Que oculta a nova proposta do PP sobre a adopción de fillos de mulleres inmigrantes

O PP puxo en marcha na Comunidad de Madrid un protocolo para protexer ás mulleres que dean en adopción aos seus fillos. Feijóo evita pronunciarse sobre esta medida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 21:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu por "desmentida" a proposta que, segundo transcendeu nas últimas horas, estaría a valorar o PP nacional sobre restrinxir a expulsión de mulleres inmigrantes en situación irregular mentres se atopen embarazadas e se queren dar ao seu fillo en adopción. Unha iniciativa que, curiosamente, parte dun protocolo xa en vigor que o PP mantén activado na Comunidade de Madrid.

Precisamente, o líder do PP, Pablo Casado, dixo na tarde deste xoves sentirse vítima dunha 'fake news' pero aclarou que unha das medidas incluídas na súa futura Lei de Maternidade pasa por garantir a confidencialidade das nais que deciden dar os seus fillos en adopción. Así, na rolda de prensa posterior á reunión co seu Executivo, o líder autonómico foi preguntado sobre esta polémica iniciativa que dixo que "non existe" porque o propio partido "desmentiuna".

"O único que teño que dicir é o que dixo o propio Partido Popular, que desmentiu a proposta. Aquilo que está desmentido non creo que haxa que empezar a cualificalo. Se simplemente está desmentido, desmentido queda", insistiu. Con todo, Galicia Confidencial lembroulle que esta proposta xa está recollida nun protocolo da Comunidade de Madrid e preguntoulle a súa opinión ao respecto. "Non o coñezo", dixo, polo que optou por non pronunciarse "sobre cousas que descoñece".

Un médico atende a unha nai embarazada e o seu fillo
Un médico atende a unha nai embarazada e o seu fillo | Fonte: Miguel Núñez

O PROTOCOLO DO PP

Segundo este protocolo contra o abandono de menores da Comunidade de Madrid, os datos se anonimizan cando unha muller accede ao proceso. A proposta do PP o que busca é que unha muller que se acolla ao un proceso para dar en adopción a un menor “non podería ser expulsada” até despois de finalizado o proceso de adopción.

A nosa proposta non é unha blindaxe para toda a vida. O que dicimos é que non suporía un motivo de expulsión e que ademais gozarían de toda a protección e garantías en igualdade de condicións que as mulleres que viven en situación regular en España [durante o proceso de adopción]”, apuntan fontes do PP a Maldito Bulo, unha web que verifica ou desminte as noticias falsas.

O PP, tal e como tamén confirmou Casado, quere introducir na súa Lei de Maternidade o protocolo da comunidade madrileña de actuación para evitar o abandono de bebés. Para iso dispón dun tratamento informático dos expedientes de protección, de acceso restrinxido, a fin de que ninguén poida dispor desa información se non está autorizada. Isto supón que a Policía non podería cruzar datos para coñecer que mulleres que iniciasen o proceso de dar en adopción están en situación irregular e proceder á súa expulsión. Pero ese proceso só serve mentres dura o proceso de adopción. Unha vez consumado, a muller inmigrante pode ser expulsada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Os inhumanos.