Comeza en Navantia a tramitación do ERE que posibilitará a saída dos traballadores de máis de 61 anos

O período de consultas deberá de estar finalizado nun prazo máximo de 30 días

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 05/03/2019 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

A dirección da empresa naval pública Navantia e os representantes sindicais iniciaron este martes a tramitación do procedemento de despedimento colectivo, mediante un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectará a todos aqueles operarios que teñan cumpridos os 61 anos ou máis, coa finalidade de pór en marcha o plan de saídas anticipadas que está recollido no plan industrial da empresa, que foi asinado o pasado 20 de decembro.

Navantia Ferrol.
Navantia Ferrol.

Nesta xornada quedou constituída en Madrid a comisión negociadora, tras achegar a parte sindical cales serán os seus integrantes, que se corresponden cos mesmos que conforman o comité intercentros, no que están representados os sete centros de traballo da empresa.

A partir deste martes ábrese un período de consultas que deberá de estar finalizado nun prazo máximo de 30 días, aínda que durante as últimas semanas os representantes sindicais sempre manifestaron que a súa intención é non esgotar este prazo. Así, agardan chegar a un acordo coa dirección de Navantia sobre as condicións e calendario de saída dos traballadores, xa que en principio case todo está xa pactado.

COMISIÓN DE INCORPORACIÓNS

Tamén este martes se celebrou a segunda reunión da Comisión Central de Emprego, que será a encargada de "negociar cal vai ser o proceso para a incorporación de traballadores, así como os seus perfís e o modo de contratación", tal e como trasladou Navantia a través dun comunicado.

Segundo a empresa, "trabállase sobre un Plan de Emprego de 2019, tendo en conta como punto de partida, por unha banda, a análise da carga de traballo e as capacidades e, por outro, as necesidades corporativas para substituír ás persoas que saen por idade". Unha vez se alcance un Plan de emprego global en 2019, as comisións de emprego locais concretarán este traballo para cada zona.

No caso dos dous estaleiros da ría de Ferrol, as antigas Astano e Bazán, esta medida suporá máis de 600 prexubilacións ao longo do ano 2019, e proseguirá durante o próximos tres anos, ata o 2022, afectando os operarios segundo alcancen os 61 anos.

Para este mércores, 6 de marzo, tanto CC.OO. como a CIG teñen convocadas senllas asembleas informativas, ás 10,30 e 10,00 horas respectivamente, para dar traslado destes acordos aos seus afiliados e simpatizantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta