Os fulións das terras de Manzaneda, Mormentelos e Vilarmeao "teñen algo que os fai únicos en Europa”

Todos os entroidos teñen similitudes por corresponder a un mesmo esquema ideolóxico, mais o feito diferencial do entroido de Manzaneda, “fulión”, está no ritual das mázcaras e as súas danzas xiratorias. Así o entende o antropólogo galego Rafael Quintía.

Por X.M. Fernández | Manzaneda | 02/03/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Dende o día 20 de xaneiro xa “anda o Fulión” polas Terras de Manzaneda e veñen sucedéndose diferentes rondas de visitas dos "fulións" polas parroquias da zona e algunha que outra "Fuliada", preferentemente en fins de semana.

Mázcaras na Mascarada Ibérica de 2017 en Viana do Bolo
Mázcaras na Mascarada Ibérica de 2017 en Viana do Bolo | Fonte: GC

De cara a estes días que temos por diante, e tirando do programa que publica o Concello de Manzaneda, aínda podemos unirnos a algún fulión e vivir en directo algunha fuliada. O sábado 2 de marzo temos “Fuliada” da Mourela pra acá’ en Bidueira a partir das 11:00 h., visita do “Fulión de Borruga/Cubeiros” a Langullo ás 18:00 h. e visita do “Fulión de Requeixo” a Bidueira ás 21:00 h. Para o domingo 3, ‘Domingo Gordo’, haberá “Fuliada” en San Martiño a partir das 15:00 h. e xa o 5 de marzo, ‘Martes de Entroido’, ás 11:30 h. desfile de Fulións pola Vila de Manzaneda e despois ‘Xantar popular’ de confraternización para os participantes, veciños/as e visitantes.

O 'fulión' é unha representación de veciños e veciñas equipados con bombos, cornas, aixadas e gadañas que, acompañados das  Mázcaras, figura central do ‘entrudio’ de Manzaneda, visitan as parroquias da contorna. Na maioría das ocasións están organizados de forma espontánea pola xente das aldeas e non se anuncian. As ‘fuliadas’ son pezas teatrais satíricas e coplas sobre temas de actualidade referidos aos parroquianos/as: anécdotas, conflitos de fincas, problemas de parella, defectos dos veciños/as, etc.

O Fulión foi declarado “Festa de Interese Turístico de Galicia" no ano 2008 e aínda que teño contrastado aspectos desta celebración tan ancestral con xente do lugar, devotos deste entroido e incluso ‘Mázcaras’, este ano decidín preguntarlle a un dos antropólogos galegos que o coñecen ben. Trátase de Rafael Quintía.

Que se coñece das orixes ou posible xermolo do que hoxe é o "Fulión" das Terras de Manzaneda?

Fulión e danza das mázcaras. Foto: Rafael Quintía
Fulión e danza das mázcaras. Foto: Rafael Quintía

Como acontece con moitos aspectos do entroido, ao ser unha festa tan complexa e de tan longo percorrido, descoñecemos as orixes histórica exactas deste tipo de expresións. En todo caso, para poder entender a súa orixe e significado hai que ter unha visión de conxunto e saber enmarcar esta celebración no seu contexto temporal -a última das festas da invernía- e xeográfico, toda Europa. Calquera explicación localista, alén dalgún aspecto concreto ou particularidade local, que non contemple o fenómeno na súa globalidade é absurda e non conduce máis que a crear falsos mitos que non soportan unha mínima análise seria. Por desgraza, temos moitos exemplos desas ocorrencias explicativas e localistas no noso país, que se repiten coma mantras sen ningún sentido, incluso impresos en folletos oficiais.

Que semellanzas ten con outras manifestacións tradicionais do Entroido de Galicia e que trazos diferenciais ten?

Malia ás particularidades locais, froito da necesidade da construción dunha identidade propia e diferente, todos os entroidos de Galicia, e tamén de toda Europa, teñen moitas similitudes pois corresponden a un mesmo esquema ideolóxico. Tanto entre eles como coas mascaradas da invernía, das que son unha continuidade. As representacións teatrais e satíricas, como as da fuliada, son comúns a moitos entroidos. De feito son un dos elementos característicos do entroido. Os ritos de comensalidade, os banquetes veciñais, os petitorios polas casas son cousas recorrentes no entroido. As fariñadas ou as loitas ritualizadas entre sexos tamén son habituais. Así como a presenza de determinadas máscaras como o touro, o oso e o domador, a presenza de personaxes de branco con mestura de roupas de home e muller ou os folións, típicos tamén de Vilariño de Conso ou de Viana do Bolo, por exemplo. Pero os fulións das terras de Manzaneda, ás que hai que engadir Mormentelos (Vilariño de Conso) e Vilarmeao (Viana do Bolo), teñen algo que os fai únicos en Europa é iso é a danza rotacional das que eu chamo Mázcaras xiróvagas. É o rito que fan e como o fan o que diferenza este entroido.

Que representa logo a 'mázcara' e a súa característica danza xiratoria?

Tense dito que a orixe da danza das Mázcaras está en antigas danzas pastorís pero iso non nos di nada acerca do porque desa danza, do seu sentido e da súa función. Para entender esta danza hai que penetrar no sentido primixenio do Entroido, na súa esencia orixinaria, isto é, no seu sentido de rito de rexeneración, de expulsión da invernía e de favorecemento da chegada da primavera. É neste contexto simbólico onde podemos intentar albiscar o sentido da danza das Mázcaras e a súa absoluta coherencia como un auténtico rito destinado a favorecer a renovación anual da natureza e do seu poder vital. Ao longo da historia as danzas rituais constituíron unha das partes máis importantes nas grandes festas da fertilidade. O movemento é o prototipo das forzas vitais e o que non se move está morto. Sabemos que as danzas circulares adoitan ter un fin de rexeneración. Algo que podemos rastrexar en moitas danzas de diferentes culturas. A existencia de danzas circulares propiciatorias ou asociadas á rexeneración ou á fertilidade, xa que logo, é algo común en pobos e culturas de economía agrario gandeira, como era a galega. Por iso, eu creo que a danza rotacional das Mázcaras xiróvagas de Manzaneda (e Mormentelos e Vilarmeao) é unha danza de renovación, de reactivación do ciclo anual da natureza e da vida. Eles e elas son os que fan xirar o noso mundo para que todo volva a empezar. Repito, algo único e fascinante e témonolos nós, en Galicia. Grazas aos veciños e ás veciñas destas montañas, que souberon preservar e manter vivo este auténtico tesouro da cultura europea.

Por certo, creo que tes escrito que debe ser a única figura do entroido galego que xira sobre o seu eixe. É certo?

Polo coñecemento que eu teño, podo equivocarme, pero coido que non existe ningunha máscara nos entroidos ou mascaradas invernais de toda Europa que faga o que fan as Mázcaras destas terras de Manzaneda.

En canto á vestimenta da mázcara e os motivos da 'mitra ou pucho' na maioría pódense adiviñar como coroas con diferente creatividade pero nalgunha teño visto como construcións, casas... a que pode responder isto?

Unha característica definitoria de moitos destes oficiantes das mascaradas invernais de toda Europa é a presenza de roupas brancas, da combinación nun mesmo traxe de elementos de home e de muller, a proliferación de fitas de cores como adobío do traxe, o uso de mantóns floridos e de gorros cónicos con adornos de estilo floral, vexetal ou de fitas multicolor. As Mázcaras levan un pucho típico destas personaxes invernais, apuntado cara ao eo, con certa feitura cónica ou de coroa e adobiado con papel de colores ou similar. Podemos atopar paralelos por toda Europa, dende os gorros dos Biddy Boys de Irlanda ata os das máscaras do Masopust de Chequia. A feitura do pucho das Mázcaras é moi similar ás coroas dos Maios, e eu penso que ten que ver con esa idea de rito de rexeneración da natureza que está latente no entroido. Ambos os dous evocan ao mesmo principio rexenerador: a chegada da primavera e a súa forza revivificadora da natureza. Os puchos figurativos, estilo barco ou casa penso que son unha evolución das formas orixinais e máis coherentes co significado do entroido.

Polos teus coñecementos e por telo vivido en directo, este mesmo domingo pasado en Bidueira, que emocións transmite o "Fulión"? 

