Mikhail Fridman, o home detrás do “Prestige” que desembarca en DIA

A Distribuidora Internacional de Alimentación, DIA, está en proceso de reestruturación e cun ERE sobre a mesa sen concretar. O actual dono de case o 30% da cadea de alimentación, é o millonario Mikhail Fridman, propietario do fueloil que levaba o petroleiro “Prestige”. GC publicou en exclusiva en 2012 unha reportaxe de investigación con documentos que comprometen a este empresario.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A noticia caeu como unha bomba. A empresa convocara unha reunión coas forzas sindicais para o día catro de marzo. Discutiríanse as condicións do ERE que o Grupo DIA busca aplicar para a súa “reestruturación”, ideada polo actual CEO Borja de la Cierva. O pasado día 25 de febreiro, forzas sindicais foran convocadas para distribuírenlles información relativa a tendas, locais e almacéns que estarían afectados polo Expediente.

Mikhail Fridman
Mikhail Fridman | Fonte: Wikipedia

De súpeto os medios comezan a emitir información sobre o líder do fondo de investimentos LetterOne, Mikhail Fridman. A Fiscalía investiga a este empresario e investidor como presunto membro dunha trama criminal. Mesmo o Departamento de Xustiza dos Estados Unidos pedíu á Fiscalía Anticorrupción española que actuase de maneira inmediata. As últimas informacións apuntan que España deixaría en mans de  EE UU debido ao sobredimensionamento do caso.

FRIDMAN E O “PRESTIGE”

Mikhail Fridman é un cidadán de orixe xudeo-ucraína e con dobre nacionalidade, rusa e israelí. Estudou enxeñería durante os anos da URSS e logo, aproveitando os procesos de apertura do réxime soviético durante o goberno de Gorbachov, foi abrindo pequenos negocios con colegas da universidade. Licenciado como enxeñeiro experto en metais e aleacións, fundou primeiro Curier, empresa de aluguer de pisos e logo Alfa Eco, importadora de computadoras de segunda man e outros produtos occidentais como tabaco e roupa.

O diñeiro sacado destas operacións permitiu que Fridman fose ampliando o seu abano de negocios ata chegar a sociedades de investimento en empresas petroleiras. Así, creou Alfa Group, empresa financeira que sería a propietaria de Crown Resources. Esta empresa tiña sede en Zug, Suíza, e era a propietaria do fueloil que transportaba o buque “Prestige” cando afundiu diante da Costa da Morte o 19 de novembro de 2002. Logo do afundimento, e debido á “mala imaxe” que transmitía, Crown Resources foi vendida e logo rebautizada como Energy, Resources and Commodities Trading Company (ERC). GC publicou unha amplísima e exclusiva reportaxe de investigación con información sobre aquelas operacións e os negocios sucios de Fridman.

Mikhail Fridman non parou e continuou cos seus negocios, ás veces non tan claros para as autoridades fiscais internacionais. Mesmo houbo voces que o apuntaban como presunto autor de accións fraudulentas no intercambio de petróleo por alimentos durante o embargo a Irak. Tamén entrou en enfrontamentos con outras empresas enerxéticas como BP (British Petroleum) coa que chegou a fusionar o seu conglomerado empresarial e petroleiro. Logo duns anos, vendeu todas as súas participacións na sociedade con BP e co diñeiro fundou LetterOne (L1).

O DESEMBARCO EN DIA

O grupo LetterOne entrou en DIA o ano 2017, mercando un 10% do capital. Pasado un tempo, acabou sendo o propietario do 25% do capital da empresa. A cuestión é que Fridman, cabeza de LetterOne, non está conforme co que ten e agora quere a compañía enteira. As manobras do millonario ruso incluían esperar que os prezos das accións de DIA fosen caendo para despois emitir unha OPA e quedar con todo o capital da compañía.

A cuestión é que as autoridades internacionais que controlan as compras e vendas de activos e valores, están en alerta diante das manobras especulativas tanto de Fridman como doutros magnates, pois algúns destes investimentos son considerados como vías de branqueo de diñeiro. Mesmo apuntan desde as Nacións Unidas, ONU, a posibilidade de estaren incumprindo os puntos relativos á “Convención das Nacións Unidas contra a Corrupción”.

O motivo polo que LetterOne desembarcou en DIA foi aproveitar un momento de debilidade financeira da compañía española, que ademais, buscaba reestruturarse para afrontar perdas. O estraño do caso é que a caída de valor da empresa foi moi rápida e sospeitosa. Por iso houbo quen avisou á Comisión Nacional del Mercado de Valores para que iniciase as investigacións necesarias.

O vindeiro día 20 de marzo haberá unha reunión de accionistas do Grupo DIA. Daquela verase cal é o poder de decisión do 70% do accionariado fronte ao 30% de Fridman e LetterOne. Mentres tanto, a actual dirección do grupo quere negociar un ERE sen garantías. O día catro de marzo habería unha xuntanza entre dirección e sindicatos para tratar o expediente, pero de momento está todo no aire e os traballadores e traballadoras esperan unha resposta no medio de toda esta confusión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os piratas deberan ser expulsados do mundo civilizado... Con Brexit ou sen el, a City de Londres é un paraíso fiscal que leva séculos roubando a mans cheas ! https://www.lavozdegalicia.es/notic...