Os procuradores de Santiago súmanse á petición da "inmediata creación" dun novo xulgado do Social

Únense desta forma á solicitude dunha rectificación por parte do Goberno central, que tamén demandaron todos os grupos políticos municipais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2019 | Actualizada ás 10:34

Comparte esta noticia

O Colexio de Procuradores de Santiago sumouse este luns tamén á petición de "inmediata creación e posta en funcionamento dun novo xulgado do Social en Compostela".

Deste xeito únese á reivindicación feita pública en días pasados por outros colectivos do sector da Xustiza, como xuíces e avogados. "Necesitamos unha xustiza máis rápida, dilixente e eficaz", asegura o decano da capital galega, Fernando González-Concheiro, que preside tamén o Consello Galego de Procuradores.

"É unha demanda consensuada na xunta de goberno e que loxicamente conta co apoio de todos os colexiados, dada a urxencia que expón a situación de sobrecarga de traballo actual", asegurou nun comunicado o decano dos procuradores.

González-Concheiro considera "difícil de asumir" a decisión do Ministerio de Xustiza de non aceptar a proposta de Galicia de crear unha nova sala do Social. "Son asuntos moi delicados, que afectan por exemplo a pensións, e máis de tres anos de espera por un xuízo é unha demora inxustificable, non podemos seguir así", sostivo.

"Hai que adecuar a planta xudicial ás necesidades existentes, coa finalidade de lograr unha xustiza máis rápida, dilixente e eficaz, todo iso de conformidade ao proposto pola Comisión Mixta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Xunta", engaden os procuradores.

O colexio únese desta forma á solicitude dunha rectificación por parte do Goberno central, que tamén demandaron todos os grupos políticos municipais nunha declaración institucional o venres.

Xulgados De Santiago, En Fontiñas
Xulgados De Santiago, En Fontiñas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta