UXT, CC.OO. e USO asinan un acordo para o ERTE en Ferroatlántica, pero a CIG descólgase

Afectará as plantas de Cee-Dumbría e Sabón en Galicia e está previsto ata o 28 de febreiro de 2021. A Confederación Intersindical Galega non asinou porque non ve ningunha garatnái de emprego e de produción industrial

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

UXT, CC.OO. e USO asinaron un acordo na madrugada deste martes con Ferroatlántica para a aplicación do expediente de regulación temporal (ERTE) que a empresa expón polo prezo da enerxía e o resultado da poxa de interrumpibilidade. En Galicia afectará ás plantas de Cee-Dumbría e Sabón, na Coruña. Pola súa banda, a CIG descolgouse do acordo por non ver aseguradas as garantías de emprego.

Segundo critica a CIG, o texto "non contempla nin unha soa garantía de emprego e de produción industrial" para as fábricas galegas. Nun comunicado de prensa, asegura "ter pelexado" ata "o último momento" para que se incorporasen no documento cláusulas respectodestas garantías. Non estaban dispostos a "rebaixar" as demandas sobre complementos salariais "para chegar a un entendemento", din. "O prioritario non son cuestións económicas puntuais, senón o mantemento dos empregos e da actividade produtiva".

Con todo, denuncia que "a empresa se negou a acceder a estas demandas e nin sequera aceptou incluír no acordo as garantías de emprego recollidas para o ERE do ano 2009, como non aplicar un despedimento colectivo durante o tempo de vixencia do ERTE ou que calquera posible transvasamento de produción ou de materias primas entre as fábricas do grupo supoña a suspensión automática do expediente de regulación". Non en balde, a central advirte de que "xa se produciu este traslado co desabastecemento dos fornos 13 e 14 de Cee e dun en Sabón".

Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Arquivo
Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Asemade, reivindica conseguir "no aspecto social" que a compañía "retirase do acordo a proposta sobre flexibilidade de xornada e polivalencia". "Resultaría ilegal posto que son materias reservadas á negociación colectiva nos centros de traballo entre comités e empresa", incide. Ademais, agrega que "as pretensións" da firma de "basear a afectación individual do ERTE sobre a polivalencia de cada traballador xeraría discriminacións entre o persoal no tempo que teñen que pasar no desemprego".

POSIBILIDADE DE PRORROGAR O ERTE

Para a CIG, este é "de xeito evidente" un mal acordo que "non ten garantías de emprego" e que "deixa ás fábricas de Ferroatlántica no mesmo escenario no que estaban a 1 de xaneiro: con fornos parados e unha enorme incerteza".

De feito, censura que ese plan establece que o ERTE se aplicará "inicialmente" desde o 1 de marzo ata o 28 de febreiro de 2021, pero "ábrese a posibilidade de que este se prorrogue despois desta data". Esta medida vena "totalmente inaceptable tendo en conta a actual conxuntura".

Por todo iso, reitera o seu chamamento á Xunta para "que sume xunto aos traballadores e faga valer as cláusulas concesionarias das minas e das centrais hidroeléctricas como mellor garantía da viabilidade das fábricas e do mantemento dos empregos".

Nos próximos días, celebraranse asembleas de traballadores nas fábricas de Sabón e Cee para explicar o contido do acordo e explicar os motivos polos que a CIG non asinou. Así mesmo, a CIG ten convocada para o vindeiro venres 1 de marzo unha concentración ante a fábrica de Brens (Cee) ás 12,00 horas, no marco do calendario de mobilizacións ante a crise das industrias electrointensivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta