Os codigos morais da dereita mediatica

O azar quixo que coincidiran, no mesmo día, o comunicado de ETA no que anunciaba o cesamento definitivo da violencia e o linchamento de Gadafi.O tratamento mediático reflectiu a lóxica prioridade en favor dunha decisión histórica reiteradamente demandada por amplos sectores da sociedade vasca e pola práctica totalidade da opinión pública do resto do Estado español.

Por Xesús Veiga | Compostela | 27/10/2011

Comparte esta noticia

A xerarquización na importancia dispensada aos dous acontecementos estaba, pois, totalmente xustificada.Poren, o que resulta discutíbel é a dualidade amosada polos comentaristas mais relevantes da dereita mediática nos discursos valorativos sobre ambos feitos.Mentres no caso de Gadafi só prestaron atención ao que significaba histórica e politicamente a desaparición do dirixente libio sen reparar na grave transgresión que representou a execución directa polos milicianos que o capturaron, no tema de ETA fixeron exactamente o contrario:o mais importante non era o remate da actividade armada senón a carencia dun arrepentimento expreso por parte da banda.

Non se trata de facer unha equiparación –polo demais imposíbel- entre a situación histórica e actual de Libia e do Pais Vasco.O que está en discusión é a suposta coherencia da lóxica argumental practicada por eses comentaristas de garda que se presentan, habitualmente, como os máximos garantes dos valores supremos da honra e da dignidade.O pasado 20 de Outubro fixeron unha demostración práctica da dupla moral que manexan no seu particular código valorativo.Para xulgar o sucedido con Gadafi botaron man da “realpolitik” e non quixeron denunciar a aplicación da lei de Lynch en aberta contradición co que establecen as propias normas das Convencións de Xenebra.No episodio de ETA utilizaron unha regra radicalmente diferente:todo o que diga a organización armada vasca fica anulado polo grave quebranto moral que representou o uso da violencia con obxectivos políticos nos últimos 35 anos.
Se os medios utilizados na desaparición de Gadafi non mereceron un reproche ético por mor da bondade do fin buscado, no caso de ETA ocuparon todo o escenario argumental para descualificar calquera proposta práctica que trate de achegar un futuro de reconciliación para a sociedade vasca.Así escreben a historia estes defensores das “esencias patrias”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.