O incerto futuro de "revolución" de P. Casado

A práctica que desenvolven os partidos políticos -sobre todo nos momentos preelectorais- é consecuencia, normalmente, da interacción de dous parámetros básicos:os idearios propios de cada organización e os estados de opinión presentes no corpo social.Noutras palabras:trátase de buscar a maior conexión da “oferta” partidaria coa “demanda” existente no electorado.

Por Xesús Veiga | Compostela | 25/02/2019

Comparte esta noticia

Pablo Casado puxo patas para arriba boa parte dos contidos e das formas fabricadas polo  “marianismo”.O seu relato principal está  construído sobre unha falsidade e unha “ boutade” non xustificada pola súa mocidade e/ou precariedade académica.Reiterar  obsesivamente que a moción de censura foi o froito dun pacto entre Pedro Sánchez e o independentismo catalán estrelouse  estrepitosamente coa proba do nove do recente fracaso gobernamental na tramitación dos orzamentos xerais do Estado. Concluír, a partir de tal mentira, que a presidencia de Sánchez carece da lexitimidade esixíbel a tal cargo completa o despropósito radical no que se instalou o máximo dirixente do PP.

A situación en Catalunya ocupa un lugar prioritario nas propostas de Casado.Rexístrase, neste caso, unha notábel asimetría entre a importancia outorgada a este problema nas enquisas do CIS (non figura entre o tres máis destacados polas persoas consultadas) e o volume e a intensidade das mensaxes emitidas polos dirixentes da rúa Génova.O que puxeron encima da mesa -aplicación por un tempo indefinido e con maior dureza do artigo 155 da Constitución- suscita serias dúbidas sobre o seu encaixe legal ( lémbrese que aínda está pendente un pronunciamento do Tribunal Constitucional a respecto da decisión tomada polo goberno de Rajoy en outubro de 2017) e moitas máis aínda sobre a pertinencia estritamente política de semellante opción.

Pablo Casado pretende un  adanismo político imposíbel.A súa participación nos “estados maiores” de Aznar e de Rajoy deberíalle proporcionar plena consciencia sobre as graves responsabilidades políticas derivadas da corrupción  cronificada no seu partido e obrigarlle a recoñecer o dato indiscutíbel do medre exponencial do independentismo na sociedade catalá durante os catro anos de maioría absoluta do PP, a partir do outono de 2011.A historia ofrece paradoxos como este:se, despois da sentenza do caso  Gurtel, M. Rajoy dimitise ou convocase eleccións -como lle pedía, entre outros, Pedro Sánchez- posibelmente Casado non chegaría onde hoxe está.

Entre as incógnitas que resolverá a cita do vindeiro 28 de Abril hai unha que ocupará un espazo relevante na atención das análises posteriores:cómo recibirá o electorado  minguante do PP os cambios que emanan do seu novo núcleo dirixente? Vivirán con comodidade esa estratexia de “gañar perdendo”, unindo o seu destino a  Vox e Cidadáns? Que lonxe semellan quedar aqueles tempos nos que  demonizaban os “pactos de perdedores” cando as esquerdas e os nacionalistas completaban maiorías parlamentarias para gobernar.

Núñez Feijóo e Pablo Casado falarán en Vigo sobre a 'unidade de España'. PP DE VIGO
Núñez Feijóo e Pablo Casado falarán en Vigo sobre a 'unidade de España'. PP DE VIGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.