China descobre os graves impactos medioambientais e sobre a saúde das minas de cobre, como a de Touro

Un estudo realizado na contorna do complexo macromineiro de Dongchuan revela altas concentracións de metais pesados en augas e cultivos, e alerta de riscos de cancro na poboación; unha evidencia científica que reforza a postura dos colectivos que se opoñen a minas como a que se pretende reactivar en Galicia.

Por Alberto Quian | Madrid | 14/03/2019 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

É un feito demostrado pola ciencia que a minería de cobre causa contaminación por metais pesados. Agora, investigadores chineses evidencian os danos a longo prazo causados pola presenza de elementos pesados ​​nos agrosistemas: descubriron que a minería de cobre tivo un grande impacto negativo na contorna de Dongchuan.

Vista aérea da mina de Lanniping-Baixila, no distrito de Dongchuan, na provincia chinesa de Yunnan.
Vista aérea da mina de Lanniping-Baixila, no distrito de Dongchuan, na provincia chinesa de Yunnan.

O distrito de Dongchuan (provincia de Yunnan, suroeste de China) está situado no curso do río Xiaojiang. Trátase dun lugar con longa tradición mineira de cobre desde hai 2.000 anos. É a terceira zona mineira deste metal máis grande de China e esténdese por unha área duns 660 quilómetros cadrados. Este complexo inclúe as minas de Tangdan, Luoxue, Yinmin, Xintang,  Lanniping- Baixila, Lanniping- Suoyipo e Shijiangjun.

"As actividades mineiras a longo prazo impactan negativamente os chans, cultivos, ríos e regatos”

Por facernos unha idea da estensión deste complexo mineiro, calcúlase que a dimensión da macromina de cobre a ceo aberto de Touro-O Pino podería estenderse 122 quilómetros cadrados, que é a superficie con dereitos de prospección para futuras ampliacións mineiras.

En Dongchuan, os científicos fixeron análises que agora revelan que “as actividades mineiras a longo prazo, como a mina de cobre en Dongchuan, impactan negativamente os chans, cultivos, ríos e regatos circundantes, e aumentan o risco para a saúde dos residentes locais”.

Os investigadores analizaron o contido de metais pesados ​​​na conca do río Xiaojiang. Recolleron mostras de auga, chan e arroz para facer unha avaliación ambiental e dos agrosistemas irrigados por este río.

Os resultados das análises mostraron que os chans cultivados preto dos sitios mineiros estaban altamente contaminados, principalmente por cadmio e cobre, seguidos por zinc, vanadio, chumbo, cromo, níquel e uranio.

Os científicos alertan dun “grave risco potencial para a saúde dos residentes locais por cobre, chumbo, zinc, cadmio e níquel”

Comprobouse que o arroz cultivado na área estaba tamén moi contaminado con chumbo, cromo, cadmio, níquel e cobre, sendo o chumbo o principal contaminante.

As análises mostran que se supera o limiar de seguridade no que se refire ao risco carcinoxénico potencial para os consumidores de arroz cultivado na área. En concreto, os científicos alertan dun “grave risco potencial para a saúde dos residentes locais por cobre, chumbo, zinc, cadmio e níquel”.

Os resultados sinalan tamén que a parte do río máis contaminada por metais é a que se atopa á altura da mina.

O estudo resolve que “as concentracións de cobre, zinc, chumbo, cromo, cadmio e níquel nos chans superaron amplamente as concentracións máximas permitidas para o chan agrícola”, e “as concentracións de metais pesados ​​acumuladas nos grans de arroz superaron parcial ou totalmente os niveis máximos permitidos de metais en vexetais e cereais en China”.

“Estes achados demostran inequivocamente que a minería de cobre ten un grande impacto por metais pesados"

Os científicos conclúen que “estes achados demostran inequivocamente que a minería de cobre ten un grande impacto por metais pesados ​​nun agrosistema preto da área da mina de cobre de Dongchuan”. E engaden: “A rega de augas residuais a longo prazo, especialmente a deposición de sedimentos, diminuíu o pH do chan e induciu a acumulación de metais pesados ​​nos chans fluviais ao longo do río Xiaojiang”.

En base a estas análises, advirten de que “se deben tomar medidas efectivas para protexer o medio ambiente e os ecosistemas contra a contaminación mineira e acabar coa contaminación nas zonas mineiras e as súas contornas”.

Os resultados preséntanse na revista científica Acta Geochimica, nun estudo titulado 'Effects of copper mining on heavy metal contamination in a rice agrosystem in the Xiaojiang River Basin, southwest China', asinado por investigadores das universidades de Sichuan e Shanxi.

MINA DE TOURO

Os científicos chinos fan neste estudo referencia ao caso da mina de cobre de Touro e a súa contorna, onde tamén se detectaron metais pesados.

En 2018, a asociación ecoloxista Adega fixo público o resultado das analíticas realizadas por Augas de Galicia na contorna da antiga mina. Á vista dos datos aportados polo ente autonómico, a asociación concluíu que “a práctica totalidade dos cursos de auga que rodean a antiga explotación mineira de Touro-O Pino amosan contaminación por metais pesados e alta acidez, afectando a calidade das augas superficiais e soterradas nunha extensión mínima de 65 quilómetros cadrados na contorna da mina, cando menos dende os últimos dez anos”.

Antes, Adega encargara unhas análises no regato de Pucheiras e o río Portapego. As mostras revelaron que existe contaminación por “unha importante carga de metais lixiviados”, como cobre, zinc e níquel.

Recentemente, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) publicou un informe no que rebate algúns dos argumentos de Atalaya Mining - Cobre San Rafael para que a Xunta autorice a reapertura da mina. Nese documento, alerta da presenza de metais pesados como o arsénico, o níquel e o cadmio por enriba dos niveis xenéricos de referencia para Galicia "nun número non especificado de mostras das zonas mineralizadas" (os niveis xenéricos de referencia son a concentración dunha substancia contaminante no chan que non comporta un risco superior ao máximo aceptable para a saúde humana ou os ecosistemas).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta