Máis de 55 falecidos en Galicia no que vai de ano sen ter recibido o servizo de atención á dependencia

As entidades que compoñen a plataforma 'Por unha atención Digna á Dependencia' esixen á Xunta máis recursos públicos e anuncian unha mobilización o 17 de novembro fronte ao Parlamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2025 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

As entidades que compoñen a plataforma 'Por unha atención Digna á Dependencia' --integrada por diversas organizacións sociais, sindicais e políticas-- denunciaron que este ano "máis de 55 persoas faleceron en Galicia" á espera de recibir servizos de dependencia. Segundo os cálculos que a entidade trasladou este luns durante un acto en Santiago, desde 2017 morreron "máis de 7.000 persoas" na lista de espera deste servizo, ás que se suman 1.700 prestacións con atraso.

"Agora mesmo, o que sabemos é que as persoas están a esperar a ser valoradas, que non se está contratando e que non hai un plan a medio nin a longo prazo", criticou o coordinador do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, David Gontan. As organizacións tamén inciden en que o tempo de espera para os pagos adoita ser, de media, de 393 días, que segundo manifestou a plataforma é "o dobre do que establece a lei". Neste contexto, a plataforma esixe "máis recursos públicos, incremento do persoal, revogación das reformas e a posta en marcha dun sistema galego público forte, centros de día e Servizo de Axuda no Fogar (SAF) suficientes".

SEN DATA DE COBRO

Tamén na liña dos atrasos, Margarida Prieto Ledo, representante do Sindicato Labrego Galego, afirmou que persoas beneficiarias do bono coidado "sufriron 20 días de atraso no ingreso en agosto". "Neste momento, hai familias co bono recentemente aprobado que deben preto de 3.000 euros e non teñen data de cobro", critica. A plataforma avanzaron que pedirán unha reunión coa conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e tamén unha mobilización fronte ao Parlamento o 17 de novembro --data que coincide co debate dos orzamentos da Xunta--.

A plataforma 'Por unha atención Digna á Dependencia' reúnese en Santiago.. NICOLÁS SATRIANO
A plataforma 'Por unha atención Digna á Dependencia' reúnese en Santiago.. NICOLÁS SATRIANO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta