bipartito das decisións que tomaron naquel momento algúns grupos empresariais actuantes na Galiza.Para o dirixente do PPdG todo o negativo que ocorría na economía galega tiña uns culpábeis:Touriño e Quintana.Pero agora, trocou a vara de medir:o das Caixas e o do Pastor hai que anotalo no debe do Banco de España e na libre decisión dos accionistas da entidade bancaria privada.E mentres Cristóbal Montoro aplaudía coas orellas, o alcalde Carlos Negreira apostaba aínda mais forte e detectaba a longa man de Fernández Ordóñez na venda do Banco Pastor.

O primeiro requisito para condicionar, dende o poder político galego, a dinámica económica no interior do noso Pais é a propia asunción do autogoberno como unha ferramenta útil e necesaria para tal obxectivo.Se tal vontade non existe, a consecuencia está servida:a Xunta fica convertida nunha caricatura.E outros ocupan eses espazos de poder lamentabelmente abandonados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.