Unha delegación arxentina quere estudar o modelo de mobilidade amable de Pontevedra

Un experto aposta por "aprender e non copiar" e cre que a solución para Buenos Aires debe ser distinta, pero con "os mesmos principios".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

O modelo de mobilidade amable de Pontevedra atraeu ata a Deputación e o Concello da capital ao conselleiro do Plan Urbano de Buenos Aires e profesor da Universidade de Belgrano (Arxentina), Fernando Verdaguer, xunto cunha delegación do seu país.

En concreto, acudiu a Pontevedra acompañado de 30 estudantes da Facultade de Arquitectura e Urbanismo interesados en coñecer de forma directa o traballo que están a realizar as administracións provincial e local nesta materia, nunha viaxe especificamente organizada para o efecto.

Esta visita da comitiva arxentina xurdiu despois de que o profesor Verdaguer coincidise o pasado mes de outubro en Lima coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, durante a celebración do V Congreso Iberoamericano de Seguridade Viaria. "Neste momento Pontevedra, paradoxalmente, é un exemplo mundial", sinalou Fernando Verdaguer. "Isto de pór ao peón ao máximo nivel nunha cidade parece raro no mundo", abundou, e iso suscitou a inquietude por coñecer este modelo.

O vicepresidente da Deputación provincial, César Mosquera, respondeulles con detalle ás numerosas preguntas que lle formularon, todas sobre o modelo de eliminar a violencia viaria e da recuperación do espazo urbano, expóndoo como un dereito equivalente á educación e á sanidade.

EXPORTABLES

Verdaguer mostrouse sorprendido pola transformación na cidade de Pontevedra e a súa extrapolación ao resto da provincia, aínda que matiza que "algunhas cousas si, pero outras non" son exportables, pero "o fundamental é entender quen é o propietario dunha cidade o vehículo ou o peón?", dixo.

O conselleiro arxentino afirmou que o concepto de mobilidade no que traballa Pontevedra é o de "unha cidade diferente: moito máis amable e máis humana". Verdaguer cre que a solución para Buenos Aires debe ser distinta á de Pontevedra, "pero deberá ter os mesmos principios". "Queremos aprender, non copiar as solucións, senón ver exemplos exitosos", comentou.

Ademais, o profesor da Universidade de Belgrano puxo o foco de maneira enérxica en que para implementar estes cambios "fai falta máis compromiso político que técnica", subliñou. Fernando Verdaguer é conselleiro do Plan Urbano Ambiental de Buenos Aires desde xullo de 2008, ademais de profesor titular da Universidade de Belgrano. Tamén foi director xeneral da Comisión de Tránsito e Transporte de Buenos Aires, director de Proxectos Especiais da Asociación Arxentina de Estradas, director xeral de Arquitectura do Ministerio de Cultura, subsecretario de Tránsito e Transportes e asesor da Secretaría de Plan Urbano de Buenos Aires, entre outras ocupacións.

A xornada programada para a comitiva arxentina comezou ás 10,30 horas na Deputación cunha reunión de traballo técnico con persoal do departamento de Mobilidade para seguir cunha recepción institucional por parte do vicepresidente Mosquera. Xa no Concello, o grupo foi recibido polo xefe do servizo de Urbanismo e o xefe da Policía Local, posteriormente nun acto oficial polo alcalde, para durante a tarde realizar unha visita ás rúas da cidade.

Pontevedra.
Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta