Temas: ANA PONTóN BNG

O BNG quere "blindar" por lei o galego para que sexa lingua vehicular no ensino

O Bloque pide a Feijóo que "non se subordine" a Casado e lamenta que o idioma perda falantes "sobre todo no ámbito urbano".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2019 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, adiantou que o seu partido presentará ao Parlamento unha proposición de reforma da lei de normalización lingüística para "blindar" o galego no ensino e que sexa a lingua vehicular en Galicia, e pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "abandone a subordinación" ao presidente do Partido Popular, Pablo Casado, "porque non se pode lexislar a lingua galega desde Madrid".

Bng Proposta Frear Perda Galegofalantes Xente Moza. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Bng Proposta Frear Perda Galegofalantes Xente Moza. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Tal como asegurou Pontón este luns, o galego "ten futuro" xa que "hai unha base social moi identificada co idioma". Con todo, lamentou que na xeración máis nova e, sobre todo no ámbito urbano, "haxa unha perda de galegofalantes".

"Que isto pase non é unha responsabilidade das familias. Hai unha responsabilidade colectiva. Nesta evolución ten moito que ver a política lingüística que se seguiu desde a Xunta de Galicia nos últimos anos e que están a alertar que o decreto mal chamado do plurilingüismo é o decreto da vergoña, que significa retroceder nos usos do galego e é necesario revisar esta política lingüística", apuntou.

Así, o BNG sinalou que é necesario "actuar canto antes" e "blindar a lingua galega ante os ataques que mesmo cuestionan o marco actual e as competencias que ten Galicia en materia educativa" (en relación á proposta do presidente do Partido Popular, Pablo Casado, de recentralizar as competencias educativas).

"Vemos con moita preocupación como nestas últimas semanas esa 'tridereita' españolista (PP, Ciudadanos e Vox) está a lanzar de novo ataques que pon en cuestión o futuro da nosa lingua", criticou a portavoz nacionalista, quen engadiu que estes partidos "volven con mentiras e prexuízos que nada teñen que ver coa realidade galega" xa que, ao seu xuízo, "se unha lingua está discriminada é a galega" (no marco de que o líder de Ciudadanos, Albert Rivera, defendeu que o castelán será lingua vehicular en toda España se chega ao Goberno).

Entre as propostas que recollerá o BNG, atópase a de "blindar" o dereito dos nenos galegos a ter competencias "plenas" en lingua galega, que a lingua galega sexa o idioma vehicular no ensino, así como outros aspectos que xa se incluían no Plan Xeral de Normalización Lingüística, "para dar un paso adiante nun ámbito tan importante e sensible".

Temas: ANA PONTóN BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 uu1

No cinema 100% castelhano, nos jornais em papel 100% castelhano, na televisão TDT, 30 canais em castelhano e 2 em galego, nas plataformas digitais 100% em castelhano, jornais digitais, não sei 80% castelhano e 20% galego. Pensar que che podam atender em galego para renovar o DNI, passaporte é uma ilusão, que encontres um médico que atenda em galego outro tanto, e podemos seguir e seguir. Eu animo a ver os contidos audiovisuais na versão do português do Brasil, que não é nem mais nem menos que uma variedade da nossa língua. “Logo arribamos ás costas do Brasil, onde os seus habitantes falan un idioma nascido e criado en Galiza, anque todos se empeñen en chamarlle português” palavras de Castelao no Sempre em Galiza. Se uma pessoa galego galante não pode viver no seu idioma todas as demais medidas serão completamente valeiras.

3 Cachamuíña

Xa é lingua vehicular Qué quere esta señora? Obrigar a todos os nenos de Galicia a escolarizarse só en galego? O dereito dos nenos galegos que teñen coma língua propia o español a escolarizarse na súa língua, onde queda?

2 Boubetas

Inmersión ou morte. O galego é marxinal nas grandes cidades e comeza a selo nas vilas. E os cativos das aldeas en canto son escolarizados mudan ao español co beneplácito de pais e avós. Ser galegofalante en moitos escenarios é xa case unha heroicidade ("cosas de nacionslistas"...). Eu sono e aínda así e todo por veces ata teño gañas de pasar de todo e deixarme levar pola marea...

1 nutrition

¿Blindar? A ver señora, que un blindaxe feito por lei, se libera con outra lei.