Valentín García réstalle importancia á proposta de Casado sobre mudar o status das linguas cooficiais

Afirma que esa proposta hai que entendela nun contexto de campaña electoral e que está vinculada a un "caso determinado en Baleares" que "non se chegaría nunca a dar en Galicia"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, pronunciouse acerca da proposta do líder do PP, Pablo Casado, de impulsar unha lei orgánica que establecese que as linguas cooficiais non fosen un requisito para optar a un emprego público. Limitou esas declaracións ao contexto da campaña electoral e relaciounas cun caso concreto de Baleares.

Valentín García, conselleiro de Política Lingüística.
Valentín García, conselleiro de Política Lingüística.

En comisión parlamentaria, Valentín García, respondeu que "nas campañas electorais fanse ducias de afirmacións que se plasman despois en textos de carácter formal ou non" e que vinculou a "un caso determinado en Baleares" que "non se chegaría nunca a dar en Galicia", onde defendeu a "completa reafirmación no cumprimento do Estatuto de Autonomía.

Ademais, incidiu en que unha semana despois, en Galicia, Pablo Casado puxera á comunidade galega como exemplo de "modelo lingüístico ideal para o resto do Estado". "Cinguímonos estritamente ao marco normativo que temos e non temos outro horizonte nin outra perspectiva que non sexa esta", agregou Valentín García, tras a pregunta formulada pola deputada socialista Concepción Burgo.

A representante do PSOE acusou a Casado de "pór en dúbida" os dereitos dos galegos sobre o uso do seu idioma, ao levar no programa para o 28 de abril a promesa dunha Lei de Linguas que imporía "fortes recortes" en todos os idiomas que non sexan o castelán. Entre esas medidas, "que fose opcional que se coñecese (esa lingua) ou non para entrar na función pública, ao considerar que o idioma fose só un mérito".

No marco dun "proceso de recentralización" do que acusou ao PP nacional, a deputada socialista alertou sobre o "difícil" que vai ser "usar o idioma na administración pública se os que traballan non teñen obrigación a coñecer o idioma". Por iso, cualificou a proposta de Casado de "involución absoluta" e "preconstitucional, anterior á Constitución". "Gustaríame saber se polo menos en petit comité lle dixeron a Pablo Casado que aquí non ían apoiar isto que vai en contra do Estatuto de Autonomía", suxeriu.

Pero Valentín García replicou que "o Partido Popular sempre defendeu o galego en Galicia". "No Partido Popular somos tamén galegofalantes, e todos os gobernos do PP aprobaron normativas, e ao galego tampouco lle foi tan mal", para suxerir a continuación que algúns alcaldes do PSOE -en referencia a Francisco Vázquez na Coruña ou Abel Caballero en Vigo- non usan o galego.

Tras afirmar que "o galego goza de boa saúde" e que se "fala máis galego en Galicia que catalán en Cataluña", Valentín García concluíu facendo referencia aos "recortes" á primeira lei de normalización lingüística que aplicou en 1983 un goberno socialista en Madrid, porque "se se empeza a revisar o pasado as formigas brancas aparecen por todos lados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta