Cinco mulleres no rural

8M, Día Internacional da Muller, día no que convén salientar o labor impagable dalgunhas mulleres que no se resignan ó devalo do noso medio rural.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 11/03/2019

Comparte esta noticia
Nestes momentos, lembro a impresionante manifestación na Coruña. Unha manifestación distinta, con varios focos e percorridos e consignas. Unha manifestación na que imperou a ledicia e a determinación por un futuro ecuánime no cal a muller acade o lugar que lle corresponde na sociedade sen discriminacións nin trapalladas. 
 
A empresa é unha desas contornas na que a desigualdade semella máis evidente. Non digamos xa se nos internamos en segmentos concretos do empresariado como poden ser as PEMES e o medio rural. Por iso hoxe eu quero destacar cinco mulleres (en realidade, algunhas máis) responsables de cinco éxitos sobranceiros dignos de admiración e imitación. A orde de presentación é aleatoria, cada unha ocupa o primeiro lugar: 
 
Nuria Varela. Hai dous días, La Vanguardia referíase a Nuria Varela como “a muller que creou un imperio con un huevo”. Referíase a Pazo Vilane, empresa localizada en Antas de Ulla, que conta con 40 empregados e coloca os seus produtos en máis de 800 puntos de toda España, incluíndo as principais superficies comerciais. Pazo Vilane, que está agora diversificando a produción, demostra ademais unha xenuína vocación RSE promovendo accións de visibilización do emprendemento no medio rural. 
 
Carmela Valiño. Alma máter da cooperativa Milhulloa que creou en Palas de Rei con Anxos Orgueira e Chus Expósito. Milhulloa resulta un proxecto exemplar, que fomenta a colaboración, a excelencia, a innovación e o valor do autóctono, incluído o idioma propio (etiquetan os seus produtos sempre en galego). Nun principio, produciron plantas medicinais e hortalizas ecolóxicas coma o grelo deshidratado para ir ampliando o catálogo progresivamente. Dende non hai moito, abordaron a cosmética natural baixo a marca Muuhulloa; o principal input que utilizan é o leite das súas vacas. 
 
María Estévez. Hai un video na rede onde ela explica como percorreu o país na busca de oliveiras. Sabía que Galicia producira aceite de excepcional calidade a partir da oliva brava galega que ela decidiu recuperar. Fundou Invatia para a comercialización de aceites Olei. Hoxe en día extrae en Xinzo da Limia o froito das 9.000 oliveiras que foi atopando. O seu é un aceite extravirxe complexo e elegante, con personalidade propia, tan diferente como sorprendente: así o presentan nas feiras especializadas. Sábeno ben mesmo en países como Suíza, Alemaña ou Rusia. 
 
María Victoria Cosme. Canda a súa socia Yolanda Villar, crearon en Soutelo de Montes a empresa Conservas Amorodo que produce conservas ecolóxicas de modo artesán. Son mulleres atrevidas que acometen persoalmente cada chanzo da cadea de valor, empezando incluso na propia construción das instalacións. Dispoñen xa dun catálogo amplo de produtos dunha calidade excepcional e que se poden atopar nas tendas gourmet máis esixentes do norte de España e Madrid. Tamén etiquetan en galego. 
 
Cristina Fernández-Armesto. Na Casa Grande de Xanceda, no concello coruñés de Mesía, elaboran principalmente iogures inda que tamén se atreven con outros produtos lácteos coma queixos (excelentes, podo acreditalo) e manteiga. Toda a súa produción é ecolóxica e fan gala do agarimo co que coidan as súas vacas. Utilizan un marketing fresco e divertido e o funcionamento da empresa exhala boa onda e desexos de facer as cousas con xeito. A artífice do proxecto é Cristina que un día decidiu cambiar de vida e dedicarse en corpo e alma á granxa familiar. 
 
Nuria, Carmela, María, María Victoria e Cristina, canda as súas respectivas socias, exemplos admirables de talento e coraxe. Este 8M recoñecemos o seu valor e a súa contribución ao progreso do rural galego. 
 

Gandeira en plena labor
Gandeira en plena labor | Fonte: Fademur
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego