Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2019 | Actualizada ás 19:34
A empresa Poligal, asentada no polígono industrial da Gándara, en Narón (A Coruña), presentou no Xulgado do Mercantil de Barcelona concurso de acredores coa intención de pechar estas instalacións, pertencentes ao grupo catalán Peralada, e que operan na comarca de Ferrolterra desde hai case tres décadas.
A planta, dedicada á fabricación de filme de polipropileno, sobre todo para envasado de alimentos, conta cun persoal de algo máis de cen operarios que se verán afectados por esta medida.
A empresa, a través dun comunicado, xustificou esta decisión alegando que "estas instalacións presentan problemas estruturais graves que levaron á compañía a cesar a actividade". Inciden en que "a actual conxuntura do mercado, con continuas subas dos prezos das materias primas e exceso de capacidade instalada lastraron gravemente as marxes desta planta ata facer a situación estruturalmente insustentable".
Desde Poligal tamén se asegura que "esta reorganización ten como obxectivo mellorar a competitividade e consolidar o proxecto de futuro da compañía. Poligal continuará dando servizo a todos os seus clientes desde o resto das súas plantas".
Ademais, o grupo catalán tamén traslada que "é consciente do impacto que a medida terá nos traballadores, as súas familias e a zona" e lamenta "profundamente" a decisión que se viu obrigada a tomar", á vez que agradece ao persoal "o compromiso e profesionalidade mostrados ao longo destes anos".
Responsables da empresa comunicaron esta decisión na mañá deste venres aos traballadores, ademais de trasladarlles que lles concederon a todos eles un permiso retribuído, sendo agora o administrador concursal que sexa nomeado o que tomará todas as decisións.
CONCENTRACIÓN PERMANENTE
Ante esta situación, os operarios decidiron acudir ás instalacións industriais e tomaron a decisión de estar permanentemente na sede industrial, cada un deles na súa quenda, e en concentración permanente.
A todos eles colleunos por sorpresa esta decisión, xa que moitos dos operarios pertencen a esta firma desde o ano en que comezou a operar, en 1991.
Nos últimos anos, Poligal construíu dúas novas plantas, unha en Arcos de Valdevez (Portugal), que entrou en funcionamento en 2008, e outra en Polonia, en 2017, achacando os traballadores a estes "novos competidores" o posible cesamento da súa actividade, sobre todo por ser plantas dotadas dunha tecnoloxía máis moderna e, por iso, cun menor custo de produción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.