Francisco Conde avisa ao Goberno que non haberá investidores para Alcoa se non concreta o estatuto eléctrico

O conselleiro de Economía sostén que "non é admisible" a diferenza de trato de Ferroatlántica entre as factorías galegas e a cántabra e advirte que "se hai incumprimento", a Xunta "actuará"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2019 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, advertiu que "non hai posibilidade de darlle viabilidade" a ningún tipo de proposta de adquisición da planta de Alcoa na Coruña se o Goberno non concreta o prezo da electricidade para as empresas electrointensivas. Nunha entrevista na Radio Galega  mostrouse "preocupado" ante "a actitude do Goberno" debido á "falta de concreción".

Acusou á ministra de Industria, Reyes Maroto, de desenvolver todo tipo de iniciativas, reuníndose coas Comunidades Autónomas, esta mesma semana en Asturias" pero "sen ningún tipo de concreción e sen ningún tipo de propostas" e "simplemente xerando expectativas".

Conde remarcou que "unha solución para Alcoa e para Ferroatlántica e para o resto de empresas electrointesivas pasa necesariamente por concretar un prezo eléctrico que sexa competitivo e que sexa estable para as empresas", pero lamentou que "nestes momentos" non haxa "ningún tipo de indicio de que ese estatuto poida dar esa resposta". "Somos enormemente pesimistas sobre o futuro de Alcoa se non hai unha concreción por parte do Goberno", con respecto ao prezo eléctrico, sinalou.

E é que, segundo Conde, "non hai posibilidade de darlle viabilidade" nin de "sentar a ningún investidor para avaliar calquera tipo de proxecto" de compra se non hai un prezo eléctrico fixado. En contraposición, puxo como exemplo as propostas que, segundo asegurou, elevou a Xunta ao Goberno central. "O que precisa Alcoa, Ferroatlántica ou os traballadores que asumen o ERTE en Ferroatlántica, é que haxa un compromiso explícito do Goberno de garantir un prezo eléctrico competitivo a partir do 1 de xuño e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro".

FERROATLÁNTICA

No que respecta a Ferroatlántica, Conde distinguiu entre dúas situacións. En primeiro lugar, incidiu na necesidade de que o Goberno concrete un prezo eléctrico para reverter o ERTE en vigor. E en segundo lugar, lembrou a postura da Xunta ante as concesións hidroelétricas, ante as diferenzas que os sindicatos aseguran que existe entre o tratamento que a empresa que dirixe Juan Villar Mir está a dar á factoría galega e á cántabra, na que si se mantén a produción.

Ante isto, resolveu que a Xunta "non acepta a segregación das concesións hidroeléctricas" e vai manter " dunha maneira moi estrita a esixencia por parte de Ferroatlántica para que cumpra todos e cada un dos condicionantes que marcan esa concesión hidroeléctricas". "A empresa sabe perfectamente que se se produce calquera tipo de incumprimento nós actuaremos desde o punto de vista administrativo e se fose necesario chegar a unha situación límite, o goberno actuaría", avisou.

Cuestionado sobre se esa situación límite podería supor que se chegase a recuperar a concesión, Conde foi contundente: "Claro, podería chegar". E contestou que "non é admisible" a diferenza de trato entre a factoría de Cantabria e as galegas. "Temos unha posición de distanciamento sobre a decisión que está a tomar a empresa" pero matizou que vai "primar en todo o momento a defensa dos postos de traballo" tanto de Sabón como de Cee-Dumbría.

BARREIRAS E AUTOMOCIÓN

Na entrevista, o conselleiro de Industria negou que nalgún momento avaliásese a posibilidade de que a Xunta entrase no accionariado do estaleiro Barreiras. "En ningún momento", recalcou. No que respecta á automoción, Conde puxo en valor o papel que está a desenvolver PSA "non só para Vigo e Galicia senón para o seu grupo", e reprochou ao Goberno central que estea a xerar "unha distorsión" neste sector porque "que se estea demonizando" o diésel "non favorece". Pola contra, aposta por unha transición ecolóxica "ordenada e dialogando co sector".

Por outra banda, o conselleiro de Emprego reivindicou o papel do diálogo social e a función que deben desenvolver administracion, sindicatos e patronal ao entender que "é moi importante para atraer investimentos". Ante a situación da Confederación de Empresarios de Galicia, Conde valorou que "a CEG necesita reinventarse e necesita dar respostas" porque se precisa de "unha Confederación de Empresarios de Galicia forte que sexa capaz de establecer, con altura de miras, unha situación do mercado laboral de Galicia".

"MEDIDAS LEGAIS" PARA A IGUALDADE LABORAL

Na semana do Día Internacional da Muller, coa xornada de 8 de marzo ás portas, o conselleiro de Economía recoñeceu que "queda moito por facer" na consecución da igualdade laboral entre homes e mulleres. Sobre todo, indicou, en canto á fenda salarial, o baixo número de mulleres directivas ou a conciliación familiar, para o que tanto "a administración como as empresas" teñen que dar "ese maior protagonismo ás mulleres, corrixir a brecha salarial, que non é legal".

Para iso, avogou por "traballar xuntos" para impulsar "medidas legais" contra a discriminación, porque, aínda que se está "na boa dirección", aínda "hai que mellorar na redución da brecha salarial ou nas condicións das mulleres cando se teñen que reincorporar despois dunha baixa laboral". "Hai que crear climas amigables para o desenvolvemento profesional porque é unha forma de captar e reter talento", sostén Conde, que lembrou que a Xunta estuda favorecer a través da contratación pública ás empresas que incorporen medidas de carácter social, para proseguir en "un camiño que non ten retorno e que significa mellorar o mercado laboral en Galicia e vincular a economía e a empresa aos valores".

Alcoa.- O conselleiro de Economía advirte que non haberá investidores se non o Gob. RADIO GALEGA
Alcoa.- O conselleiro de Economía advirte que non haberá investidores se non o Gob. RADIO GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta