Vox, ou o relativismo máis nefasto

Coñezo xente –algunha aínda me cae ben cerca– que soamente teñen atopado nas súas vidas dúas clases de persoas, agrupadas en cadansúa categoría con deixes a sentenza inapelable. Unhas entra na de “é un gran chaval”, tódalas outros recaen na de “é un fillo de puta”.

Por Xoán Vázquez | New Yersey | 01/03/2019

Comparte esta noticia
Hai veces nas que, ao non saber en cal das dúas categorías arrebolar ao suxeito –e teñen dúas e nunca máis ca dúas–, séntese espallar un silencio incomodo de quen non sabe como resolver. Non hai máis nada. O mundo binario, simple, branco ou negro. A realidade reducida a súa versión menos probable: o anti-ideal. Ou quizais aínda reducida ao peor dos pesadelos: a inexistencia. Imposible existir despois de renunciar a pensar.  A primeira víctima dese falso reduccionismo é a esperanza de acadar un mínimo de rigor e veracidade nas andainas do cada día.  Unha vez despacho o estorbo da verdade, xa todo se nos amosa máis fácil. Tan fácil coma baldeiro. Tan fácil coma inconsecuente. Conscientes da perda da súa condición fáctica, as palabras baldéiranse de contido. As cousas xa non teñen que ser o que son e nin sequera aparentalo; adquirirán o seu significado e propósito na dinámica dos altares da conveniencia, sempre ben iluminados pola abundante luz do oportunismo e da hipocrisía. A categoría de “é un gran chaval” non é nada interesante, por estar constituída por aqueles que, carentes de criterio, desvívense por darlle a razón ao amo. Sendo atentos as pautas que marca o líder, estes só prestan servizo cando fai falta ter á man un bo puñado de parvos útiles. A categoría de “é un fillo de puta” é moito máis interesante, diversa e divertida, perceptiva e sagaz. Que será do mundo o día que non haxa fillos de puta? Non quero nin pensalo! Aquí entran os que teñen opinión de seu, criterio de seu, se máis consigna cá procura. Subxugados ao vicio de pensar, son xentes abertas ás posibilidades, á información, mesmo a mudar de opinión; porque ás veces mudar de opinión é un reclamo da razón. Porque ás veces mudar de opinión é un acto de afirmación. E pouco importa que estean a narrar o mundo tal llo mostren seus ollos, nin sequera axuda que comecen aclarando que son conscientes de que os demais tamén teñen ollos. A sentenza xa está servida, se tes criterio de teu, se chegas ás túas propias conclusións, se estás aberto a mudar de opinión guiado pola forza da razón, es un grandísimo fillo de puta. 
 
No mundo da política, a categoría “é un fillo de puta” senta mal. Como debe ser. Evidentemente hai unha certa vulgaridade e acrimonia neste laconismo; daquela, dulcifiquémola trocando o termo central da categoría quedándonos con “facha”. Facha é unha palabra máis tranquila. É breve, de fácil lembranza e sen risco de ser mal acentuada. E, ademais, neste contexto ten a virtude de non significar absolutamente nada. E iso no mundo da política vale un tesouro. Gran palabra. “Facha!”, mellor así con exclamación e todo, coma un berro noitébrego dun fuxido das sombras dos seus propios prexuízos. Todo un acerto. Non obstante, cando se trata destas palabras de pronuncia e lembranza fáciles é mellor ir a modo, non ande o demo no medio, e, sen querelas nin buscalas, nos atopemos que facha nos remate sendo un sinónimo de independente, perspicaz, sensato, preocupado, ou intelixente; ou sexa, o anti-idiota.  As palabras son o demo! 
 
Segundo os máis escollidos dos acólitos de D. Pedro Sánchez, a xuntanza “manifacha” en Colón –por suposto, os máis deles ben enmarcados na categoría de “é un fillo de puta”–, non ten importancia ningunha; pois seica alí só estaban catro gatos que non teñen neuronas abondas nin para articular un pensamento pasadío; ou sexa, o que había alí era unha bandada bovina pacendo ao meticuloso paso da tríade pastoril. Os listos, bos e xenerosos, as xentes de ben e de valía, todos estaban á expectativa das grandísimas cualidades do Relator. Prometía ser algo grande. Tiñan asumido que non sería Bieito XVI, os anos…, pero si un personaxe grave e de título. Porque, claro, para falar cos vicarios do Puigdemont hai que ter intermediarios que entendan de deferencias e ata saiban, de darse o caso, camiñar de recú coma quen despacha cun poderoso emperador. Tódalas deferencias son poucas; impensable non ter un Relator. 
 
Pódense criticar, reprobar, ou aínda condenar, postulados políticos e programas electorais e de goberno, pero nunca menosprezar ou insultar os motivos, razóns e preocupacións que moven ao electorado. Os que ven na dereita –e aínda en Vox– esperanza é porque andan faltos dela e non a atopan en ningún outro lugar. E iso, acertados ou non, non é ningunha broma. Iso é moi serio. Iso é moi grave, algo triste e absolutamente fundamental. Iso é a verdade de tódalas verdades. E é un instrumento poderosísimo. E niso de “manifacha”, que en España hai fascistas é indiscutible; pero aínda é máis indiscutible que a meirande parte dos votantes de dereitas, os de Vox incluídos, teñen menos de fascistas ca non poucos dos participantes dun Congreso do PSOE. E na manifestación en Colón haberían algúns fascistas, pero sobre todo miles de cidadáns moi preocupados con este novo socialismo do posfelipismo, de que progresismo é sinónimo de oportunismo, destrucción e ruína, comezando coa destrucción do Estado; evidenciado isto nas constantes baixadas de pantalóns ante os que afirman, sen disimulo, que teñen como misión central destruílo. Desde cando é progresismo asumir riscos que poden levar á destrución do Estado para acomodar egolatrías, avaricias e tapadeiras de patricios latrocinios? Desde cando é progresismo compartir espazos con asasinos confesos (EH Bildu)? Desde cando é progresismo antepor as ambicións persoais ao interese xeral?  Desde cando é progresismo capitular á ditadura do máis nefasto relativismo?
 
O lio con isto de sacar a lingua a pasear con cousas como “manifachas” ou “trifachito” radica nas inconveniencias inherentes á propia democracia, a parvada esa de que o voto de “é un gran chaval” conte o mesmo có de “é un fillo de puta”. E isto agrávase notablemente se consideramos que esta última categoría ten máis tendencia a aumentar. Lémbrese o “basket of deplorables” –morea de deplorables– de Hillary Clinton, que probablemente tiña algo de razón; razón que só lle serviu para perder as eleccións. No mundo do criterio, dos valores e dos principios, da procura, ninguén que se auto valore quere ser un gran chaval. Como sigamos con esta vehemencia, menosprezando e verbalmente maltratando aos cidadáns que non están para panos quentes co separatismo, okupas, narcopisos, top manta, e moitas outras calamidades e podremias que están reducindo a nosa democracia a un cagadoiro público, Vox tena moi fácil.  Só ten que esperar, e pouco: a merda xa empeza desbordar.
    
 

Simpatizantes e militantes de Vox con bandeiras de España durante as eleccións en Andalucía
Simpatizantes e militantes de Vox con bandeiras de España durante as eleccións en Andalucía | Fonte: Cuatro
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/