Rescatadas dúas persoas ao caer o seu coche por un barranco na Cañiza

O turismo circulaba pola A-52. Non foi preciso utilizar material para a excarceración

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2019 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

Dúas persoas resultaron feridas de consideración ao caer o vehículo co que circulaban por un barranco na Cañiza (Pontevedra), nun sinistro ocorrido na tarde deste domingo.

O accidente produciuse ao cinco menos cuarto da tarde, cando o coche circulaba pola A-52. Foi un dos ocupantes do turismo o que chamou ao servizo de emerxencias do 112 Galicia para alertar de que sufriran un accidente e que estaban feridos.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose en marcha un operativo no que participou o 061-Urxencias Sanitarias, os bombeiros de Ponteareas e os axentes da Garda Civil de Tráfico. Ademais, transmitiuse a alerta tamén aos bombeiros de Baixo Miño e aos membros do GES de Ribadavia.

Debido ás lesións dos ocupantes, os servizos sanitarios desprazaron a aeronave medicalizada con base en Ourense, aínda que finalmente non foi necesario trasladar a ningún ferido por este medio. Os ocupantes do vehículo foron rescatados en padiola e, posteriormente, trasladados onde esta o persoal sanitario. Unha vez rescatados, os servizos de emerxencia informaron ao 112 Galicia de que non fora preciso o uso de material de excarceración.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: emergencias.es

ACCIDENTE EN ROIS

Outras dúas persoas tamén resultaron feridas este domingo na localidade coruñesa de Rois, logo de saírse da vía co vehículo no que viaxaban pola AC-300 entre Chave de Ponte e Sisto.

Tal como informou o 112 Galicia, o suceso ocorreu sobre as 15,45 horas e foron alertados o 061-Urxencias Sanitarias, os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros do GES de Brión e de Padrón. Así, tras a intervención dos servizos de urxencias, os dous ocupantes do turismo foron trasladados ao Hospital HM Rosaleda de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta