O teatro tamén fai folga o 8M

Redrum Teatro estrea en Santiago 'Idiota', unha comedia negra "moi empática" que "critica aos estamentos de poder". A función do venres cancélase para secundar a folga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A compañía Redrum Teatro estrea este mércores, 6 de marzo, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a obra 'Idiota', un texto de Jordi Casanovas levado ao escenario e que, en palabras do director, Álex Sampayo, é unha comedia negra "moi empática" e que "critica aos estamentos de poder".

A primeira función terá lugar este mércores, ás 20,30 horas. O xoves, á mesma hora, poderase ver a segunda función. Había unha terceira representación, prevista para o venres, pero a compañía decidiu cancelala para secundar a folga de mulleres do 8M. Sampayo asegurou que "a quen comprase a entrada devolveráselle o diñeiro". Os pases pódense comprar a través da páxina web de Compostela Cultura ou no despacho de billetes a un prezo de 12 euros.

Na presentación da peza, no Concello de Santiago, estiveron presentes, ademais do director, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e os protagonistas Machi Salgado e Susana Sampedro.

A concelleira explicou que se trata dunha comedia negra "chea de suspense" na que o espectador se verá involucrado. Ademais avanzou que tras a representación do xoves haberá unha posfunción na que os artistas e asistentes poderán debater e comentar a obra e a súa temática.

CONTRATOS QUE NON SE LEN

'Idiota' xira ao redor dunha realidade habitual na sociedade: a xente asina contratos sen lelos na súa totalidade. Así, constrúese unha "comedia moi empática" na que se "critica aos estamentos de poder" por "xogar" cos cidadáns, que son "cobaias", en palabras do director.

Machi Salgado, que dá vida a Carlos Varela, afirmou que "é un texto moi ben escrito, comprometido coa realidade", e sinalou que "os cidadáns teñen unha responsabilidade que non sempre se asume". Neste contexto o seu personaxe "representa a actitude de moita xente".

Trátase dun home que se presenta a unhas probas psicolóxicas remuneradas, coas que cre que poderá resolver os seus problemas económicos. Con todo, a situación convértese " nunha auténtica trampa" e a partir das preguntas da doutora, interpretada por Susana Sampedro, a comedia se ennegrece.

A actriz aseverou que a peza "xoga coa mente do espectador" e enxalzou o "labor brutal" do director co teatro social. Sampedro insistiu en que se trata de "unha comedia negra que fai pensar" e engadiu que o espectador "non sairá como entra" na sala.

Redrum Teatro estrea en Santiago 'Idiota', unha comedia negra 'moi empática' que
Redrum Teatro estrea en Santiago 'Idiota', unha comedia negra 'moi empática' que | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta