Villares reivindica que a "fórmula" En Marea é "integradora" e "coherente" cos principios de Beiras

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2019 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou este sábado que a "fórmula máis integradora" é a que ofrece esta formación, na que a "cidadanía é a protagonista", fronte á coalición que defenden forzas como Podemos ou EU, integradas no partido instrumental.

Ante a posibilidade de que Anova, Podemos e EU opten por presentar unha candidatura alternativa a En Marea, Luís Villares reivindicou que o "partido instrumental é unha aposta ética, democrática" e o que mellor representaría o espirítu do 15-M, que apostaba por "superar dinámicas de partidos para ir a espazos ciudadanistas, os partidos teñen que contribuír pero os protagonistas son os cidadáns".

Así, incidiu en que "a proposta alternativa á de En Marea non garante nin primarias nin acceso da cidadanía a esas primarias" e defendeu "portas abertas" e "integrar a todo o mundo". A pesar das discrepancias escenificadas nos últimos días, tendeu a man a chegar a acordos, destacando que "a xente que sentiu referenciada no 15M" verá "apoiado o seu proxecto no proxecto político de En Marea, no que colle todo o mundo, no que caben tamén os compañeiros de Podemos".

No mesmo día no que Anova celebraba a súa Coordinadora Nacional, e preguntado sobre como coñecería as decisións da formación, chanceou que "en Twitter", aínda que para apuntar a continuación que ten un "contacto fluído cos compañeiros de Anova" para coñecer de "primeira man o resultado do conclave".

Neste sentido, aludiu mesmo ao fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, para suxerir que o camiño que iniciou coa constitución de AGE. "Cos compañeiros de Anova temos un contacto fluído e coñeceremos de primeira man cal é o resultado dese conclave, espero que sexa coherente cos principios fundacionais que Xosé Manuel Beiras lanzou no seu momento coa constitución de AGE como inicio dun camiño cara a un espazo republicano e cidadán no que os partidos só sexan motores auxiliares e os protagonistas sexan os cidadáns".

E nesta liña, asegurou que "a cidadanía é a protagonista do espazo político de en Marea, porque cada persoa vale un voto, con independencia de que sexan afiliados ou non", que defendía "o propio Beiras nese proxecto común da nación galega, integrador, mestizo, inclusivo".

PLATAFORMA CON PSdeG e BNG PARA O SENADO

Por outra banda, reiterou o seu ofrecemento a BNG e PSdeG para crear unha "plataforma democrática galega" coa que concorrer ao Senado nas eleccións xerais do 28 de abril para evitar "regalarlle 12 senadores ao PP".

"En Galicia hai dous bloques, o conservador ultrareaccionario que representa o PP e os seus aliados ultradereitosos, e un bloque de progreso e galeguista que é maioritario", insistiu Luís Villares, que lembrou os acordos que na mesma liña se produciron en Valencia.

Apelou así, directamente, ao secretario xeral do PSdeG, a Gonzalo Caballero: "Compañeiro Gonzalo Caballero, que dificultade hai que nos entendamos na defensa do autogoberno, do progreso social e da igualdade de mulleres e homes?", cuestionou.

E como advertencia, deixou caer que se se "deixa pasar esta oportunidade" regalaránselle "12 senadores que non se merecen, porque as ideas reaccionarias non son maioritarias, nun escenario no que o PP se está radicalizando preso de Vox".

XORNADAS SOBRE FINANCIAMENTO LOCAL

Declaracións realizadas por Luís Villares no marco dunhas xornadas sobre financiamento local organizadas pola formación no Colexio Maior Fonseca de Santiago e na que non participaron os alcaldes das Mareas da Coruña, Santiago e Ferrol.

Villares quixo quitar relevancia a este feito, asegurando que que se trataba dunha cita para "concelleiras" e non "para alcaldes" e que a ausencia da edil de Facenda da Coruña respondía a "problemas de axenda" ao ter que participar nunha das citas do programa 'Dillo Ti' que organiza a administración municipal. "Hoxe non temos aquí a alcaldes e alcaldesas, non, temos concelleiras e concelleiras de Facenda", afirmou Villares.

Na xornada de traballo constatouse "o inxusto" do financiamento dos concellos do país que reciben un "30 por cento menos que a media estatal" ao non terse en conta "criterios básicos como o número de núcleos de poboación, a súa dispersión ou a idade".

Villares reivindica que a 'fórmula máis integradora é En Marea' e suxire que e
Villares reivindica que a 'fórmula máis integradora é En Marea' e suxire que e | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Centroeuropeo

Non existen máis opción que una formación con centro de decisión en Galiza (En Marea, para quen non queira votar BNG) ou esluírse en Unidos Podemos, como se viu na (non) constitución do grupo parlamentario e na votación dos orzamentos en Madrid. Por desgraza, Anova tomou o segundo camino en tres momentos: cando se deixou parasitar pola FPG, cando Beiras cometeu o erro de apoiar o oportunista Noriega e con iso divorciouse dos beiristas, e cando o partido sacrificou a defensa dos galegos á entelequia da unidade popular (galega? española? universal?). Se non falan claramente é porque saben que entón marchará a metade das súas xa dezmadas bases. En Marea é hoxe o beirismo sen Beiras, o demáis é Unidos Podemos.