É algo difícil de expresar con palabras, algo máxico que remove a alma e que só lembralo fai que un se emocione. O permiso é o momento máis solemne da ronda do fulión. Un momento sagrado en todo o seu sentido, pois é o intre en que a comitiva veciña pide o permiso para traspasar os límites da comunidade de acollida e facer a ronda do fulión. É un momento reverencial no que se fai o silencio absoluto. O fulión visitante procede entón a pedir o permiso para entrar na aldea, e faino en verso, con palabras de loubanza cara a aldea que os acolle pero tamén con algunha brincadeira, coa rexouba e a sátira que ten que estar sempre presente porque o humor é o mellor bálsamo par suavizar as tensións sociais. Rematada a súa intervención, responden os anfitrións, tamén en verso, e nunha clave similar para, finalmente, conceder o permiso de entrar na aldea e de percorrela tocando e danzando. É neste momento onde se produce o clímax do encontro, as cornas comezan a soar, os bombos a atronar, os chocallos a tremer, o ferro a bater, rómpese o silencio cerimonial, hai bágoas de emoción e as Mázcaras realizan un movemento de translación cara o centro da escena e comezan a xirar na súa danza hipnótica ao ritmo do toque. Arranca o fulión e o mundo empeza a xirar. Visitantes e anfitrións xúntanse nunha soa comitiva, nunha soa voz, que é o toque do folión, e avanzan pola aldea impulsada polo son e o ritmo extático, abrindo a comitiva as Mázcaras, que van executando a súa danza xiróvaga cunha mestría e elegancia asombrosa. É un rito solemne, de trance e irmandade colectiva. Non é un “cachondeo”, é algo moi serio onde todos son un e o fulión avanza parando nas casas onde son agasallados con comida e bebida para despois continuar nesa sorte de procesión arrastrada polos xiros das Mázcaras. Ás veces, os que tocan no fulión incrementan a potencia do toque, rodean as Mázcaras e comezan a oulear, incitándoas a xirar e xirar nun in crescendo de intensidade e enerxía que estremece. É algo único para vivir e sentir. Para min é un rito sagrado que me remove por dentro.

Tes vivido tamén algunha "Fuliada"? Que destacarías delas?

A fuliada representa o aspecto satírico, burlesco e teatral do entroido. A válvula e escape anual ás convencións e rixideces sociais. Algo necesario para a catarse colectiva e a renovación do ciclo. Un momento onde opera unha normatividade diferente á do resto do ano e onde é posible facer e dicir cousas que noutros contextos temporais non o serían. Por iso eu sempre digo que prohibir ou intentar controlar o dereito á critica e á sátira no entroido é un atentado contra o noso patrimonio inmaterial e debería estar penado por lei, de igual xeito que está penado facer pintadas no Pórtico da Gloria. Na fuliada vese a capacidade creativa do pobo, a retranca galega, as dotes de improvisación, o enxeño da xente. Son a expresión máis pura do humor do pobo.

Rafael Quintía Pereira é antropólogo, economista, escritor e documentalista. Investigador, formador e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia de Galicia. As súas liñas de investigación céntranse, fundamentalmente, no patrimonio inmaterial. Os resultados do seu traballo de investigación nos eidos da antropoloxía e da historia víronse reflectidos na publicación de 12 libros, na realización de 8 documentais e en múltiples artigos e colaboracións. O seu labor investigador foi galardoado con catro premios de investigación e ensaio: Premio Ferro Couselo de Investigación(2017), Premio Ramón Piñeiro de Ensaio (2016), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) e Premio de investigación Luís Cuadrado (2010). Alén do seu traballo de investigación, formación e divulgación, ten participado como técnico en numerosos proxectos de posta en valor do patrimonio. Como antropólogo participou tamén en varias escavacións e campañas arqueolóxicas. É cofundador e socio da empresa ABORIGINE. Antropoloxía, Produción e Xestión cultural S.L.L., onde traballa como antropólogo profesional combiando este labor co de profesor titor de antropoloxía na UNED. Leva dende o ano 1990 vencellado ao mundo do asociacionismo e do activismo sociocultural. É presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e vicepresidente da Asociación galega de Antropoloxía Social e Cultural.

A danza da mázcara. Foto: Emilio Romanos
A danza da mázcara. Foto: Emilio Romanos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 cesc

Que grandes esas Mázcaras. Hai que vivilo!

1 Silvia Perez Vidueira

Que reportaxe tan fascinante.!!! Teño a sorte de vivir en Viana do Bolo e sentir ese arrepio que describe a cronica cando veis danzar as mazcaras de Vilarmeao e Vidueira acompañadas polo son do seu fulion.Invito a todos a coñecer o noso entroido e poder disfrutalo .